Últimas Noticias

Consellería de Economía, Industria e Innovación

O PROGRAMA DE AXUDAS Á DIXITALIZACIÓN INDUSTRIA 4.0 CONCEDERÁ APOIOS POR MÁIS DE 2 MILLÓNS DE EUROS PARA IMPULSAR 125 PROXECTOS DE PEMES E AUTÓNOMOS

PROGRAMA DE AXUDAS Á DIXITALIZACIÓN INDUSTRIA 4.0

• A liña está orientada á posta en marcha de sistemas ou procesos entre un líder industrial cara ás empresas da súa cadea de valor ou á introdución de proxectos individuais vencellados á dixitalización e conectividade das pemes

• A intensidade media de axuda supera o 40% dos gastos e dos investimentos necesarios para cada iniciativa de transformación dixital

• O programa forma parte da aposta da Xunta de Galicia pola dixitalización e pola mellora de competitividade do tecido produtivo galego

• O Igape tamén ten activos outros programas que priorizan a innovación e dixitalización das pemes, como o ReAcciona, que abrirá o prazo de solicitude de axudas o vindeiro 1 de abril

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou na semana do 15 de xaneiro a resolución da última convocatoria do programa de axudas á dixitalización Industria 4.0, unha liña que busca promover a transformación industrial das pemes a través de proxectos de dixitalización. Mediante a convocatoria que vén de resolverse concédense apoios por máis de 2 millóns de euros para impulsar 125 proxectos.

A liña facilita a posta en marcha de sistemas de fabricación distribuída, de facturación ou de procesos entre un líder industrial cara ás empresas que conforman a súa cadea de valor; ou proxectos individuais cara á dixitalización e conectividade da peme. Cómpre salientar que a intensidade media de axuda superou o 40% dos gastos e investimentos necesarios para a posta en marcha dos proxectos de transformación dixital. Neste sentido, o programa supón unha aposta decidida pola dixitalización do tecido produtivo por parte da Xunta de Galicia, na procura de mellorar a competitividade e promover unha transformación dixital cada vez máis necesaria no actual contexto económico.

ATA 13 SERVIZOS PARA PEMES CO PROGRAMA REACCIONA

Cómpre lembrar que a Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través do Igape, ten activos outros programas que facilitan a aposta das pemes polo seu desenvolvemento estratéxico, priorizando a innovación e a dixitalización, como é o caso do ReAcciona.

En total, o programa ReAcciona ofrece ás pemes galegas ata 13 servizos diferentes para mellorar a competitividade empresarial. Neste caso, a Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, cobre o 80% do custo do servizos para as pemes, e o prazo de presentación de solicitudes de axuda, en concorrencia non competitiva, comezará o día 1 de abril, podendo solicitarse servizos ata o 15 de novembro.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia