Consellería de Economía e Industria
María Jesús Lorenzana, no Foro de Anfac: “O Plan Auto 2030 do Goberno non contén medidas concretas que poidan axudar á industria da automoción en España e en Galicia”

- A conselleira asegura que esa planificación non serve para reforzar a cadea de valor no territorio, nin tampouco para que haxa redes de transporte de enerxía adecuadas ou para impulsar a formación do persoal
- Lamenta que o Plan do Goberno central reincida “en erros xa vistos nos últimos anos”, ao non contar coas Comunidades autónomas, “que son as que teñen as competencias exclusivas en materia de industria”, lembra
- Demanda unha maior sincronización entre os ministerios de Industria e Transición Ecolóxica, xa que da coherencia entre política enerxética e industrial depende “que a transición cara a un vehículo eléctrico sexa unha oportunidade”
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, amosa o seu escepticismo e preocupación polo novo Plan Auto 2030 do Goberno porque, segundo explicou no `Foro Anfac: O momento de Europa´, celebrado en Madrid, o citado plan non contén medidas concretas que se poidan realizar e que poidan axudar á industria da automoción en España e en Galicia, como a necesidade de reforzar a cadea de valor no territorio, as redes de transporte de enerxía adecuadas ou a formación do persoal. Neste acto da Asociación Española de Fabricantes de Automóviles e Camións, Lorenzana interveu na mesa coloquio titulada `Visión España: a importancia de ter un plan estratéxico para a industria´. Nela censurou que a planificación do Goberno central “reincide en erros xa vistos nos últimos anos” por parte do Executivo, ao non contar coas Comunidades autónomas, “que son as que teñen as competencias exclusivas en materia de industria”, lembrou.
“Un plan estratéxico sen contar coas Administracións que temos as competencias, sen gobernanza e sen financiamento detallado xera incerteza”, reiterou a conselleira, para destacar que os grandes riscos para Galicia e para España non están só na electrificación, senón no elevado prezo da enerxía; nas redes eléctricas, que son insuficientes para os obxectivos do PNIEC; no absentismo e a baixa produtividade; na elevada presión fiscal; e na rixidez normativa e a lentitude administrativa. Todas elas, cuestións que apenas se tratan no plan e, se o fan -dixo-, é “de pasada, sen novas medidas que afronten estes problemas”.
Nesta cita sectorial de Anfac, María Jesús Lorenzana deixou constancia que, desde o inicio, a Xunta manifestou a súa preocupación en relación ao papel secundario que se lle deu ás Comunidades autónomas e á limitada participación do ecosistema industrial, pero apuntou que as súas achegas non foron tidas en conta.
Segundo afirmou, a situación actual que atravesa a industria da automoción require medidas urxentes como un marco regulamentario claro e estable para que a competencia sexa equilibrada, nun contexto con custos enerxéticos predicibles e persoal cualificado. Todos estes factores, engadiu, afectan á competitividade das empresas. “Galicia defende un sector forte, competitivo e arraigado no territorio. A transición cara a un vehículo eléctrico -asegurou-, só será unha oportunidade se reforza a nosa industria e a nosa capacidade produtiva e, para logralo, necesitamos coherencia entre política enerxética e industrial”.
Ao respecto, Lorenzana lembrou a necesidade de que exista maior sincronización entre os ministerios de Industria e Transición Ecolóxica, e unha maior influencia das Comunidades autónomas na toma de decisións. Nese sentido, fixo fincapé na necesidade de que a industria dispoña de redes eléctricas dimensionadas de acordo á electrificación, prazos administrativos compatibles cos plans de investimento, e estabilidade regulamentaria a medio e longo prazo, que é o que está tratando de ofrecer Galicia. “Se os custos enerxéticos son máis elevados, e os procesos administrativos máis lentos, a competencia deixa de ser equilibrada”, concluíu.

























