Últimas Noticias

Consellería de Economía, Industria e Innovación

  • A conselleira de Economía, Industria e Innovación participou en Madrid no acto de entrega do `XVII Premio Victoriano Reinoso´, concedido por Aegama ao empresario viveirense Francisco Vale

  • María Jesús Lorenzana asegurou que o Goberno galego vai seguir ofrecendo estabilidade e apoio ás empresas, e que unha das principais liñas da política económica continuará baseada na colaboración público-privada

  • Defende que esa será a “folla de ruta” dos vindeiros catro anos, xa que “o obxectivo é xerar certezas e estar ao lado de quen emprende e crea riqueza”

  • Destacou do premiado por Aegama, Francisco Vale, actual conselleiro delegado de Unilusión, a súa traxectoria e compromiso social co emprego inclusivo

  • O empresario nado en Viveiro lidera un novo proxecto en España, despois de máis de tres décadas en París como director xeral no sector dos facility services, no que chegou a xestionar unha compañía con 13.000 empregados

 

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, reiterou o compromiso da Xunta por seguir traballando a vindeira lexislatura de xeito coordinado co tecido empresarial galego para situar Galicia á vangarda económica de España. Así o manifestou durante a súa intervención no acto de entrega do `XVII Premio Victoriano Reinoso´, organizado pola Asociación de Empresarios Galegos en Madrid (Aegama), e que nesta edición lle foi concedido ao empresario Francisco Vale, conselleiro delegado de Unilusión, de quen Lorenzana destacou a súa traxectoria e compromiso social co emprego inclusivo.

A conselleira asegurou que o Goberno galego vai seguir ofrecendo estabilidade e apoio ás empresas, e que unha das principais liñas da política económica seguirá sendo a colaboración público-privada. Será a folla de ruta da Xunta os vindeiros catro anos, dixo, porque o obxectivo é xerar certezas e estar ao lado de quen emprende e crea riqueza.

Referiuse, así, ao papel que vai desempeñar a Oficina Económica de Galicia, como órgano de asesoramento técnico e personalizado para as empresas con proxectos de investimento. E, tamén, incidiu no proceso de desburocratización que está levando adiante a Administración autonómica para reducir os prazos administrativos, ou na mellora das condicións de acceso a solo empresarial.

Lorenzana puxo en valor o traballo que está a facer o tecido empresarial galego e enxalzou a súa capacidade de adaptación ás exixencias do contexto actual. E concluíu comprometendo o apoio da Xunta para xerarlle oportunidades para o investimento, o crecemento e a internacionalización.

FRANCISCO VALE, INTEGRADOR LABORAL E SOCIAL

Coa distinción anual do `Premio Victoriano Reinoso´, Aegama recoñece a traxectoria profesional do empresario Francisco Vale, nado en Viveiro (Lugo). A activa asociación dos empresarios galegos establecidos en Madrid destaca de Francisco Vale, actual CEO de Unilusión e xestor e emprendedor durante a súa longa etapa en París, que logo de máis de 30 anos de experiencia como director xeral no sector dos facility services, no que chegou a estar á fronte dunha compañía con 13.000 empregados, agora “emprende un novo proxecto, creando un equipo completo de posibilidades, disposto a aportar as capacidades e solucións necesarias a un innovador modelo de negocio futurista-dixital e aberto ás novas causas profesionais e persoais”.

O galego Francisco Vale xa atesoura outras distincións, como o Premio da Asamblea Nacional Francesa pola súa loita contra a exclusión e o premio da Fundación Integra por alcanzar as 200 contratacións de persoas en exclusión.

O acto de entrega organizado por Aegama, e presidido pola conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, tivo lugar no Eurostars Madrid Tower do Paseo da Castellana. Asistiu unha numerosa representación de socios de Aegama e da colectividade galega afincada na capital de España.

