Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A Xunta presenta en Madrid ante 18 fondos de capital risco os proxectos das startups participantes na aceleradora BFAero

  • Por primeira vez, o encontro con potenciais investidores celebrouse fóra de Galicia, na sede madrileña da Oficina Económica de Galicia
  • Aos participantes da sétima edición de BFAero sumáronse startups xurdidas de convocatorias anteriores, entre elas Kreios, Aguia e Vig-Sec Drone
  • A conselleira de Economía e Industria destacou a organización do Investor´s Day na capital de España: “É fundamental que poidamos utilizar a nosa Oficina Económica como escaparate de todo o que se fai en Galicia para atraer investimento”
  • María Jesús Lorenzana relatou que no ámbito do aeroespazo, Galicia iniciou un sistema de compra pública innovadora no que é pioneira en España e que, xunto con BFAero, “nos vindeiros anos pode darnos grandes alegrías”
  • Ademais avanzou que os grandes acordos marco da Estratexia de Seguridade, Defensa e Aeroespazo priorizarán, como destacada novidade, a fabricación na Comunidade galega

A Xunta celebrou por primeira vez en Madrid, na sede da Oficina Económica de Galicia, un encontro no que diferentes startups participantes na sétima edición da aceleradora BFAero e noutras convocatorias anteriores -Kreios, Aguia e Vig-Sec Drone- presentaron os seus proxectos ante 18 fondos de capital risco atraídos polo potencial do ecosistema aeroespacial galego. A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, acompañada da directora do Igape, Covadonga Toca, foi a encargada de clausurar esta xornada, que, segundo afirmou, dá a estas startups unha oportunidade de conectar con fondos de investimento, o que resulta “crucial” porque “lles garante unha viabilidade financeira e acelera o seu crecemento no mercado”.

“Esta é unha das principais preocupacións que temos como Goberno: detectamos e acompañamos moitos proxectos innovadores, pero eses proxectos necesitan consolidarse no mercado e ir crecendo. E iso non podemos conseguilo só co Igape ou con Xesgalicia; necesitamos do investimento privado. Polo tanto -precisou a conselleira-, é fundamental que poidamos utilizar a nosa Oficina Económica como escaparate de todo o que se fai en Galicia para atraer ese investimento”.

Lorenzana remarcou que “do labor que faga un Goberno depende en grande medida que se poida ir consolidando un sistema emprendedor innovador”. E, así, ademais do acompañamento financeiro, mencionou que, no ámbito do aeroespazo, Galicia empezou un sistema de compra pública innovadora no que é pioneira en España e que, xunto á BFAero, fixo que se consolide un ecosistema punteiro a nivel nacional e europeo que nos vindeiros anos “pode darnos grandes alegrías”, pronosticou.

VALOR ENGADIDO EN GALICIA

A titular de Economía e Industria salientou que a BFAero forma parte da Estratexia de Defensa, Seguridade e Aeroespazo, que pretende mobilizar máis de 900 millóns de euros de cara ao 2030. Inclúe, dixo, instrumentos de apoio como a liña de axudas para certificacións; para tecnoloxías duais -aberta ata o vindeiro 4 de setembro cun orzamento de 6 millóns de euros-; e os acordos marco de compra pública de innovación, que se van presentar agora cunha novidade “importantísima” porque o que se vai priorizar é “que eses consorcios traian o seu proxecto de innovación á Comunidade e deixen ese valor engadido da industria e da fabricación en Galicia”, avanzou a conselleira.

Desde a súa posta en marcha en 2019, a BFAero leva apoiado 49 proxectos empresariais (galegos, doutros puntos de España e mesmo internacionais), dos cales 15 son empresas de nova creación que xeraron máis de 310 empregos cualificados, 28,6 millóns de euros en volume de negocio e que levan realizado investimentos por valor de 16 millóns de euros. Só os proxectos da 5ª e da 6ª edición teñen captado máis de 14 millóns de euros de financiamento público e privado, o que demostra a capacidade deste programa para transformar tecnoloxías estratéxicas en compañías con atractivo investidor.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia