Busca en nuestra página

• Nicolás Vázquez, secretario xeral de Industria, subliñou a importancia da creación de sinerxías na cadea de valor do sector, nun workshop organizado por Asime en colaboración coa Xunta

• É partidario de promover un debate “tranquilo e sosegado” que poña en valor as fortalezas de Galicia, como a capacidade de xeración renovable, o desenvolvemento industrial e loxístico en eólica offshore ou a competitividade do tecido empresarial

• Tamén incidiu na necesidade de consenso nas liñas vermellas da preservación dos ecosistemas mariños e da defensa do sector estratéxico da pesca

• O secretario xeral de Industria lembrou que o Observatorio de Eólica Mariña é o “punto de encontro” para identificar oportunidades e planificar o futuro

O secretario xeral de Industria, Nicolás Vázquez, avogou por afrontar os retos e oportunidades da eólica mariña en Galicia desde o diálogo e o consenso e xerando sinerxías na cadea de valor do sector. Segundo explicou, este é un dos obxectivos do convenio que veñen de acordar a Xunta de Galicia e Asime.

No marco dese convenio, celebrouse en Vigo o workshop `Desafíos da eólica mariña. Potenciación da cadea de valor´. Neste encontro, Vázquez amosouse partidario de promover un debate tranquilo e sosegado no cal poñer en valor as fortalezas de Galicia neste eido -a capacidade de xeración renovable, o desenvolvemento industrial e loxístico en eólica offshore ou a competitividade do tecido empresarial- pero, tamén, para abordar as liñas vermellas, que están na preservación dos ecosistemas mariños e na defensa dun sector estratéxico como o da pesca.

Na súa intervención vinculou precisamente que esa é a razón de ser do Observatorio de Eólica Mariña, un punto de encontro de todos os axentes implicados no desenvolvemento deste vector industrial para identificar oportunidades e acordar o camiño a seguir.

O secretario xeral de Industria concluíu agradecendo a Asime o seu papel de interlocutor e a súa colaboración á hora de divulgar as fortalezas da cadea de valor deste sector en Galicia.

 

 

 

 

Asociación de Empresarios Gallegos en Madrid

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

CEG - Confederación de empresarios de Galicia