  • Covadonga Toca, directora do Igape, destaca a fortaleza de “acompañar aos emprendedores e empresarios nun itinerario que inclúe acceso ao financiamento, asesoramento, promoción do talento e fomento da cultura da internacionalización”

  • Destaca a nova liña de apoio ás startups, que cobre o 100% dos gastos para o lanzamento e consolidación temperá de proxectos

  • A directora do Igape enxalza que os centros dixitais e de fabricación avanzada “permiten o desenvolvemento da contorna das empresas e os consumidores”

  • Pon en valor a canle única da Oficina Económica de Galicia e apoios da Xunta como a nova liña de incentivos para atracción de empresas, que suma 30 millóns en tres anos, os préstamos directos do Igape, con outros 30 millóns para financiamento, ou a batería de axudas para fomentar a internacionalización

  • Covadonga Toca participou na inauguración do evento Node Experience, na Cidade das TIC, cunha intervención baseada nas vantaxes e beneficios da cooperación público-privada

 

A directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, participou na inauguración do evento Node Experience, na Cidade das TIC, onde avogou por potenciar a cooperación público-privada na procura de seguir a aproveitar ao máximo todas as oportunidades que ofrece o ecosistema innovador galego.

“Debemos acompañar aos nosos emprendedores e empresarios nun itinerario que inclúe acceso ao financiamento, asesoramento, apostar polo talento e fomentar a cultura da internacionalización”, afondou Toca, quen neste último campo lembrou que as exportacións galegas están acadando “datos históricos e configurando o mellor ciclo exportador da nosa terra”.

Nesta tarefa conxunta, proseguiu a directora, a Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través do Igape, habilita un ano máis distintas ferramentas e programas de apoio, entre os que destacou a “continua aposta” polas startups. Un compromiso que este exercicio inclúe a primeira liña específica de apoio ás startups galegas. Detallou que a nova liña cobre o 100% dos gastos, entre 10.000 e 20.000 euros, nos que incorran os emprendedores innovadores no lanzamento e consolidación temperá dos seus proxectos.

CENTROS DIXITAIS E DE FABRICACIÓN AVANZADA

E todo isto, afondou, sen esquecer “as últimas apostas que temos en marcha desde a Xunta” como son os centros dixitais e os centros de fabricación avanzada, que permiten o desenvolvemento da contorna das empresas e os consumidores e do que contamos “cun exemplo inmellorable nesta Cidade das TIC que hoxe nos acolle”.

“Por parte da Xunta de Galicia sempre nos van a atopar na tarefa de acompañar ás nosas empresas e de promocionar a colaboración público-privada, porque é o noso papel e cremos nos beneficios dese traballo en equipo”, sinalou Covadonga Toca, quen, neste escenario, puxo en valor a posta en marcha este ano da nova Oficina Económica de Galicia, unha canle única para a entrada das empresas á administración, facilitando información, asesoramento e acompañamento.

Unha oficina que se complementa con apoios como a nova liña de incentivos para a atracción de empresas, que suma 30 millóns en tres anos, os préstamos directos do Igape, con outros 30 millóns para achegar financiamento, ou unha ampla batería de liñas e axudas para promover a internacionalización.

“As nosas empresas, teñen a importante responsabilidade de dar resposta ás necesidades e demandas do noso tecido produtivo e da cidadanía. E entre todos, desde a colaboración público-privada, temos a obriga de proporcionarlles o apoio e os recursos necesarios para que os seus proxectos teñan a capacidade de crecer e ter éxito”, concluíu a directora do Igape.

  • Darán apoio a 60 plans promovidos por microempresas, pemes, autónomos e asociacións ou fundacións sen ánimo de lucro do terceiro sector social e mobilizarán en torno a 9 millóns de euros

  • As axudas poderán solicitarse ata o 13 de marzo e terán unha intensidade do 50%, mentres que o orzamento subvencionable deberá estar entre 50.000 e 150.000 euros

  • InnovaPeme e DeseñaPeme buscan instaurar unha cultura de innovación continua e sistemática nas pemes galegas e aumentar o número de empresas innovadoras

  • Ambos programas complétanse con outras liñas como os Bonos de innovación, o plan ReAcciona, a aceleradora de internacionalización Galicia Avanza, as business factories ou o programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024-Diferenza

 

A Xunta está a promover unha nova convocatoria dos programas InnovaPeme e DeseñaPeme, dirixidos a impulsar a innovación nas pequenas e medianas empresas galegas a través dun orzamento de 4,5 M€. O prazo de solicitude estará aberto ata o vindeiro 13 de marzo.

Estes dous programas pretenden dar resposta ás necesidades das pemes, en especial ás menos innovadoras de sectores tradicionais, paliando a súa falla de recursos e coñecementos en materia de innovación. Así, a través de DeseñaPeme incídese na innovación en produto, servizo e experiencias, ademais de marca e identidade corporativa; mentres que InnovaPeme céntrase na innovación en procesos e organización.

Ambos os dous programas aspiran a financiar 60 plans de deseño e innovación nas pemes cunha mobilización de 9 M€. As entidades beneficiarias son autónomos, microempresas, pequenas e medianas empresas, así como as asociacións e fundacións sen ánimo de lucro do terceiro sector social, sempre que teñan actividade económica e categoría de peme.

O orzamento subvencionable deberá estar entre os 50.000 e os 150.000 euros por cada plan, de xeito que unha mesma peme que se presente ás dúas convocatorias poderá investir ata 300.000 euros. As axudas terán unha intensidade do 50% e outorgaranse mediante o procedemento de concorrencia competitiva.

CULTURA DE INNOVACIÓN CONTINUA

Os obxectivos destes programas son promover unha cultura de innovación continua e sistemática nas pemes galegas, incrementar o número de empresas que teñen a consideración de innovadoras, aumentar a súa competitividade, potenciar a colaboración das pequenas e medianas compañías co resto de axentes do ecosistema, favorecer a comercialización de resultados da I+D+i, incluír paulatinamente a innovación de procesos e organización no tecido empresarial galego e aumentar o seu gasto en I+D e actividades innovadoras.

Estas convocatorias enmárcanse na aposta da Xunta de Galicia por achegar a innovación a todo o tecido empresarial e vense completadas con outras liñas como os Bonos de innovación (abertos ata o 22 de febreiro) para actuacións a curto prazo e dun menor importe; o programa ReAcciona; a aceleradora de internacionalización para proxectos innovadores Galicia Avanza (que se lanzará proximamente); o traballo das distintas business factories ou o Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024-Diferenza.

  • Serán instalacións “con aparellos e tecnoloxía complexa”, ubicados nunha empresa principal, pero a disposición das pemes e autónomos de toda Galicia

  • Reafirman a aposta da Xunta por seguir impulsando a modernización e dixitalización da industria galega e xurden ao abeiro das liñas de axudas para Centros de Fabricación Avanzada e de Centros Dixitais

  • Os novos referentes de innovación abarcarán a produción audiovisual, as tecnoloxías satelitais, os servizos avanzados de datos, a mellora da conectividade e a produción, monitorización e análise de vídeo

  • O obxectivo é a promoción de infraestruturas de vangarda como factor determinante para mellorar a competitividade das pemes galegas, desde un modelo de crecemento intelixente, sustentable e innovador

  • Actualmente estanse a impulsar en Galicia sete centros de fabricación avanzada, nos sectores TIC, turismo, saúde, loxística, biotecnoloxía, agroalimentación e deporte, cun investimento total de 26,6 millóns de euros

  • As participantes na segunda edición desta iniciativa presentaron en Tecnópole os logros e resultados acadados ao longo dos dez meses de duración do programa

  • Son 12 pemes de Pontevedra, 11 da Coruña, 4 de Lugo e 3 de Ourense, que contaron con itinerarios personalizados para abordar os mercados exteriores

  • A directora de Gain, Patricia Argerey, destacou na inauguración do evento que a aceleradora Galicia Avanza “contribúe a facer máis rendible o investimento en innovación, apoiando ás nosas pemes a traspasar fronteiras e conquistar mercados”

  • Covadonga Toca, directora do Igape, enxalzou que o tecido empresarial galego dispón “das mellores condicións para que siga a facer da internacionalización un dos grandes motores de crecemento económico”

  • Na cita de Tecnópole transcendeu que este mesmo mes abrirá o prazo de solicitudes para a terceira edición do Galicia Avanza, que busca seleccionar outras 30 pemes innovadoras

 

As trinta pemes innovadoras e/ou de base tecnolóxica participantes na segunda edición da aceleradora para a internacionalización Galicia Avanza presentaron en Tecnópole os logros acadados ao longo dos dez meses que durou o programa. Esta iniciativa púxose en marcha en 2022 como resultado da colaboración entre a Consellería de Economía, Industria e Innovación -a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)- e o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole). Desde entón, 60 pemes das catro provincias galegas participaron no programa.

A directora de Gain, Patricia Argerey, inaugurou o encontro, ao que tamén asistiron a directora xeral do Igape, Covadonga Toca, e a presidenta da Confederación Empresarial de Ourense, Marisol Nóvoa. Na súa intervención, Patricia Argerey puxo de relevo o éxito do programa que “contribúe a facer máis rendible o investimento en innovación, apoiando ás nosas pemes a traspasar fronteiras e conquistar mercados internacionais” e apuntou que entronca cunha das prioridades da política de I+D+i da Xunta de Galicia que é a internacionalización do ecosistema galego de innovación e, por ende, o reforzo da Marca Galicia no exterior dentro do ámbito da innovación e a I+D.

Pola súa banda, Covadonga Toca destacou que a través desta aceleradora, así como do resto de ferramentas á disposición das empresas, “ofrecemos ao tecido empresarial galego as mellores condicións para que sigan a facer da internacionalización un dos grandes motores de crecemento económico”. A economía galega progresa no seu obxectivo de consolidación de mercados no exterior, apuntou a directora, o que está permitindo acadar rexistros históricos en exportacións. “As cifras falan moi ben do tecido empresarial galego e da estabilidade e a confianza que achegamos desde Galicia”, incidiu, destacando que Galicia ven de acadar un novo récord en vendas ao exterior no ano 2023, situándose por primeira vez por riba da fronteira dos 30.000 M€.

DA ENXEÑARÍA Á ACCIÓN SOCIAL

No transcurso do acto, destinado a promover a internacionalización da innovación, déronse cita empresas de todos os sectores, con presenza en mercados exteriores ou con potencial de exportar os seus produtos e servizos. O director de Tecnópole, Javier Taibo, presentou os resultados desta segunda convocatoria, na que se impulsou a internacionalización de 30 pemes das catro provincias galegas: 12 de Pontevedra, 11 da Coruña, 4 de Lugo e 3 de Ourense. Pertencen a sectores produtivos diversos, dedicadas na súa maioría á enxeñaría e ás TIC, ademais do sector agroalimentario, consultoría, formación, venda ao por maior e ao por menor, retail, hixiene e acción social.

No marco desta convocatoria, detectáronse un total de 67 mercados de interese para as pemes participantes: o 55 % en Europa, principalmente en Alemaña, Francia e Portugal; o 21 % en Latinoamérica, sobre todo en México, Arxentina e Chile; e o 24 % restante nos Estados Unidos e en diversos países de África e Asia. Ademais, rexistráronse 18 marcas en diferentes países e unha patente.

O valor global das actuacións levadas a cabo ascendeu aos 575.447,71 euros, cun apoio medio por empresa de 19.181,59 euros. Durante os dez meses de duración desta segunda edición do programa Galicia Avanza realizouse unha prospección de mercados de interese para cada unha das pemes participantes, protección de patentes e marcas nos países de destino, elaboración e desenvolvemento de plans de márketing, análise de clientes potenciais e establecemento de axendas comerciais, adaptación das páxinas web das empresas ao mercado internacional de destino, ademais da realización ou adaptación de soportes comerciais. Así mesmo, nos casos nos que foi necesario, adaptáronse os produtos aos mercados de destino, elaboráronse contratos e creáronse ferramentas para facilitar as vendas, entre outros servizos.

O evento incluíu tamén a presentación de casos de éxito en internacionalización de empresas de referencia; un espazo expositivo das 30 firmas participantes no Programa Galicia Avanza e reunións bilaterais. Durante esta cita anunciouse a posta en marcha da terceira edición de Galicia Avanza, na que poderán participar outras 30 pemes galegas innovadoras. O prazo de solicitude abrirase ao longo deste mes e as empresas interesadas disporán dun prazo amplo para presentarse á nova convocatoria.

  • A directora do Igape, Covadonga Toca, participou nunha xornada da 5ª edición da Business Factory Aero tras visitar a sede de 3eData, empresa cualificada como iniciativa de emprego de base tecnolóxica

  • Resaltou que o talento e a innovación son os eixos vertebradores da competitividade empresarial

  • Covadonga Toca lembrou que a BFAero suma 42 proxectos en cinco edicións, dos que a metade están en fase de aceleración e 6 na de consolidación

  • Ás business factories que se veñen impulsando en alimentación (BFFood), automoción (BFAuto), farmacia (BFMedicines) e aeronáutica (BFAero), en 2024 sumarase a nova business factory ambiental (Clima-Tech)

 

A directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, participou nun encontro de traballo cos 12 promotores dos proxectos da 5ª edición da Business Factory Aero - BFAero, un marco no que puxo en valor a importancia do talento e a innovación como eixos vertebradores da competitividade empresarial.

