Últimas Noticias

Consellería de Economía, Industria e Innovación

Lorenzana pondera o rol estratéxico do porto exterior de Punta Langosteira como terminal de referencia no tráfico de mercadorías e como hub de enerxías renovables

  • A conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións participou na inauguración do novo equipamento da terminal agroalimentaria de TMGA

  • Na súa intervención apelou ao traballo conxunto de todas as administracións para potenciar Punta Langosteira e para seguir atraendo novos investimentos

  • Ao referirse ao potencial do porto exterior como hub de enerxías renovables, Lorenzana lembrou que a Xunta conta cunha plataforma experimental autorizada a 500 metros de Punta Langosteira para ensaios de enerxías maremotriz e undimotriz

  • E matizou que a Xunta segue pendente do Goberno central para poder tramitar unha segunda zona experimental centrada na eólica mariña, nesa mesma zona, pero 10 kilómetros mar adentro

No acto de inauguración do novo equipamento da terminal agroalimentaria de Terminales Marítimos de Galicia (TMGA), a conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións, María Jesús Lorenzana, apelou ao traballo conxunto de todas as administracións para seguir revalidando o carácter estratéxico do porto exterior de Punta Langosteira, tanto como terminal de referencia para o tráfico de mercadorías como hub de enerxías renovables, onde o hidróxeno verde e a eólica mariña teñan un papel significativo.

O novo equipamento da terminal agroalimentaria de TMGA opera como un avanzado sistema automático de descarga que permite transportar a mercadoría desde os buques directamente ata os almacéns nun circuíto pechado. Esta infraestrutura vaille proporcionar un retorno considerable en termos de eficiencia e competitividade, ao tempo que tamén vai ter un impacto positivo nos rexistros de actividade que acada esta terminal portuaria, a primeira dársena de Galicia en volume de mercadorías, apuntou a conselleira.

REFORZO DO SECTOR INDUSTRIAL

Con estas novas instalacións, dixo, “estamos reforzando o porto exterior e estamos reforzando a industria de Galicia”, polo que avogou por seguir na liña de colaboración que manteñen a Xunta e a Autoridade Portuaria da Coruña para seguir atraendo novos investimentos cara á terminal portuaria.

Ao respecto, María Jesús Lorenzana puxo á disposición do tecido empresarial o asesoramento da Oficina Económica de Galicia e remarcou o compromiso do Goberno galego coa desburocratización e cos proxectos de economía verde que revertan os seus beneficios no territorio, a través da sociedade Recursos de Galicia. “Os nosos recursos son a enerxía eólica, a eólica offshore, pero son máis: os recursos mineiros, os agrogandeiros,... temos que aproveitar un potencial que, sen dúbida, nos distingue doutros territorios en España e en Europa”, esgrimiu.

Por outra banda, tamén puxo de manifesto o potencial do porto exterior para converterse nun referente da transición enerxética. Nesta liña, lembrou que a Xunta de Galicia conta cunha plataforma experimental autorizada a uns 500 metros de Punta Langosteira para o ensaio de enerxías maremotriz e undimotriz. Non obstante, tamén indicou que a Xunta segue pendente do Goberno para poder tramitar unha segunda zona experimental dedicada á eólica mariña, tamén nesta contorna, pero 10 kilómetros mar adentro, e nunha zona xa apta para esta fonte de enerxía que tantos retos tecnolóxicos aínda ten por diante, concluíu.

 

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia