Últimas Noticias

Consellería de Economía, Industria e Innovación

Rueda enxalza a alianza estratéxica e tecnolóxica que promove o grupo Amper para a apertura dunha nova planta en Arteixo

  • O presidente galego mantivo unha xuntanza cos CEOs de Amper e de EKS Hitachi Energy, que confirmaron o proxecto de fabricación de equipos de electrónica de potencia para enerxías renovables e para almacenamento de enerxía en sistema de baterías

  • Rueda agradeceu á compañía tecnolóxica que reforce a súa aposta por Galicia e que contribúa a consolidar a Comunidade como referente en renovables e, en particular, na eólica mariña

  • A presenza do grupo Amper xa inclúe a súa división Nervión Naval Offshore para fabricar a plataforma flotante de eólica mariña no Porto Exterior de Ferrol e unha planta de velas ríxidas nas Somozas

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, agradece ao grupo empresarial tecnolóxico Amper que reforce a súa aposta por Galicia coa construción dunha nova planta en Arteixo (A Coruña), que se dedicará á fabricación de equipos de electrónica de potencia para enerxías renovables e para o almacenamento de enerxía en sistema de baterías.

O mandatario galego recibiu en San Caetano ao conselleiro delegado do grupo Amper, Enrique López, e ao CEO de EKS Hitachi Energy, Alberto Prieto, que lle confirmaron unha “alianza estratéxica” para a posta en marcha desta nova fábrica no polígono de Morás, en Arteixo, que se prevé que estea en marcha en dous anos.

Rueda fixo fincapé na relevancia para a Comunidade desta fábrica “cun enorme potencial”, á vez que puxo en valor que axudará a consolidar Galicia como referente en enerxías renovables e, en particular, na eólica mariña, “na que Galicia ten un enorme presente e tamén futuro”, aseverou.

TRAXECTORIA MOI CONSOLIDADA EN GALICIA

O presidente galego lembrou que o Grupo Amper é líder e referente internacional cunha “longa e consolidada traxectoria” en Galicia, como demostra a iniciativa da súa división Nervión Naval Offshore para fabricar a plataforma flotante para eólica mariña nas instalacións do Porto Exterior de Ferrol; a planta nas Somozas para construír velas ríxidas; ou o seu interese en desenvolver iniciativas relacionadas coas enerxías alternativas no Porto da Coruña.

Por este motivo, considerou “unha magnífica nova” que teña decidido afianzar “a súa aposta por Galicia” con esta planta en Arteixo. Consecuentemente, trasladoulle aos representantes de Amper que esta iniciativa contará “con todo o apoio” da Xunta para a súa posta en marcha.

 

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia