Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

O plan da Xunta `Renova o teu vehículo´esgotouse nun mes ao recibir preto de 1.500 solicitudes de particulares, 790 delas para modelos híbridos de gasolina e 129 para eléctricos puros

  • Tamén se rexistraron 58 peticións de empresas, modalidade de axudas para as que aínda hai unha parte de crédito dispoñible
  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, considera que o Goberno central debería replicar o plan autonómico porque “facilita a compra á cidadanía” e por ser “menos burocrático, máis áxil e máis eficaz”
  • A provincia da Coruña concentrou o maior número de solicitudes, con 657, seguida de Pontevedra (523), Ourense (192) e Lugo (115)

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destaca o éxito do programa da Xunta `Renova o teu vehículo´, que, en apenas un mes desde que abriu o prazo o pasado 22 de xaneiro, esgotou o crédito para particulares con 1.429 solicitudes recibidas. Acompañada pola delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, Lorenzana visitou na Coruña o concesionario Galcar, onde explicou que, en total, recibíronse 1.487 solicitudes, das que 58 son de empresas, modalidade de axudas para as que aínda quedan 111.000 euros de crédito dispoñible.

Detallou que, por tipo de motor, os vehículos máis demandados foron os híbridos de gasolina (790 unidades con solicitude de axudas), seguidos polos que empregan gases licuados de petróleo (GLP) (358 unidades), os eléctricos puros (129), os híbridos enchufables (90), e os de gasolina (92) ou gasóleo (19). Por provincias, A Coruña foi a que máis solicitudes rexistrou (657); seguida de Pontevedra (523), Ourense (192) e Lugo (115).

“Este resultado confirma que, cando as Administracións deseñamos políticas útiles, sinxelas e ben orientadas, a cidadanía responde”, afirmou a conselleira de Economía e Industria, quen reivindicou este plan de axudas por ser “menos burocrático, máis áxil e máis eficaz”. Engadiu que a axuda págase directamente no concesionario, sen que o comprador teña que adiantar o importe, e concédese en función das emisións, non do tipo de motor.

Na visita ás instalacións de Galcar, adherido ao programa `Renova o teu vehículo´, María Jesús Lorenzana lembrou que o Plan, cun orzamento de 3,5 millóns de euros e apoios que poden chegar ata os 4.600 euros, conta co Premio Compromiso de Faconauto polo seu impacto social. E volveu insistir en que debería ser tomado como referencia a nivel estatal porque facilita a compra á cidadanía e dá estabilidade ao sector.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia