Consellería de Economía e Industria
A Xunta dirixe a todas as empresas galegas, “con independencia do seu tamaño e obxecto social”, a ampliación de capital da sociedade Recursos de Galicia (RDG)

- Nunha xuntanza cos clústeres sectoriais, a conselleira de Economía e Industria subliñou que a operación societaria busca seguir fortalecendo RDG desde o punto de vista financeiro “para que teña máis capacidade de seguir investindo en activos enerxéticos”
- María Jesús Lorenzana espera que a ampliación de capital sexa “o máis aberta posible” a todas as empresas galegas, co apoio dos clústeres e das confederacións de empresarios
- Na actualidade Recursos de Galicia xa conta con 32 accionistas e está previsto que o capital social pase dos 43,6 millóns de euros actuais a uns 100 millóns
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, animou ás empresas galegas, independentemente do seu tamaño e obxecto social, a sumarse á ampliación de capital que vai desenvolver a sociedade Recursos de Galicia (RDG), coa previsión de que estea aprobada definitivamente a finais de ano. Acompañada polo conselleiro delegado de RDG, Emilio Bruquetas, Lorenzana mantivo unha reunión cos clústeres galegos para informarlles dos detalles da operación que, segundo dixo, busca “seguir fortalecendo desde o punto de vista financeiro a sociedade para que teña máis capacidade de seguir investindo” en activos enerxéticos.
Recursos de Galicia xa dispón do parque eólico Mondigo e ten unha participación do 10% na Mina de Doade (Beariz), e está previsto que, tras a ampliación, pase dun capital social de 43,6 millóns de euros a outro próximo ou que mesmo supere os 100 millóns de euros, tal e como explicou a conselleira de Economía e Industria. Para iso, a Xunta entrará cunha achega en especie das súas participacións en sociedades enerxéticas: entrará directamente o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) coa porcentaxe que posúe en seis parques eólicos (entre o 3% e o 4%). E integrará, tamén, o seu 30,92% de Nedgia Galicia.
Unha vez feita esta achega por parte do accionista maioritario que é a Xunta, o que se busca, indicou Lorenzana, é “que sexa o máis aberta posible esta ampliación de capital a todas as empresas galegas, e cremos que os clústeres e as confederacións de empresarios son quen teñen a maior capacidade para chegar a elas e poder así dar a coñecer como se vai producir esa ampliación de capital”, dixo.
Segundo sinalou, calquera empresa galega, salvo que xestione activos enerxéticos ou mineiros, con independencia do seu tamaño e obxecto social, pode participar nesta operación, “como levamos feito ata o de agora”, apuntou, para sinalar que actualmente son 32 as firmas que participan no capital social de RDG. “O que queremos é abaratar a enerxía, os custos enerxéticos da industria e da poboación e, tamén, repercutir os beneficios do aproveitamento de todos os recursos naturais na cidadanía e nos habitantes dos concellos do seu arredor”, concluíu.

























