― A conselleira de Economía, Industria e Innovación visitou na primeira xornada no país a empresa luguesa A Vida Group e a coruñesa Grupo Ramón García, ambas do sector contract
― Destacou que son dous dos exemplos de innovación e sustentabilidade das máis de 80 firmas galegas que están implantadas actualmente en México
― María Jesús Lorenzana salienta que este mercado que destaca na acción exterior do tecido empresarial galego recibiu en 2022 exportacións de 478 empresas galegas, por un valor de 326 millóns de euros
― A sectores consolidados como a automoción, o téxtil e o agroalimentario, a conselleira engade potencialidades en ámbitos como as infraestruturas, o contract, as telecomunicacións, o sector aeroespacial e o turismo
― A segunda xornada da viaxe a México inclúe unha visita á antena do Igape, a oficina de apoio ás empresas galegas con intereses de negocio no mercado mexicano
A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, puxo en valor o nivel de implantación que leva conseguido o tecido empresarial galego no mercado mexicano, especialmente, no sector da automoción, o téxtil ou a industria agroalimentaria, que citou como exemplos.
No seu primeiro día de estadía en México, e logo de coñecer as instalacións de Carrocerías Halcón, do Grupo Marsan, Lorenzana visitou outras dúas empresas galegas implantadas no país: o Grupo Ramón García e a luguesa A Vida Group. Son dous exemplos das 84 firmas galegas que, actualmente, están presentes en México.
O Grupo Ramón García, especializado no sector contract, e con sede na Coruña, conta cunha instalación produtiva en México desde 2014 e é recoñecido internacionalmente polos seus proxectos para grandes multinacionais. Está presente en 70 países e, da súa actividade, a conselleira destacou a capacidade para dar “respostas á medida” dos seus clientes. No que respecta a A Vida Group, tamén vinculada a este mesmo sector, e en pleno proceso de expansión, Lorenzana salientou “o xeito en que mestura innovación e sustentabilidade para facer únicos e dar maior versatilidade aos seus acabados”.
RUMBO ÁS 500 EXPORTADORAS GALEGAS
México é un mercado destacado na acción exterior do tecido empresarial galego cara a onde un total de 478 empresas galegas exportaron a súa produción en 2022 ata acadar os 326M€. Por sectores, no último lustro a tendencia das exportacións da industria da automoción foi crecente e o ano pasado situouse nos 102,5M€. Tamén o sector téxtil acadou en 2022 o seu máximo dos últimos cinco anos, 96M€. E, no relativo ao sector agroalimentario, o incremento das exportacións a México está a ser constante, pasando de 21,3M€ en 2019 a case 42M€ o ano pasado.
Lorenzana recoñeceu que se trata de sectores xa consolidados nas relacións comerciais entre México e Galicia que, por outra banda, ten oportunidades de seguir afianzando lazos en ámbitos como as infraestruturas, o contract, as telecomunicacións, o sector aeroespacial ou o turístico, abondou a conselleira.
ANTENA DO IGAPE EN MÉXICO
Na segunda xornada de viaxe, a conselleira de Economía, Industria e Innovación ten prevista unha visita á antena do Igape en México, unha oficina de apoio ás empresas galegas con intereses de negocio no país. A través desta antena, entre 2021 e 2022, o Igape, en colaboración coa Cámara de Comercio da Coruña e dentro do programa de fomento das exportacións galegas (Foexga) leva organizado 5 misións comerciais a México, cun total de 64 empresas participantes. A elas, súmanse as catro que se realizaron este ano.