Últimas Noticias

Consellería de Economía, Industria e Innovación

A Xunta xa facilitou a incorporación de 17 investigadores de recoñecido prestixio a través do programa Oportunius

A Xunta xa facilitou a incorporación de 17 investigadores de recoñecido prestixio a través do programa Oportunius
  • Catro beneficiarios das axudas do Consello Europeo de Investigación (ERC) súmanse á plantilla da Axencia Galega de Innovación
  • Yolanda Prezado, doutora en Radiobioloxía e Física Médica, regresa a Galicia despois de máis de 11 anos de traxectoria no Centro Nacional para a Investigación Científica (CNRS) en Francia
  • A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, subliña que estas novas contratacións “constatan a aposta da Xunta pola atracción, retención e retorno de talento científico excelente, cun marco laboral estable e recursos para unha carreira de primeiro nivel en Galicia”
  • A Xunta prevé resolver outra contratación e convocar tres prazas máis no marco do programa Oportunius no primeiro semestre deste ano

A Xunta de Galicia vén de incorporar catro investigadores de recoñecido prestixio a través do Programa Oportunius. María Giménez, Diego Peña, Yolanda Prezado e Carlos Sebastián Villasante, beneficiarios de axudas á investigación de excelencia do Consello Europeo de Investigación (ERC), súmanse á lista do persoal investigador da Axencia Galega de Innovación, dependente da Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia.

“A contratación destes catro investigadores e investigadoras constata a aposta da Xunta de Galicia pola atracción, a retención e o retorno de talento científico excelente, ofrecéndolles un marco laboral estable e recursos para o desenvolvemento dunha carreira de primeiro nivel en centros de investigación de Galicia”, explicou Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación, durante un encontro celebrado no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), ao que tamén se uniu Manuel Souto, investigador Oportunius que se incorporou ao CiQUS en setembro de 2023.

No encontro participaron tamén José Luis Mascareñas, Mabel Louza e María Teresa Moreira, directores respectivamente do CiQUS, do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) e do Centro Interdisciplinar de Investigación en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS), os tres referentes de acollida destes investigadores.

Con eles, xa son 17 os investigadores e investigadoras apoiados polo ERC adscritos ao Programa Oportunius, que desenvolven os seus proxectos de investigación na Comunidade. Ademais, está previsto que a Xunta de Galicia resolva unha nova contratación e convoque tres prazas máis no marco desta iniciativa na primeira metade de 2024.

SUMA DE EXCELENCIA CIENTÍFICA

Estes catro profesionais, que desde agora pasan a ser Oportunius Research Professor, contribúen a elevar a excelencia científica do ecosistema de I+D+i galego. Diego Peña, doutor en química pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) logrou unha ERC Synergy Grant para o proxecto MolDAM. Mentres que María Giménez, doutora nesta mesma disciplina pola Universidad de Valencia, obtivo a súa primeira axuda ERC Starting Grant para o desenvolvemento do proxecto NANOCOP. Posteriormente conseguiu unha nova ERC na modalidade Proof of Concept para a súa investigación ZABCAT. Ambos desenvolven o seu labor investigador no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da USC.

Nesta mesma liña, hai que resaltar que Yolanda Prezado, doutora en Radiobioloxía e Física Médica, regresa a Galicia, tras máis de 11 anos adscrita ao Centro Nacional para a Investigación Científica (CNRS) en Francia, para incorporarse ao Centro de Investigación en Medicina Molecular e enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC. Nesta institución continuará coas investigacións do proxecto PROTONMBRT, co que obtivo a axuda ERC Consolidador Grant.

Pola súa banda, Carlos Sebastián Villasante, doutor en Economía Aplicada pola Universidade de Santiago, desenvolve a súa actividade investigadora no Centro Interdisciplinar de Investigación en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS). Neste organismo coordina o grupo de investigación EQUALSEA, nome do proxecto co que obtivo a ERC Consolidator Grant.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia