. A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, lembra que as dúas Administracións levan tempo traballando e avanzando na posta en marcha desta iniciativa con efectos económicos moi beneficiosos para a comarca da Baixa Limia
. O proxecto xa conta cunha proposta arquitectónica que establece unha zona termal interior e outra exterior, un espazo para servizos de hostalería e área de estacionamento de vehículos
. O futuro centro termal, situado á beira do encoro das Conchas, incorporará a Bande á lista de destinos termais, sector no que Galicia xera o 20% da oferta de España, con preto de 150.000 turistas en 2022
.Lorenzana destacou en Bande os beneficios da Lei de aproveitamento lúdico de augas termais, na que Galicia foi pioneira, xa que potenciará un crecemento ordenado e seguro do sector
. A conselleira enxalza a liña de axudas bianual que a Xunta volveu convocar este ano para o acondicionamento e mellora dos espazos termais de uso recreativo existentes na Comunidade, con apoios de ata 200.000 euros por proxecto
O convenio de colaboración asinado entre a conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, e a alcaldesa de Bande, Sandra Quintas, permitirá iniciar a redacción do proxecto de construción do futuro centro termal do municipio, que estará localizado á beira do encoro das Conchas.
Lorenzana lembra que se trata dun proxecto no cal a Xunta e o Concello de Bande levan tempo traballando e que xa conta cunha proposta arquitectónica, que establece dúas zonas termais (interior e exterior), un espazo dedicado á prestación de servizos de hostalería, e unha zona de estacionamento para vehículos.
A conselleira de Economía, Industria e Innovación, avoga por que Xunta e concellos vaian da man para impulsar o termalismo en Galicia, que abrangue o 20% da oferta termal de todo o Estado, con preto de 150.000 turistas en 2022.
LEI PIONEIRA EN ESPAÑA
Na sinatura do convenio de colaboración, apuntou ao respecto que a Administración autonómica aprobou en 2019 a Lei de aproveitamento lúdico de augas termais de forma pioneira en España para potenciar un crecemento ordenado e seguro deste sector. E, por outro lado, mencionou a liña de axudas bianual que este ano a Xunta volveu convocar para o acondicionamento e mellora deste tipo de espazos termais de uso recreativo que hai en Galicia, con apoios máximos de 200.000 euros por proxecto. En total, vanse beneficiar destas axudas os concellos de Salvaterra de Miño, Ourense e Punxín.
Lorenzana recoñeceu que levar a cabo as correspondentes obras de mellora nestes espazos non só supón unha oportunidade para a posta en valor deste tipo de instalacións, senón que vai contribuír, tamén, como un revulsivo para o turismo e a dinamización económica dos concellos.
Segundo sinalou, o termalismo é un dos puntos fortes da oferta turística de Galicia e, grazas a este proxecto, o Concello de Bande poderá sumarse á lista de destinos termais que converten á Comunidade en líder nacional do sector e á provincia de Ourense en capital termal de Galicia.