Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Lorenzana detecta “moitas oportunidades” para o sector galego da automoción na futura estratexia de Defensa e Seguridade impulsada pola Xunta

  • Na presentación dos avances do proxecto Facendo Plus, que lidera Stellantis Vigo, a conselleira sinalou como obxectivo “transformar e evolucionar unha iniciativa exclusivamente espacial e no ámbito civil a unha iniciativa que pode traccionar outras industrias da automoción e do naval”
  • Ratificou o compromiso da Xunta coa automoción que, segundo dixo, “está pasando un momento complicado pero, tamén, de oportunidades” e que debe seguir liderando a industria e a economía en Galicia
  • Pediu a Stellantis o compromiso, “que xa está a ter e vai seguir tendo, para que compre nas nosas fábricas, ás nosas pemes, ás nosas empresas”

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, salientou que na futura estratexia de Defensa e Seguridade na que está traballando a Xunta de Galicia vai haber moitas oportunidades para o sector galego da automoción. Lorenzana participou no acto de presentación do estado de desenvolvemento do proxecto Facendo Plus, liderado por Stellantis Vigo, onde explicou que o obxectivo desa estratexia, que será presentada nas vindeiras semanas e que xira en torno ao Polo Aeroespacial de Galicia, é “transformar e evolucionar unha iniciativa exclusivamente espacial e no ámbito civil a unha iniciativa que pode traccionar outras industrias, particularmente, da automoción e do naval”.

A conselleira quixo aproveitar para ratificar o compromiso da Xunta co sector da automoción que, segundo dixo, “está pasando un momento complicado pero, tamén, de oportunidades”. “Non hai ningún tipo de dúbida de que é un dos sectores estratéxicos, e ten que seguir séndoo e liderando a industria e a economía en Galicia, -dixo-; a iso estamos dedicando unha parte moi relevante dos nosos esforzos”, matizou. O apoio da Xunta, engadiu, “vai moito máis alá” do Plan director, que compromete 230 millóns de euros de investimentos ata 2027.

FORTALEZA DA CADEA DE VALOR

Segundo afirmou Lorenzana, para Stellantis, a fábrica de Vigo e todo o sistema de coñecemento e de empresas da Comunidade ten “un valor extra que está exportando ao resto do grupo”, polo cal pediu o seu compromiso, “que xa está a ter e vai seguir tendo -sinalou-, para que compre nas nosas fábricas, ás nosas pemes, ás nosas empresas”. “Isto vai de que todos fagamos a parte que nos corresponde, porque nun momento tan complicado corremos o risco de que a cadea de valor que construímos poida destruírse nalgún momento”, advertiu.

“A Xunta vai seguir apostando por tentar que os custos se abaraten, apoiando as empresas e a innovación”, subliñou. “Poder levar a marca Galicia Calidade polo mundo coa capacidade, coñecemento e desenvolvemento industrial que ten aquí a automoción para o Goberno é un orgullo”, concluíu.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia