Consellería de Economía e Industria
Lorenzana enxalza o potencial mineiro de Galicia, nun momento excepcional para os minerais estratéxicos
- A conselleira de Economía e Industria avoga por sumar esforzos para potenciar o liderazgo da Comunidade na produción de pedra natural en España
- Define o consello asesor de Stonegal 2025 como verdadeiro exemplo de colaboración público-privada dentro dun sector relevante para a economía galega
- Destaca que Galicia é a Comunidade con maior valor na produción de pedra ornamental, 452 millóns de euros, o 41,2% do total de España
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, chamou a sumar esforzos para mostrar as capacidades de Galicia e reforzar o posicionamento da Comunidade como líder na produción de pedra natural en España. Lorenzana asistiu en Vigo á presentación do `I Consello Asesor de Stonegal 2025´ que cualificou de “verdadeiro exemplo” de colaboración público-privada ao redor dun sector tan relevante en Galicia “como é o da pedra natural”, dixo. Segundo explicou, este consello asesor vai dar impulso á Feira que reunirá o vindeiro mes de xuño a máis de 150 empresas e profesionais dunha ducia de países e que, “estou segura que contribuirá a reivindicar Galicia como un referente do sector”, apuntou.
Na súa intervención, a conselleira subliñou a importancia de “aproveitar o momento e o lugar” pois “estamos nun contexto no que os minerais estratéxicos se volveron imprescindibles” para a autonomía estratéxica dos países, e ademais, Galicia ten un potencial mineiro excepcional “e temos que saber aproveitalo”.
LÍDER EN LOUSA E GRANITO
Así, sinalou que a Comunidade é líder en España, tanto en produción de lousa como de granito; a metade das explotacións de lousa ornamental do país están en Galicia; e que “somos a Comunidade Autónoma con maior valor de produción de pedra ornamental, cun 41,16% do total nacional, é dicir, 452 millóns de euros”, destacou.
Finalmente, María Jesús Lorenzana puxo en valor que esta feira será unha gran plataforma para visualizar a importancia do sector en Galicia; para intercambiar coñecementos e potenciar o modelo de desenvolvemento sustentable desta industria que vai xerar riqueza e benestar para as empresas e a cidadanía; e para potenciar o talento e a formación e crear emprego de calidade.