Consellería de Economía e Industria
O peirao de Bouzas celebra o embarque do vehículo número 15 millóns, producido na factoría de Stellantis Vigo

- Alfonso Rueda enxalza o peso da planta viguesa no sector da automoción, ao producir en 2025 un de cada catro vehículos fabricados en España
- Acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, no acto remarcou que o logro de Stellantis Vigo afonda en valor pola complexidade do escenario internacional que está a vivir o sector
- O presidente da Xunta reafirmou o “compromiso total” coa industria, con medidas como o plan director que, coas liñas extraordinarias de axudas dos últimos anos, “suman máis de 230 millóns de euros que imos destinar ata 2027 para afrontar retos como a descarbonización”, precisou
- A terminal de Bouzas asinou en 2025 o mellor ano en número de vehículos operados da súa serie histórica, con máis de 670.000 unidades embarcadas
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo en valor o peso específico de Galicia no sector da automoción, lembrando que un de cada catro vehículos fabricados en España o pasado ano saíu da factoría de Stellantis en Vigo, consolidando así o selo Galicia Calidade no mercado global: “Aquí traballan miles de persoas que nos fan sentir orgullosos de que nesta esquina da Península estea unha das industrias automobilísticas máis potentes de Europa”, subliñou. Así o manifestou, acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, durante o acto de embarque no peirao de Bouzas do vehículo número 15 millóns, producido na factoría viguesa, un fito que cualificou como proba do camiño de excelencia que percorreu a planta ao longo das últimas décadas.
Rueda destacou este logro tendo en conta a complexidade do escenario internacional para o sector da automoción polo impacto da electrificación, as novas normativas, a competencia de terceiros países e a política arancelaria, xunto co risco de deslocalización. Neste escenario, reafirmou o compromiso total do Goberno galego coa industria a través de medidas como aprobar un plan director específico que, xunto coas liñas extraordinarias de axudas destes últimos anos, “suman máis de 230 millóns de euros que imos destinar ata o ano 2027 para afrontar retos como a descarbonización”, resumiu. Ademais, o titular da Xunta referiuse a estas medidas como “unha tarefa en constante evolución que require moitos esforzos, pero que se recompensan polo que se fai aquí”.
Alfonso Rueda tamén felicitou á Autoridade Portuaria de Vigo polos resultados excepcionais da terminal de Bouzas, que asinou o mellor ano en número de vehículos operados da súa serie histórica o pasado 2025, con máis de 670.000 unidades: “Sodes un elemento importantísimo na consolidación de Stellantis, e gustaríame tamén darlle as grazas e a felicitación por entender que este cliente tan potente debe ser atendido como merece”, destacou.
NOVO SILO OPERATIVO EN 2027
A continuación engadiu que este éxito é froito dunha estratexia planificada que inclúe a ampliación da capacidade de almacenamento -cun novo silo que se espera que estea operativo en 2027-, a futura autopista ferroportuaria –trátase do único porto peninsular que a ten aprobada– e o porto seco nos terreos da Plisan. Estes proxectos, xunto á aposta pola sostibilidade, consolidan a Vigo como un nodo loxístico estratéxico a nivel europeo, e o presidente da Xunta reiterou o compromiso do seu Executivo con todos estes proxectos: “Contade connosco. É fundamental esta industria en Vigo e en Galicia, e a Xunta estará sempre facendo o posible para que siga medrando”, resaltou.


























