Busca en nuestra página

• A directora do Igape, Covadonga Toca, interveu en Santiago na presentación do evento que se levará a cabo entre o 16 e o 18 do vindeiro mes e que contará con delegacións do empresariado galego de Uruguai, Arxentina, Estados Unidos, México, República Dominicana, Brasil, Cataluña e Galicia

• No acto incidiu na importancia da cooperación público-privada, como chave no papel que xogan as asociacións galegas de empresarios do exterior na proxección internacional e na “consolidación da Marca Galicia”

• Covadonga Toca resaltou a relevancia da diversificación para crecer nos mercados exteriores, que no caso do Uruguai ten permitido incrementar as vendas en sectores entre os que sobresaen o agroalimentario e a automoción

• Na súa intervención para presentar o encontro cuxo lema será `Un camiño de integración e oportunidades´remarcou que as vendas ao exterior dirixidas ao Uruguai seguen “unha liña claramente ascendente”, cunha alza do 47,8% no último lustro ata acadar os 30 M€

A directora do Igape, Covadonga Toca, participou en Santiago na presentación do Encontro Mundial de Empresarios Galegos no Uruguai, un evento que se celebrará o vindeiro mes de novembro no país suramericano e que permitirá reforzar a xa importante relación comercial entre ambas rexións.

“Grazas á colaboración da Asociación de Empresarios Galegos do Uruguai (AEGU), podemos anunciar hoxe este encontro, que celebraremos, baixo o lema `Un camiño de integración e oportunidades´, entre o 16 e o 18 de novembro en Montevideo e en Punta del Este”, incidiu Toca Carús, que estivo acompañada polo cónsul xeral do Uruguai en Galicia, Ramiro Rodríguez Bausero, e pola prosecretaria da Asociación, Beatriz Doldán Montes.

A directora do Igape agradeceu a AEGU, que suma máis de 200 empresarios, o seu traballo, e puxo en valor a importancia da cooperación público-privada para o desenvolvemento de proxectos como este, que facilitará impulsar novos negocios e que contará coa presenza de delegacións de empresarios do Uruguai, Galicia, Cataluña, Estados Unidos, México, República Dominicana, Brasil e Arxentina.

EMBAIXADORES NO MUNDO

“Vós sodes os nosos embaixadores no mundo; representades a imaxe dunha Galicia que grazas ao voso traballo reforzou a súa proxección internacional”, afondou Covadonga Toca, salientando a importancia que teñen as asociacións galegas de empresarios no exterior na proxección internacional e na “consolidación da Marca Galicia” en todo o mundo.

Neste marco, a directora do Igape destacou tamén a transcendencia da diversificación para crecer nos mercados exteriores, que no caso do Uruguai ten permitido incrementar as vendas en distintos sectores, entre os que destacan o agroalimentario e a automoción. “Ambos os territorios diversificamos as nosas exportacións e importacións, creando oportunidades para o crecemento económico e a colaboración en diversas áreas”, expuxo.

As vendas ao Uruguai seguen unha liña claramente ascendente, incrementándose un 47,8% no último lustro ata acadar os 30 M€. Un crecemento parello ao que veñen reflectindo as exportacións galegas, que acadaron no último ano unha cifra histórica ao sumar case 30.000 M€.

 

 

 

 

Asociación de Empresarios Gallegos en Madrid

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

CEG - Confederación de empresarios de Galicia