Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

María Jesús Lorenzana: “A realidade demostra que estamos competindo de verdade, de ti a ti, cos territorios máis avanzados de Europa e que somos quen de xerar aquí valor industrial de primeiro nivel”

  • No acto inaugural do programa do Igape `Capacita Directivos´, a conselleira de Economía e Industria apelou a non deixarse contaminar pola corrente negacionista que quere derrocar o futuro industrial de Galicia
  • Detallou que a Xunta ten en tramitación 16 proxectos industriais estratéxicos cun investimento conxunto de 1.700 millóns de euros e con capacidade para xerar 3.700 empregos en toda a Comunidade
  • En relación á operación do grupo chinés Saic, apuntou que “chega co compromiso de contratación e de compra local”, o que representa “unha oportunidade enorme” para os proveedores galegos do sector da automoción
  • No xantar coloquio no Círculo de Empresarios de Galicia salientou a importancia de que exista unha “convicción colectiva” das capacidades da industria galega e de que “Galicia pode ocupar unha posición de liderado”

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou a seriedade, a capacidade produtiva e o talento que leva demostrado a industria galega e apelou a non deixarse contaminar pola corrente negacionista que quere derrocar o futuro industrial de Galicia. “A realidade demostra que estamos competindo de verdade, de ti a ti, cos territorios máis avanzados de Europa e que somos quen de xerar aquí valor industrial de primeiro nivel”, dixo nun xantar coloquio no Círculo de Empresarios de Galicia, en Vigo. Polo tanto, proseguiu, “é importante que non nos deixemos contaminar por unha corrente que ten afluentes en organizacións sindicais ou ambientais e que ten unha única misión que é derrocar Galicia; acabar co seu desenvolvemento industrial”.

Lorenzana interveu nesta cita do Círculo de Empresarios de Galicia que serviu como acto inaugural do programa Capacita Directivos, organizado polo Instituto Económico de Galicia (Igape). A conselleira destacou a importancia de que exista unha “convicción colectiva” das capacidades que ten a industria galega e de que “Galicia pode ocupar unha posición de liderado desde o punto de vista económico”.

Neste contexto, apuntou que, neste momento, a Xunta ten en tramitación 16 proxectos industriais estratéxicos que suman un investimento de 1.700 millóns de euros e unha capacidade de xeración de 3.700 empregos en toda a Comunidade. Entre eles, mencionou o aprobado máis recentemente: o complexo industrial que Saic prevé implantar na comarca de Ferrolterra. “De conseguir lograr que frutifique, ten unhas dimensións impresionantes non só para a comarca na que se vai instalar, que é unha zona que precisa unha diversificación industrial, senón para todo o sector industrial vigués e, en particular, para as empresas da cadea de valor da automoción”, asegurou.

ALIANZAS COMERCIAIS CON SAIC

Segundo dixo María Jesús Lorenzana, “Saic chega aquí cun compromiso, como non pode ser doutra maneira, e así se lle está esixindo, de contratación e de compra en local, co cal os nosos provedores van ter unha oportunidade enorme; primeiro, de estabilizar a súa produción; e, tamén, de ofrecer e de establecer alianzas comerciais con esta empresa que ten, ademais, moitas liñas de negocio”, engadiu.

Sobre o programa Capacita Directivos, que impulsa desde hai máis dunha década o Instituto Económico de Galicia (Igape), indicou que leva desenvolvido máis dun cento de actividades formativas con máis de 20.000 asistentes. É unha iniciativa, argumentou, que responde á necesidade de entender que “as empresas non cambian cando cambia a tecnoloxía, senón cando cambian as decisións”.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia