Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Rueda define a prolongación da autovía AG-59 entre Santiago e A Estrada como exemplo do compromiso da Xunta coa “vertebración dunha Galicia con estradas máis seguras, cómodas e sostibles”

  • O novo treito de 3,5 quilómetros que discurre polo municipio de Teo contou cun investimento da Xunta cifrado en 32,3 millóns de euros
  • Ademais xa está en marcha o segundo e último tramo da vía, de 4 quilómetros, que permitirá conectar Santiago e A Estrada por autovía en só 10 minutos
  • Outros proxectos en execución ou de inicio inminente son a prolongación da autovía da Costa da Morte e da VAP Tui-A Guarda, o desdobramento dun treito da estrada Brión-Noia para convertelo en autovía e o inicio da futura vía rápida Nadela-Sarria
  • Só en vías de altas prestacións, a Xunta está a despregar actuacións por valor de 170 millóns de euros, coas que prevé elevar ata o 85% a porcentaxe da poboación residente a menos de 15 minutos dunha vía de altas prestacións

No acto de presentación do primeiro treito da prolongación da autovía AG-59, que une Santiago de Compostela e A Estrada, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, subliñou o firme compromiso do Executivo autonómico coa vertebración do territorio a través de infraestruturas “seguras, cómodas e sostibles”. O titular do Goberno galego remarcou que “a sanidade, os servizos sociais e a educación, son fundamentais, pero tamén hai que facer estradas e conservalas, porque ter boas comunicacións é fundamental”, indicou. Durante a visita a este novo treito, Rueda estivo acompañado pola conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue.

Esta prolongación de 3,5 quilómetros, con apertura ao tráfico o 22 de xullo, localízase no municipio de Teo, entre A Ramallosa e o enlace coa estrada autonómica AC-241 en Pontevea. Contou cun investimento por parte da Xunta de 32,3 millóns de euros. Este tramo, ao igual que o conxunto da estrada, pode utilizarse sen custo algún para os condutores, xa que é libre de peaxes.

Alfonso Rueda detallou que as obras do segundo e último treito da vía, 4 novos quilómetros entre Pontevea (Teo) e O Rollo (A Estrada), xa se atopan en marcha cun orzamento superior aos 31 millóns de euros. Deste xeito, unha vez completada a totalidade da prolongación, a autovía contará con 14 quilómetros que conectarán Santiago e A Estrada en só 10 minutos. “Cando isto estea rematado, no ano 2028 e tras un investimento de case 70 millóns de euros, quedará listo algo que se leva esperando moito tempo”, lembrou o presidente da Xunta.

CATRO VIAIS EN EXECUCIÓN OU PRÓXIMO INICIO

Esta actuación insírese nunha “folla de ruta ben marcada” e máis ampla coa que o Goberno galego busca que as comunicacións autonómicas sigan sumando quilómetros de calidade e garantindo o correcto mantemento da rede viaria de 5.500 quilómetros. Así, Rueda destacou tamén outros proxectos en execución ou de inicio inminente neste segundo semestre do ano, como a prolongación da autovía da Costa da Morte e da VAP Tui-A Guarda, o desdobramento dun treito da estrada Brión-Noia para convertelo en autovía e o inicio das obras da futura vía rápida Nadela-Sarria.

Na actualidade, só en vías de altas prestacións, a Xunta ten en marcha actuacións por valor de 170 millóns de euros para proporcionar aos cidadáns vías co selo Galicia Calidade na busca de mellores comunicacións na Comunidade. Con estos investimentos en execución, prevese elevar ata o 85% a porcentaxe de poboación galega que reside a menos de 15 minutos dunha vía de altas prestacións.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia