Consellería de Economía e Industria
As empresas galegas poden sumarse ata o 30 de setembro aos acordos de asociación para impulsar grandes proxectos industriais en seguridade, defensa e aeroespazo

- Nunha visita á viguesa Centum, a conselleira de Economía e Industria explicou que estes acordos de asociación constitúen unha das principais medidas da Iniciativa Estratéxica de Seguridade, Defensa e Aeroespazo (Iesda) á que a Xunta destinará 40 millóns de euros
- María Jesús Lorenzana remarcou o obxectivo de atraer grandes proxectos de innovación e desenvolvemento tecnolóxico, e como novidade “que esas solucións se fabriquen en Galicia”
- Salientou ademais que compañías como Centum demostran que en Galicia se pode facer tecnoloxía de primeiro nivel que compite en mercados internacionais
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, recordou en Vigo que as empresas galegas aínda teñen ata o 30 de setembro para participar nos acordos de asociación para desenvolver grandes proxectos industriais de tecnoloxías duais que se fabriquen en Galicia. Nunha visita ás instalacións da firma Centum, Lorenzana explicou que estes acordos de asociación constitúen unha das principais medidas que o Goberno galego está a desenvolver no marco da Iniciativa Estratéxica de Seguridade, Defensa e Aeroespazo (Iesda) á que a Xunta destinará 40 millóns de euros mediante a fórmula da Compra Publica Precomercial, que permitirá impulsar o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas innovadoras nos ámbitos da seguridade, defensa e o aeroespazo.
A través desta actuación, pioneira en España, a Xunta busca atraer grandes proxectos de innovación e desenvolvemento tecnolóxico; e como novidade, primará que “estas solucións tecnolóxicas se fabriquen en Galicia” destacou Lorenzana, quen recordou que a previsión é chegar a conformar entre 2 e 15 consorcios empresariais e aprobar a adxudicación no primeiro semestre de 2027.
AXUDAS PARA CERTIFICACIÓNS
Por outra banda, a conselleira de Economía e Industria referiuse tamén á primeira convocatoria de axudas cun orzamento de 1,5 millóns de euros posta en marcha polo Executivo autonómico para facilitar que as empresas galegas obteñan certificacións como subministradoras para o sector da seguridade e a defensa.
Neste marco, apuntou que se trata de empresas de ámbitos tan diversos como o naval, o metalmecánico, o aeroespacial, o tecnolóxico, o transporte, o mantemento industrial, a automoción, a electricidade e a electrónica, a consultaría, a construción, a enxeñaría ou a fabricación aditiva. Esta forte diversificación, engadiu, demostra o interese da industria galega por diversificarse cara a este mercado.
Durante a visita a Centum, a titular de Economía e Industria puxo en valor a súa traxectoria como exemplo de empresa galega “que ten demostrado que en Galicia se pode facer tecnoloxía de primeiro nivel que compite no mercado internacional”, sinalou. Isto posiciona á Comunidade como referente no sector aeroespacial que “é o obxectivo de fondo da nosa estratexia”, concluíu Lorenzana.

























