Últimas Noticias

Consellería de Economía, Industria e Innovación

Os programas InnovaPeme e DeseñaPeme da Xunta inxectarán 4,5 millóns de euros no impulso da innovación

  • Darán apoio a 60 plans promovidos por microempresas, pemes, autónomos e asociacións ou fundacións sen ánimo de lucro do terceiro sector social e mobilizarán en torno a 9 millóns de euros

  • As axudas poderán solicitarse ata o 13 de marzo e terán unha intensidade do 50%, mentres que o orzamento subvencionable deberá estar entre 50.000 e 150.000 euros

  • InnovaPeme e DeseñaPeme buscan instaurar unha cultura de innovación continua e sistemática nas pemes galegas e aumentar o número de empresas innovadoras

  • Ambos programas complétanse con outras liñas como os Bonos de innovación, o plan ReAcciona, a aceleradora de internacionalización Galicia Avanza, as business factories ou o programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024-Diferenza

 

A Xunta está a promover unha nova convocatoria dos programas InnovaPeme e DeseñaPeme, dirixidos a impulsar a innovación nas pequenas e medianas empresas galegas a través dun orzamento de 4,5 M€. O prazo de solicitude estará aberto ata o vindeiro 13 de marzo.

Estes dous programas pretenden dar resposta ás necesidades das pemes, en especial ás menos innovadoras de sectores tradicionais, paliando a súa falla de recursos e coñecementos en materia de innovación. Así, a través de DeseñaPeme incídese na innovación en produto, servizo e experiencias, ademais de marca e identidade corporativa; mentres que InnovaPeme céntrase na innovación en procesos e organización.

Ambos os dous programas aspiran a financiar 60 plans de deseño e innovación nas pemes cunha mobilización de 9 M€. As entidades beneficiarias son autónomos, microempresas, pequenas e medianas empresas, así como as asociacións e fundacións sen ánimo de lucro do terceiro sector social, sempre que teñan actividade económica e categoría de peme.

O orzamento subvencionable deberá estar entre os 50.000 e os 150.000 euros por cada plan, de xeito que unha mesma peme que se presente ás dúas convocatorias poderá investir ata 300.000 euros. As axudas terán unha intensidade do 50% e outorgaranse mediante o procedemento de concorrencia competitiva.

CULTURA DE INNOVACIÓN CONTINUA

Os obxectivos destes programas son promover unha cultura de innovación continua e sistemática nas pemes galegas, incrementar o número de empresas que teñen a consideración de innovadoras, aumentar a súa competitividade, potenciar a colaboración das pequenas e medianas compañías co resto de axentes do ecosistema, favorecer a comercialización de resultados da I+D+i, incluír paulatinamente a innovación de procesos e organización no tecido empresarial galego e aumentar o seu gasto en I+D e actividades innovadoras.

Estas convocatorias enmárcanse na aposta da Xunta de Galicia por achegar a innovación a todo o tecido empresarial e vense completadas con outras liñas como os Bonos de innovación (abertos ata o 22 de febreiro) para actuacións a curto prazo e dun menor importe; o programa ReAcciona; a aceleradora de internacionalización para proxectos innovadores Galicia Avanza (que se lanzará proximamente); o traballo das distintas business factories ou o Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024-Diferenza.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia