Últimas Noticias

Consellería de Economía, Industria e Innovación

Lorenzana avanza que a Xunta presentará dentro dos cen primeiros días da nova lexislatura un plan estratéxico para o sector da automoción

  • A conselleira de Economía avoga polo traballo conxunto de todas as administracións para facer fronte a retos como a electrificación e descarbonización ou para dinamizar a distribución e comercialización

  • “O noso papel ten que ser traballar para que motores como Stellantis teñan os fondos europeos precisos para continuar avanzando e para que a industria auxiliar siga desenvolvéndose”, aseverou

  • Na inauguración da `XXXIII edición do Salón do Automóbil e Motocicleta Vigo 2024´ lembrou que a automoción galega representa o 15% do emprego industrial da Comunidade e máis do 16% do PIB

  • Precisou que a recente declaración do sector como estratéxico potenciará o seu desenvolvemento e competitividade a través dun plan director propio e citou axudas en vigor como a dirixida á compra de vehículos de baixas emisións

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, avanzou que a Xunta de Galicia está elaborando un plan estratéxico para o sector da automoción que se presentará nos primeiros cen días da lexislatura. Lorenzana fixo este anuncio na inauguración da `XXXIII edición do Salón do Automóbil e Motocicleta Vigo 2024´, que considerou un “éxito absoluto” e de gran importancia para toda a cadea do sector en Galicia. Un sector, lembrou, que abrangue o 15% do emprego industrial na Comunidade e que representa máis do 16% do PIB.

Na súa intervención, a conselleira avogou polo traballo conxunto de todas as administracións para facer fronte aos retos que ten por diante esta industria, que pasan, dixo, pola electrificación e a descarbonización pero, tamén, “por que esa outra pata da cadea de valor que é a distribución e a comercialización funcione con normalidade”, abondou.

“Temos que traballar xuntos para apoiar esa transformación progresiva, esa transición cara á electrificación e o automóbil de baixas emisións. Polo tanto, o noso papel ten que ser, por unha banda, traballar para que motores industriais como pode ser Stellantis teñan os fondos europeos precisos para continuar avanzando co seu crecemento e no seu asentamento na comunidade autónoma; e para que a industria auxiliar aquí na provincia de Pontevedra e en Galicia continúe desenvolvéndose”, expuxo a conselleira.

MEDIDAS VIXENTES DE APOIO AO SECTOR

Ao respecto, María Jesús Lorenzana puxo de manifesto as medidas de apoio ao sector adoptadas pola Xunta, tanto no ámbito industrial como no comercial. Apuntou, así, que acaba de ser declarado sector estratéxico, o que permitirá potenciar o seu desenvolvemento e competitividade a través dun plan director propio. E tamén citou as axudas para a compra de vehículos de baixas emisións, para apoiar economicamente ás familias e darlle seguridade xurídica á hora de mercar un automóbil novo.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia