Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Lorenzana pon en valor “a política industrial de anticipación” da Xunta, coa que Galicia “está preparada antes de que chegue a oportunidade”

  • No `Foro Santander: Visión empresarial, estratexia e futuro´, en Vigo, lembrou que “o liderado industrial constrúese con anticipación, tamén con capacidade de resposta, e coa vontade de comprender como toman as empresas as súas decisións”
  • Ademais remarcou que os grandes investimentos “empezan cando un territorio prepara o solo empresarial, cando aposta polo talento, cando reforza o seu sistema de innovación, cando planifica as súas infraestruturas e cando incorpora a enerxía como factor esencial de competitividade”
  • A titular de Economía e Industria lembrou que actualmente hai 17 proxectos industriais declarados como estratéxicos, coa Oficina Económica de Galicia acompañando durante todo o proceso de investimento
  • Tamén recordou que a nova Estratexia Galega de Innovación mobilizará máis de 400 millóns de euros, co obxectivo de reforzar a transferencia de coñecemento, a colaboración entre empresas e centros tecnolóxicos, e a incorporación da innovación ao tecido produtivo

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, remarca que a Xunta está a desenvolver unha política industrial de anticipación para que Galicia estea preparada antes de que chegue a oportunidade. “O liderado industrial constrúese con anticipación, tamén con capacidade de resposta, e coa vontade de comprender como toman as empresas as súas decisións”, asegurou durante a súa intervención no `Foro Santander: Visión empresarial, estratexia e futuro´, en Vigo. No citado foro destacou que “os grandes investimentos non nacen o día no que se anuncian. Ese día fanse visibles, pero comezan moito antes”, matrizou. E a continuación engadiu que “empezan cando un territorio prepara o solo empresarial que as empresas van necesitar; cando aposta polo talento antes de que apareza a demanda; cando reforza o seu sistema de innovación; cando planifica as súas infraestruturas; e cando incorpora a enerxía como un factor esencial da competitividade industrial”, enumerou.

Segundo apuntou a titular de Economía e Industria, Galicia leva anos creando as condicións que hoxe demandan as empresas. “Non buscamos atraer investimentos illados. Buscamos construír unha carteira de proxectos capaces de transformar a economía galega”, asegurou, para indicar que, actualmente, hai 17 proxectos industriais declarados como estratéxicos; coa Oficina Económica de Galicia, que dá unha resposta integrada durante todo o proceso de investimento.

Tamén sinalou que, se durante corenta anos Galicia desenvolveu algo máis de 11 millóns de metros cadrados de solo público, hoxe están en marcha actuacións que permitirán incorporar case 12 millóns máis ata 2030, cun investimento de máis de 440 millóns de euros. “Cando unha empresa está pechando onde vai medrar, cada metro cadrado de solo dispoñible significa que pode escoller Galicia e que, polo tanto, un proxecto pode arrancar antes e que un emprego pode chegar antes”, afirmou.

Neste contexto, Lorenzana sinalou que como “a capacidade para fabricar seguirá sendo decisiva, pero a capacidade para innovar marcará a diferenza”, a nova Estratexia Galega de Innovación mobilizará máis de 400 millóns de euros, reforzando a transferencia de coñecemento, a colaboración entre empresas e centros tecnolóxicos e a incorporación da innovación ao tecido produtivo.

“Cando unha empresa internacional decide desenvolver un proxecto, está emitindo un xuízo sobre ese territorio, está dicindo que atopou as condicións para confiar. E iso ten un enorme valor”, destacou no `Foro Santander: Visión empresarial, estratexia e futuro´. “Ao final, un territorio preparado é aquel que combina industria, coñecemento e capacidade de execución. E ese é o modelo polo que Galicia quixo apostar. Eu estou convencida de que imos ser quen nos vindeiros anos de cambiar a nosa posición no mapa industrial europeo”, apostillou María Jesús Lorenzana.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia