Últimas Noticias

Consellería de Economía, Industria e Innovación

A ESTRATEXIA DE ESPECIALIZACIÓN INTELIXENTE (RIS3) DE GALICIA PLANIFICA UN ESFORZO SEN PRECEDENTES EN I+D+I, CUN INVESTIMENTO DE 5.000 MILLÓNS ATA O ANO 2027

— Alfonso Rueda salientou na presentación do Programa Operativo Feder 2021-2027 e da RIS3 Galicia 2021-2027 que esta planificación asegura para a Comunidade “unha posición privilexiada nun futuro marcado polo coñecemento e a innovación”

— O presidente da Xunta precisou que as prioridade dos Fondos Feder, cun investimento de 1.567 millóns para esta nova etapa, son “construír unha Galicia máis competitiva e intelixente, máis verde e máis conectada e social”

— Na fase de elaboración da RIS3 participaron máis de 800 representantes de 500 axentes diferentes, incluídos empresas, centros de coñecemento e tecnolóxicos, e administracións

— Do investimento total programado polos fondos Feder para o novo período, 940,2 millóns corresponden a axudas da UE e 626,8 millóns ao cofinanciamento autonómico

— Galicia foi a rexión que máis creceu en PIB per cápita en toda España, cun 3,2% de media anual entre os anos 2000 e 2021, case un punto por riba da media estatal, e a terceira con maior crecemento do gasto en I+D sobre o PIB na última década

— No acto de presentación conxunta do novo Programa Operativo Feder e da RIS3 Galicia participaron o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, e o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegura para Galicia unha posición privilexiada nun futuro marcado polo coñecemento e a innovación. O mandatario galego reafirmouno na súa intervención na presentación do Programa Operativo Feder 2021-2017 e da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) Galicia 2021-2027, nun acto en Santiago de Compostela no que participaron tamén o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, e o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos.

O titular do Goberno galego asentou as súas palabras en datos esperanzadores, como o feito de que Galicia fora a rexión que máis crecera en termos de PIB per cápita en toda España, un 3,2 % de media anual entre os anos 2000 e 2021, case un punto por riba do crecemento medio anual do Estado. A Comunidade galega, ademais, foi quen de recuperar o PIB prepandemia antes que a media estatal.

Alfonso Rueda subliñou que nos últimos anos “asistimos a un rexurdimento económico de Galicia” e a “un reforzo do ecosistema galego de I+D+i”. De feito, as empresas galegas deron un salto sen precedentes en I+D cun incremento do 40 % e un aumento do seu persoal investigador de ata un 92 %.

UN “LOGRO COLECTIVO”

O presidente da Xunta falou dun “logro colectivo”. No que se refire ao gasto en I+D sobre o PIB, Galicia pasou de situarse no posto doce entre as Comunidades autónomas a estar agora na sétima posición, sendo a terceira que máis medrou na última década. Polo que respecta ao capital humano, contaba hai dous anos con 11.435 persoas dedicadas a I+D e un total de 7.462 investigadores.

Alfonso Rueda referiuse á nova etapa que se abre da man da RIS3, que na súa fase de elaboración contou coa participación de máis de 800 representantes de 500 axentes diferentes, que incluíron empresas, centros de coñecemento e tecnolóxicos, e administracións. Polo que respecta ao Programa Operativo Feder 2021-2027, o titular do Goberno galego subliñou que as prioridades para o período 2021-2027 pasan por construír unha Galicia máis competitiva e intelixente, máis verde e máis conectada e social.

O presidente da Xunta indicou que, con estas accións, Galicia persegue que “o futuro que vén por diante sexa o noso futuro, o que nós construímos”, e remarcou que nese obxectivo van ser investidos os fondos comunitarios.

MÁXIMO APROVEITAMENTO

Perante o novo período que se abre tanto para os fondos Feder como para a RIS3, Galicia tentará aproveitar ao máximo os fondos comunitarios de cohesión que recibirá para o período 2021-2027.

O investimento total do programa Feder elévase nesta nova etapa a 1.567 millóns de euros (940,2 millóns de axudas da UE e 626,8 millóns de contribución a través do cofinanciamento autonómico).

Deses fondos, 419,2 millóns vanse investir na construción dunha Europa máis competitiva e intelixente; 378,7 son para unha Europa máis verde; para unha Europa máis conectada se destinan 63,1 millóns e 79,2 millóns máis son para unha Europa máis social e inclusiva. Tamén se dedicará un 30,2 % dos recursos aos obxectivos da loita contra o cambio climático e un 8 % aos de biodiversidade.

A RIS3, pola súa banda, implica a posta en marcha dun esforzo sen precedentes en I+D+i en Galicia. Ten como meta mobilizar entre 2022 e 2027 preto de 5.000 millóns, dos que 3.000 corresponden a fondos públicos das diferentes administracións e 2.000 millóns a mobilización privada.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia