Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Rueda agradece aos empresarios galegos do exterior a súa achega para construír “unha Galicia cada vez máis moderna e competitiva”

  • Na súa intervención no acto de entrega dos Títulos de Excelencia Galega 2026 que concede Aega-Cat, puxo en valor o galeguismo “aberto e integrador” e rexeitou calquera trato discriminatorio con respecto a outras Comunidades
  • O presidente da Xunta eloxiou que Galicia teña pasado de ser “unha terra de emigración a unha de acollida” e a protagonizar investimentos de líderes mundiais, en referencia ao xigante chinés da automoción SAIC
  • Nesta edición, a Asociación de Empresarios Galegos de Cataluña distinguiu ao traumatólogo ourensán Manuel Leyes, á escritora Espido Freire, ao xornalista Javier Casqueiro, ao empresario José Luis Blanco, á piragüista Teresa Portela e á Fundación Barrié

Na súa intervención no acto de entrega dos Títulos de Excelencia Galega 2026, a cita anual organizada pola Asociación de Empresarios Galegos de Cataluña (Aega-Cat), o presidente da Xunta agradeceu a achega dos empresarios do exterior, e do conxunto dos galegos, para construír unha Comunidade autónoma cada vez máis moderna e competitiva. No acto recoñeceuse ao prestixioso traumatólogo ourensán Manuel Leyes; á escritora Espido Freire; ao xornalista Javier Casqueiro; ao empresario José Luis Blanco; á piragüista Teresa Portela; e á Fundación Barrié. O titular do Executivo autonómico destacou que todos os premiados representan a Galicia Calidade e son exemplo “dun territorio vivo e dinámico, do excelente capital humano que hai na Comunidade e da gran representación de galegos que temos fóra das nosas fronteiras”.

Así, Rueda salientou en Barcelona canto ten mudado Galicia nos últimos anos, o que permitiu “pasar de ser unha terra de emigración a unha de acollida; e a ser quen de captar investimentos de empresas líderes mundiais, como o xigante da automoción SAIC”.

Na súa intervención, o presidente da Xunta tamén puxo en valor “o galeguismo aberto e integrador, sempre disposto a tender lazos coas comunidades de acollida”. Neste sentido, defendeu que Galicia sempre entendeu que o progreso debe ser común, polo que rexeitou calquera trato discriminatorio con respecto a outras Comunidades. Para pechar a súa intervención, dedicou unhas palabras para agradecer ao presidente de Aega-Cat, o empresario do sector turístico Amancio López Seijas, o seu compromiso con Galicia.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia