Últimas Noticias

Consellería de Economía, Industria e Innovación

A Xunta aposta por potenciar a cooperación público-privada para aproveitar ao máximo todas as oportunidades que ofrece o ecosistema innovadora galego

  • Covadonga Toca, directora do Igape, destaca a fortaleza de “acompañar aos emprendedores e empresarios nun itinerario que inclúe acceso ao financiamento, asesoramento, promoción do talento e fomento da cultura da internacionalización”

  • Destaca a nova liña de apoio ás startups, que cobre o 100% dos gastos para o lanzamento e consolidación temperá de proxectos

  • A directora do Igape enxalza que os centros dixitais e de fabricación avanzada “permiten o desenvolvemento da contorna das empresas e os consumidores”

  • Pon en valor a canle única da Oficina Económica de Galicia e apoios da Xunta como a nova liña de incentivos para atracción de empresas, que suma 30 millóns en tres anos, os préstamos directos do Igape, con outros 30 millóns para financiamento, ou a batería de axudas para fomentar a internacionalización

  • Covadonga Toca participou na inauguración do evento Node Experience, na Cidade das TIC, cunha intervención baseada nas vantaxes e beneficios da cooperación público-privada

 

A directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, participou na inauguración do evento Node Experience, na Cidade das TIC, onde avogou por potenciar a cooperación público-privada na procura de seguir a aproveitar ao máximo todas as oportunidades que ofrece o ecosistema innovador galego.

“Debemos acompañar aos nosos emprendedores e empresarios nun itinerario que inclúe acceso ao financiamento, asesoramento, apostar polo talento e fomentar a cultura da internacionalización”, afondou Toca, quen neste último campo lembrou que as exportacións galegas están acadando “datos históricos e configurando o mellor ciclo exportador da nosa terra”.

Nesta tarefa conxunta, proseguiu a directora, a Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través do Igape, habilita un ano máis distintas ferramentas e programas de apoio, entre os que destacou a “continua aposta” polas startups. Un compromiso que este exercicio inclúe a primeira liña específica de apoio ás startups galegas. Detallou que a nova liña cobre o 100% dos gastos, entre 10.000 e 20.000 euros, nos que incorran os emprendedores innovadores no lanzamento e consolidación temperá dos seus proxectos.

CENTROS DIXITAIS E DE FABRICACIÓN AVANZADA

E todo isto, afondou, sen esquecer “as últimas apostas que temos en marcha desde a Xunta” como son os centros dixitais e os centros de fabricación avanzada, que permiten o desenvolvemento da contorna das empresas e os consumidores e do que contamos “cun exemplo inmellorable nesta Cidade das TIC que hoxe nos acolle”.

“Por parte da Xunta de Galicia sempre nos van a atopar na tarefa de acompañar ás nosas empresas e de promocionar a colaboración público-privada, porque é o noso papel e cremos nos beneficios dese traballo en equipo”, sinalou Covadonga Toca, quen, neste escenario, puxo en valor a posta en marcha este ano da nova Oficina Económica de Galicia, unha canle única para a entrada das empresas á administración, facilitando información, asesoramento e acompañamento.

Unha oficina que se complementa con apoios como a nova liña de incentivos para a atracción de empresas, que suma 30 millóns en tres anos, os préstamos directos do Igape, con outros 30 millóns para achegar financiamento, ou unha ampla batería de liñas e axudas para promover a internacionalización.

“As nosas empresas, teñen a importante responsabilidade de dar resposta ás necesidades e demandas do noso tecido produtivo e da cidadanía. E entre todos, desde a colaboración público-privada, temos a obriga de proporcionarlles o apoio e os recursos necesarios para que os seus proxectos teñan a capacidade de crecer e ter éxito”, concluíu a directora do Igape.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia