Últimas Noticias

Consellería de Economía, Industria e Innovación

A XUNTA ESTENDE ATA O 23 DE NOVEMBRO O PRAZO PARA QUE PEMES E AUTÓNOMOS POIDAN SOLICITAR AS AXUDAS DOS PROGRAMAS GALICIA EXPORTA EMPRESAS E ORGANISMOS INTERMEDIOS

• Ambas as liñas de apoio sumarán máis de 3 M€ no que queda de ano para incentivar accións de promoción exterior que xeren vantaxes competitivas na proxección e posicionamento de empresas e organismos galegos nos mercados internacionais

• Con estas dúas iniciativas, a Xunta impulsa tanto actividades de difusión como a participación en eventos expositivos no exterior e accións de prospección internacional

• O programa Galicia Exporta Empresas da cobertura aos proxectos individuais e o Galicia Exporta Organismos Intermedios ás accións colectivas que estean coordinadas por agrupacións empresariais

• Na liña para empresas o apoio máximo por solicitude e beneficiario chega ata os 95.000 euros e na de organismos intermedios ata os 400.000

• Desde o ano 2016 téñense apoiado 1.650 plans de promoción internacional, cunha axuda total de 39,2 millóns de euros

• Ás dúas liñas da Consellería de Economía, Industria e Innovación, e dentro da Estratexia de Internacionalización, sumarase proximamente unha nova convocatoria do Galicia Exporta Dixital, dirixido ao uso de ferramentas innovadoras nas empresas exportadoras

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar o 23 de outubro a convocatoria dos programas Galicia Exporta Empresas e Galicia Exporta Organismos Intermedios, dúas liñas de apoio que sumarán máis de 3 M€ no que queda de ano na procura de promover a diversificación de mercados e a internacionalización de pemes e autónomos galegos. O prazo de solicitudes comeza estenderase ata o vindeiro 23 de novembro.

A través da liña específica para proxectos individuais Galicia Exporta Empresas e da destinada a apoiar proxectos colectivos coordinados por agrupacións empresariais Galicia Exporta Organismos Intermedios, impúlsanse tanto actividades de difusión como a participación en eventos expositivos no exterior e accións de prospección internacional.

As axudas cobren as actuacións que se celebren desde o 1 de xaneiro de 2023 ata o 15 de decembro de 2023. O apoio máximo por solicitude e beneficiario chega, no caso do Galicia Exporta Empresas, ata os 95.000 euros e no de Organismos Intermedios, aos 400.000.

ESTRATEXIA DE INTERNACIONALIZACIÓN

O obxectivo destas liñas, impulsadas pola Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través do Igape e no marco da Estratexia de Internacionalización, é apoiar a saída ao exterior do tecido empresarial galego, especialmente de pemes e establecementos comerciais, a través de novas canles de comercialización. Un marco no que tamén se activará proximamente unha nova convocatoria do Galicia Exporta Dixital, pois o desenvolvemento das tecnoloxías dixitais supón un enorme potencial para a mellora da competitividade nos mercados internacionais no actual contexto económico. O obxectivo é permitir ás empresas apoiarse en ferramentas innovadoras para acceder aos mercados exteriores.

Neste sentido, cómpre destacar que desde a posta en marcha do Galicia Exporta Empresas, no ano 2016, téñense apoiado preto de 1.500 plans de promoción internacional, con accións de difusión, e asistencia a feiras ou prospección de novos mercados, cunha media de participación de máis de 240 empresas ao ano, o que supuxo unha axuda total ata a data de 30,5 M€.

Cifras ás que se suman os máis de 8,7 M€ e 165 iniciativas promovidas a través do Galicia Exporta Organismos Intermedios. Pola súa banda, o Galicia Exporta Dixital ten beneficiado xa a máis de 400 empresas por importe de máis de 14 M€ e un investimento inducido de 17,6 M€.

Todas estas accións englóbanse na Estratexia de Internacionalización que está a promover o Goberno galego e que ten como principais claves a aposta pola dixitalización e a diversificación dos mercados exportadores.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia