Consellería de Economía e Industria
Rueda reclama ao Goberno o reforzo das redes de transporte e distribución de enerxía en Galicia e que poña fin ao aproveitamento limitado das renovables
- O presidente da Xunta apoiase nun informe encargado pola Consellería de Economía e Industria á Uvigo, que subliña a inexistencia dunha rede capaz de absorber toda a electricidade que podería xerar o sector eólico
- Na intervención posterior ao Consello da Xunta, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, concluíu que o reforzo das liñas é “esencial para o desenvolvemento industrial de Galicia”
- A Xunta advirte que si o Goberno central non atende as medidas urxentes solicitadas, non será posible cumprir cos obxectivos de aproveitamento das renovables previstos no Plan nacional integrado de enerxía e clima
O Consello da Xunta acordou volver reclamar ao Goberno central “que reforce as redes de transporte e de distribución de enerxía en Galicia” e salientou que iso -xunto a repotenciación de parques eólicos- “permitiría aumentar a xeración de enerxía renovable na Comunidade ata un 124%”. Na súa comparecencia, o presidente da Xunta fixo fincapé en que “o futuro pasa polas enerxías verdes” e en que o reforzo da rede de transporte é fundamental para “continuar o proceso de descarbonización” xa que non se trata só de producir enerxía “se non de poder trasportala ata os seus destinatarios”. “O reforzo da rede é un elemento esencial para o desenvolvemento industrial de Galicia”, apostillou a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, tras a celebración do Consello.
Na sesión coñecéronse as conclusións dun informe encargado pola Consellería de Economía e Industria á Universidade de Vigo, que analiza a incidencia do reforzo das redes de transporte e as medidas de repotenciación dos parques eólicos na implantación de proxectos industriais.
O estudo, elaborado polo Grupo de Investigación en Enxeñería Eficiente e Dixital da Universidade de Vigo (EN.EDI), pon o acento na necesidade de investir e reforzar as redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, que son imprescindibles tanto para poder evacuar a electricidade xerada polas instalacións de produción como para dar servizo aos consumidores, especialmente aos industriais, no proceso de descarbonización que deben afrontar.
En relación coas posibilidades de produción de electricidade a partir de enerxías renovables en Galicia, o informe pon de manifesto o gran potencial eólico en Galicia, cuxo aproveitamento está limitado na actualidade pola inexistencia dunha rede de transporte e distribución capaz de absorber toda a electricidade que se podería xerar a partir desta fonte renovable e limpa.
SEN CONEXIÓN Á REDE ELÉCTRICA
Por outra parte, o atraso na implantación de novas infraestruturas da rede de transporte planificadas polo Estado está xa a provocar que proxectos industriais coa tramitación ambiental finalizada non poidan comezar a súa construción ao non ter aínda posibilidades de conexión á rede eléctrica.
Nese sentido, o Goberno galego vénlle demandando de forma reiterada ao Goberno central que adopte medidas urxentes para o desenvolvemento da rede de transporte de enerxía eléctrica, co fin de dar resposta ao potencial de aproveitamento de enerxías renovables en Galicia e ás necesidades de consumo de proxectos industriais que teñen previsto instalarse en Galicia. “Isto ten que ser un traballo en equipo”, indicou Alfonso Rueda.
De non adoptarse este tipo de medidas, o Goberno galego advirte que non será posible cumprir cos obxectivos de aproveitamento de enerxías renovables previstos no Plan nacional integrado de enerxía e clima, aprobado polo Consello de Ministros.
As medidas demandadas polo Goberno Galego teñen como obxectivo que se garanta que ningún proxecto industrial perda a oportunidade de implantarse en Galicia por falta de conexión ao sistema eléctrico, nin por falta de posibilidades de dispor de electricidade de orixe renovable a un prezo competitivo, elemento fundamental para desvincularse da dependencia de combustibles fósiles, acadar autosuficiencia enerxética e procurar beneficios para a sociedade galega.
A Comunidade galega conta na actualidade con 190 parques eólicos en funcionamento, segundo datos do Rexistro Eólico de Galicia, que supoñen unha potencia de arredor de 3.900 MW. Deles, o 60% teñen muíños cunha antigüidade superior aos 20 anos, que representan aproximadamente o 56% da potencia total instalada en Galicia (2.200 MW); e por riba dos 540 MW representan os parques con 25 anos ou máis de funcionamento.
No informe levado ao Consello avalíanse catro variables con relación a esta medida: o número de aeroxeradores das distintas fases de repotenciación de todos os parques obxecto de estudo e diferenciados por anos de antigüidade; a potencia instalada antes e despois da repotenciación; a enerxía anual producida (EAP) nos parques en servizo e unha vez repotenciados; e as horas equivalentes antes e despois da modernización.
O informe conclúe que a repotenciación dos parques actuais, incluso mantendo a súa potencia, permitiría aumentar a produción de electricidade de orixe renovable nun 35% con respecto á actual, cunha redución no número de aeroxeradores de ata un 79%, grazas á maior eficiencia das novas tecnoloxías, fronte á utilizada nos parques antigos. “Equivaldría a crear 20 novos parques e permitiría atender a demanda dos proxectos previstos no entorno das Pontes”, indicou a conselleira de Economía e Industria.
Ademais, na hipótese de que implantasen redes de transporte e distribución axeitadas co potencial eólico galego, tal e como demanda o Goberno galego, mantendo a mesma ocupación de terreos actual, poderíase aumentar a produción eólica actual ata un 124%, mesmo reducindo o número de aeroxeradores ata case un 80%. “Isto sería semellante a instalar 70 novos parques e permitiría atender as necesidades dos proxectos industriais da Coruña e Sabón”, detallou Lorenzana.
Estas conclusións e a necesidade de descarbonización da economía reflicten claramente a obriga de desenvolver con urxencia novas redes eléctricas para poder dar resposta ás posibilidades de xeración de electricidade de orixe renovable, así como ás necesidades das industrias.
LEI DE PROMOCIÓN DOS BENEFICIOS SOCIAIS E ECONÓMICOS
O reforzo das infraestruturas proposto, xunto coas medidas de repotenciación dos parques eólicos de Galicia, revertería así na cidadanía, no marco da Lei 2/2024, do 7 de novembro, de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, que naceu precisamente coa finalidade de asegurar a xestión responsable dos nosos recursos de maneira que se protexa o ambiente, que se cree riqueza e que esa riqueza xerada impacte no territorio.
Para avanzar neste proceso de transición enerxética e facilitar o asentamento de novas industrias, a Xunta está a traballar nas medidas de promoción e ordenación da repotenciación dos parques eólicos, impulsadas a través da Lei 5/2024, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.
A repotenciación dos parques eólicos é clave para atraer e consolidar proxectos industriais intensivos en consumo de enerxía, poñendo ao seu dispor o acceso á enerxía limpa, factor diferencial actualmente dentro de numerosos procesos produtivos onde a etiqueta verde é un valor engadido en calquera produto, e a un prezo que contribúa a incrementar a competitividade desta industria.
Ademais, cómpre subliñar a redución da pegada ambiental e o impacto paisaxístico producido pola diminución do número de aeroxeradores, polo aproveitamento das infraestruturas existentes e polo territorio xa ocupado. Todo isto, sumado aos beneficios económicos, de emprego, sociais e mesmo educacionais derivados dos procesos de repotenciación nas comunidades locais onde se produzan.