Últimas Noticias

Consellería de Economía, Industria e Innovación

LORENZANA DESTACA QUE A XUNTA BUSCA SOLUCIÓNS DE APOIO ÁS EMPRESAS FRONTE AO AUMENTO DOS CUSTOS ENERXÉTICOS E DE IMPLANTACIÓN

MARÍA JESÚS LORENZANA

• Nun encontro empresarial ao que asistiu o presidente da Cámara de Comercio de España, José Luis Bonet, sinalou como grandes prioridades do Goberno galego desburocratizar, facilitar o acceso a solo industrial e a financiamento, e impulsar as renovables

• Lembrou o papel dinamizador da “xanela única” da Oficina Económica de Galicia e referiuse á posta en marcha dun plan autonómico de aceleración de proxectos industriais

• Afondou en que a Lei de aproveitamento dos recursos naturais e a nova sociedade Recursos Naturais de Galicia vincularán o desenvolvemento industrial na Comunidade ao despregamento das renovables

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, salienta que a Xunta traballa por ofrecer ao tecido empresarial os servizos necesarios para o exercicio da súa actividade, nun momento en que o principal obstáculo está nos custos derivados da factura enerxética e os de implantación á hora de poñer en marcha un novo proxecto. “Todos os que estamos aquí, as Cámaras de Comercio, as asociacións empresariais e as Administracións temos un obxectivo común: apoiar e colaborar coa empresa, ofrecerlle servizos de apoio e facilitar que se poida seguir desenvolvendo na nosa Comunidade”, explicou Lorenzana.

Durante a súa intervención nun encontro empresarial coa Cámara de Comercio de Lugo, ao que asistiu o presidente da Cámara de Comercio de España, José Luis Bonet, a conselleira subliñou que a prioridade da política económica do Goberno galego está sendo, por un lado, a de desburocratizar, reducir prazos e garantir a seguridade xurídica. E por outro, axudar a reducir a factura eléctrica apostando polas renovables, facilitar o acceso a solo industrial, e o acceso a financiamento e préstamos con condicións máis vantaxosas que unha entidade de crédito.

ACELERACIÓN DE PROXECTOS INDUSTRIAIS

Ao respecto, apuntou que a Oficina Económica de Galicia funciona como unha xanela única onde, cando unha empresa presenta un plan de negocio, se lle dá resposta en 24 horas (de forma presencial ou telemática). E, no prazo de sete días, un plan específico e individualizado coa posibilidade de chegar a reducir os custos de tramitación nun 50%. Na mesma liña, mencionou a posta en marcha dun plan autonómico de aceleración de proxectos industriais para que a súa execución poida iniciarse no prazo dun ano.

No relativo á política enerxética, resaltou que a Lei de aproveitamento dos recursos naturais e a sociedade Recursos Naturais de Galicia teñen entre os seus obxectivos vincular o desenvolvemento industrial na comunidade ao despregamento das renovables, de modo que o tecido empresarial consiga acceso a un prezo eléctrico máis competitivo do que tamén se van beneficiar os fogares que están na súa área de influencia.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia