Últimas Noticias

Consellería de Economía, Industria e Innovación

A XUNTA COÑECE O PROXECTO DE GRI RENEWABLE INDUSTRIES PARA RECUPERAR A ACTIVIDADE NAS ANTIGAS INSTALACIÓNS DE GANOMAGOGA, ADQUIRIDAS POLA MULTINACIONAL VASCA

PROXECTO DE GRI RENEWABLE INDUSTRIES

• A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, coñeceu os detalles da inversión nunha reunión de traballo con directivos do grupo especializado en torres para o sector eólico e xa presente en Galicia desde 2008 cunha factoría no Carballiño

• Lorenzana informou á empresa de ferramentas da Xunta como a Oficina Económica de Galicia ou os plans de dinamización industrial para acompañar e asesorar ás industrias nos seus proxectos de expansión

• A conselleira enxalzou que poida manterse a actividade industrial na factoría de Ponteareas da man dunha compañía que acumula máis de 15 anos de experiencia no sector eólico

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, mantivo unha reunión de traballo con directivos do grupo vasco Gri Renewable Industries para coñecer o proxecto que vai desenvolver nas antigas instalacións de Ganomagoga en Ponteareas, logo da súa adquisición.

Lorenzana informou á empresa das ferramentas que a Xunta pon a disposición do tecido empresarial para acompañalo e asesoralo nas súas iniciativas, como é o caso da Oficina Económica de Galicia ou dos plans para a dinamización industrial.

A conselleira amosou a súa satisfacción por que poida manterse a actividade industrial na zona da man dunha empresa con máis de 15 anos de experiencia no sector eólico -en concreto no relacionado con compoñentes para a eólica terrestre- e que conta con 18 fábricas e presenza en oito países, ademais de dar emprego a máis de 400 persoas en Galicia.

Tamén puxo en valor a actividade da empresa polo seu papel non só na contribución no desenvolvemento de enerxías verdes, senón tamén pola dinamización que supón para a industria auxiliar asociada.

EXPANSIÓN DESDE GALICIA

Gri Renewable Industries ten presenza en Galicia desde o ano 2008, cando abriu no Carballiño a primeira das 18 plantas produtivas coas que conta actualmente en oito países: España, Brasil, India, China, Estados Unidos, Turquía, Sudáfrica e Arxentina. Foi a plataforma de lanzamento mundial como proveedor de torres e bridas para o sector eólico.

A factoría ourensá do grupo supera os 400 empregados de plantilla media, é a maior industria da comarca e unha das de máis grande dimensión da provincia de Ourense, e constitúe un modelo de motor de emprego local, xa que o 85% dos seus traballadores residen na propia comarca carbilleñesa ou na contorna.

O cliente principal é a multinacional danesa Vestas, para a que subministra torres para a instalación de parques eólicos en varios continentes. O seu portfolio inclúe ademais líderes como General Electric, EnerCom ou Forestalia. En 2018 abriu unha segunda fábrica no Polígono da Uceira, en Carballiño, dedicada a corte e biselado, e ampliada en 2021 con maquinaria e tecnoloxía avanzada para acabados de chapa e procesos.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia