• A conselleira de Economía, Industria e Innovación pechou a viaxe a México cun encontro co embaixador de España no país a cunha visita á empresa coruñesa Antea Group
• Logo de acompañar a unha vintena de empresas que buscan reforzar desde o mercado mexicano o seu posicionamento internacional afirma que o obxectivo “en que sectores industriais compartimos intereses para abrir novas oportunidades”
A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, adicou parte da última xornada da viaxe a México a un encontro co embaixador de España no país, Juan Duarte, a quen lle trasladou o compromiso da Xunta de Galicia coa internacionalización da economía galega, con Latinoamérica como destino de referencia. Nesa xuntanza co embaixador, Lorenzana asegurou que México vai ser sempre un destino preferente para o tecido empresarial galego polos lazos comerciais xa consolidados. O obxectivo, polo tanto, engadiu, é “seguir detectando en que sectores industriais compartimos intereses para abrir novas oportunidades de negocio ás nosas empresas”. A conselleira incidiu en que a orientación de misións comerciais como a que encabezou nesta viaxe acompañando a máis dunha vintena de pemes galegas é, xustamente, a de axudarlles desde o plano institucional a posicionar os seus produtos e servizos. E, ao respecto, agradeceu que o interese sexa mutuo.
SEDE DE ANTEA GROUP EN MÉXICO
Na última xornada de estadía en México, Lorenzana tamén visitou a empresa galega Antea Group, con sede central na Coruña. Especializada no desenvolvemento integral de proxectos de enxeñaría, infraestruturas e transporte, a conselleira destacou dela o seu compromiso co medio ambiente e a sustentabilidade. É unha empresa, dixo, que exemplifica a aposta que Galicia está facendo pola mobilidade e o urbanismo sustentable.