Neste sentido, a xornada de traballo permitiu destacar a necesidade da cooperación na procura de configurar o mellor ecosistema empresarial posible sobre a base da innovación, a dixitalización e a sustentabilidade, atraendo talento e capital internacional. “Impulsar o talento e a innovación é impulsar a mellor versión de Galicia”, subliñou Toca Carús.

A directora do Igape destacou que, ata o de agora, a BFAero suma 42 proxectos en cinco edicións, a metade deles en fase de aceleración e outros 6 na de consolidación, “alentando todo ese talento innovador galego” no ámbito da aeronáutica na procura de facilitar “a súa chegada ao mercado”.

Este campo compleméntase, expuxo, co resto de business factories que se veñen impulsando en alimentación (BFFood), automoción (BFAuto) ou farmacia (BFMedicines), e que medrará este ano coa nova business factory ambiental (Clima–Tech), que atenderá a sustentabilidade ambiental como forma de garantir un crecemento sustentable a longo prazo.

VISITA Á TECNOLÓXICA 3eDATA

Antes desta xornada, Covadonga Toca tivo a ocasión de visitar as instalacións da empresa 3eData, cualificada pola Xunta como iniciativa de emprego de base tecnolóxica e que posúe o selo de PEME Innovadora do Ministerio de Ciencia e Innovación.

Esta é unha spin-off da Universidade de Santiago de Compostela, que se constituíu en 2016 co apoio da Fundación CEL e dentro do programa Galicia Emprende do Igape. Centrada na xestión de proxectos do sector agroforestal e ambiental, ten participado en varias iniciativas do Polo Aeroespacial de Galicia, contando co apoio do Igape tamén a través doutros programas como o ReAcciona.

A directora do Igape puxo en valor a importancia deste tipo de iniciativas nese “camiño tan importante a percorrer desde a innovación ata o mercado, do que 3eData é un bo exemplo”, afirmou.

  • A startup Fly-Fut ofrece unha alternativa ás gravacións con cámara fixa desde torres ou andamios, e logra máis imaxes e información, ao empregar tecnoloxías de vehículos non tripulados e software de intelixencia artificial

  • A vantaxe para os clubs é dispoñer dunha mellor experiencia de análise táctica en partidos e adestramentos, con máis datos de distancias e velocidades e cunha maior calidade visual

  • Aforra tempo de estudo táctico e facilita a comprensión a partir dunha maior precisión e flexibilidade na toma de planos

  • Fly-Fut é unha das 12 empresas participantes na quinta edición da Business Factory Aero (BFAero), o programa de incubación impulsado pola Xunta no marco do Polo Aeroespacial de Galicia

 

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, e o presidente do Club Deportivo Lugo, Tino Saqués, participaron no estadio Anxo Carro nunha demostración da startup Fly-Fut, que desenvolveu unha solución que emprega tecnoloxías de vehículos non tripulados e software de intelixencia artificial para que os equipos de fútbol dispoñan dunha mellor experiencia de análise táctica en adestramentos e partidos.

Fly-Fut é unha das doce participantes na 5ª edición da Business Factory Aero (BFAero), o programa de incubación, aceleración e consolidación de proxectos empresariais innovadores no eido dos vehículos non tripulados impulsado pola Xunta, en colaboración coa Fundación CEL Iniciativas por Lugo, no marco do Polo Aeroespacial de Galicia.

Fronte ás solucións de gravación táctica con cámara fixa, desde torre ou desde andamio, o software de Fly-Fut ofrece máis imaxes e máis datos e cunha maior calidade e achega información sobre distancias e velocidades sobre a imaxe do dron, ofrecendo así un valor diferencial. As súas principais vantaxes, aplicables tanto ao primeiro equipo dos clubs como á canteira, son o aforro de tempo de análise e unha maior precisión e flexibilidade na toma de planos. Isto facilita a comprensión, axuda a mellorar a execución e fortalece a confianza de xogadores e corpo técnico.

EMERXENCIAS, RESCATES E INSPECCIÓN DE INFRAESTRUTURAS

Fly-Fut, que aplica tecnoloxías de vehículos non tripulados ao eido deportivo, súmase na 5ª edición da Business Factory Aero a outros once proxectos que ofrecen solucións para emerxencias e rescates, xestión e monitorización de flotas de drons, desenvolvemento de sistemas de propulsión autónomos en órbitas VLEO, análise e inspección de infraestruturas ou formación no manexo de vehículos non tripulados, entre outras.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia