Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A nova sociedade Recursos de Galicia logra reducir nun 80% a factura da luz ás 500 familias que residen na contorna do parque eólico de Mondigo

  • Alfonso Rueda precisou que RDG adquiriu este activo da provincia de Lugo por 75 millóns de euros, no “maior esforzo económico realizado nun parque eólico de Galicia co obxectivo de mellorar a calidade de vida dos veciños”
  • O parque eólico de Mondigo, o primeiro en propiedade de RDG, permite cumplir un dos grandes obxectivos da Lei de Recursos Naturais de Galicia: “Que os beneficios redunden na contorna”, asegura Rueda
  • A instalación ten unha produción anual estimada de 131 GWh e consta de 11 muíños emprazados nos concellos de Ribadeo e Trabada e dunha liña de evacuación de 4,9 quilómetros que transcorre por Trabada e Barreiros
  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destaca que a compra formalizada por Recursos de Galicia garante que a posta en valor do recurso eólico teña unha tradución “real e directa” en beneficios para a veciñanza
  • Lembrou que a operación formalizouse tras un proceso competitivo de venda a nivel internacional e enxalzou que o parque queda “en mans dun operador 100% galego e vai ter un retorno a Galicia do 100% da enerxía producida”

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sinalou que o Consello do Goberno galego analizou un informe presentado por Recursos de Galicia (RDG) tras a formalización da compra do parque eólico de Mondigo por 75 millóns de euros, o primeiro en propiedade para esta sociedade. Dita adquisición, tal e como anunciou Rueda, fará que “os veciños que vivan nun radio de 1,8 quilómetros do parque vexan reducida a súa factura da luz nun 80%”, o que beneficiará ao redor de medio milleiro de familias.

Neste sentido, salientou que se trata do maior esforzo económico realizado ata a data nun parque eólico de Galicia co obxectivo de mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas a través de incentivos económicos e sociais, recollidos nas medidas previstas na Lei 2/2024, do 7 de novembro, de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia. “Este é un dos principais obxectivos que buscaba a Lei de Recursos Naturais de Galicia, que os beneficios redunden na contorna”, apuntou o titular do Executivo galego.

A moderna instalación do parque eólico de Mondigo, cuxa produción anual estimada é de 131 GWh, consta de “11 muíños emprazados nos concellos de Ribadeo e Trabada”, sinalou o presidente da Xunta, e a liña de evacuación, de 4,9 quilómetros, transcorre por Trabada e Barreiros. Neste momento o parque xa está xerando enerxía de maneira regular. Rueda destacou así a aposta do Goberno galego por impulsar as enerxías renovables cumprindo sempre todas as garantías medioambientais e con repercusión no territorio, ao mesmo tempo que lamentou o feito de que “fanse cada vez máis incomprensibles as oposicións como o recurso do Goberno central contra a repotenciación dos eólicos” promovida pola Xunta.

Neste marco, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, reafirmou que o acordo responde á vontade de garantir que a posta en valor do recurso eólico teña unha tradución real e directa en beneficios para a veciñanza, “pasa a estar directamente ao servizo da cidadanía”, máis alá da propia xeración de enerxía renovable. Así mesmo, articula medidas concretas orientadas á redución do custo da electricidade nos fogares da contorna máis próxima ao fortalecemento económico do territorio, en coherencia cos principios recollidos na Lei, que promove unha maior repercusión social e económica das iniciativas que empregan este tipo de bens.

EXEMPLO PARA OS OPERADORES PRIVADOS

“Esta é unha medida concreta, inmediata e cuantificable a través do equilibrio, seguridade xurídica e retorno social”, asegurou a conselleira, ao tempo que incidiu en que o que se pretende tamén é “servir de exemplo para os operadores privados”. A titularidade exclusiva de RDG (Recursos de Galicia) permite unha xestión directa, flexible e orientada ao interese xeral, asegurando que os beneficios derivados da utilización do recurso natural poidan adaptarse ás necesidades do territorio ao longo da vida útil do parque. “A operación formalizouse tras un proceso competitivo de venda e a nivel internacional, algo que é relevante porque o parque queda en mans dun operador 100% galego e vai ter un retorno a Galicia do 100% da enerxía producida”, asegurou Lorenzana.

A adquisición destas instalacións por parte de RDG permite que os beneficios asociados á súa explotación permanezan e sexan xestionados na comunidade, reforzando a autonomía estratéxica da Comunidade autónoma e aliñando a actividade enerxética cos obxectivos de interese xeral. “Aquí faise toda unha declaración de principios: xerar riqueza en Galicia e que esa riqueza debe traducirse nunha mellor calidade de vida para os galegos e galegas”, insistiu a conselleira de Economía e Industria.

Ademais avanzou que “nos próximos días porase a disposición unha web para que os cidadáns poidan facer as súas solicitudes” e, proximamente, porase en marcha un plan industrial que pretende abaratar tamén o prezo da enerxía a empresas da contorna dese parque. Así mesmo, precisou que os descontos serán aplicados a través das comercializadoras de electricidade –a de RDG será unha das compañías que os aplicará- que decidan colaborar co parque na xestión do programa. Unha vez realizadas as comprobacións oportunas e confirmada a condición de beneficiario, os cidadáns comezarán a recibir o desconto directamente reflexado nas súas facturas eléctricas.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia