Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Rueda remarca “a capacidade técnica, loxística e industrial” de Galicia, na recepción no Porto de Ferrol do primeiro buque portavehículos de SAIC

 

  • O presidente da Xunta afirmou que a proba loxística do grupo chinés evidencia a súa aposta pola Comunidade galega para desenvolver “un proxecto industrial de longo percorrido chamado a transformar o futuro de Galicia”
  • Agradeceu aos representantes da multinacional automobilística ter escollido Galicia fronte a outros territorios e lembrou que a Comunidade “ofrece estabilidade, capacidade industrial, infraestruturas, loxística e talento, ademais da seguridade de que aquí se fan as cousas ben”
  • Alfonso Rueda valorou que o alcance será para toda Galicia, xa que a chegada de SAIC “permitirá fortalecer o conxunto das cadeas de valor, abrir novas oportunidades e consolidar á Comunidade como un dos polos de automoción máis importantes de toda Europa”

 

O presidente da Xunta destacou a “capacidade técnica, loxística e industrial” que atesoura Galicia, e que considerou un dos factores que contribuíu a que a multinacional do automóbil SAIC elixise Galicia para instalar a súa planta de produción na Unión Europea. Unha decisión que agradeceu e que cualificou como “un primeiro paso de cara a constituír unha relación duradeira” entre a compañías e a Comunidade galega. Así o sinalou durante a súa participación no acto de recepción dun buque portavehículos da multinacional, que chegou ao Porto de Ferrol co obxectivo de facer comprobacións loxísticas. Esta proba vén a evidenciar, segundo expuxo Alfonso Rueda, que a aposta de SAIC por Galicia é tanxible: “Hoxe contemplamos a primeira imaxe visible dun proxecto industrial de longo percorrido chamado a transformar o futuro de Galicia”, salientou.

Neste sentido, agradeceu aos representantes da empresa ter escollido Galicia fronte a outros territorios. Así, lembrou que “Galicia ofrece estabilidade, capacidade industrial, infraestruturas, loxística e talento, ademais da seguridade de que aquí se fan as cousas ben, o compromiso e a fiabilidade que distinguen a Galicia Calidade”, afirmou.

Na súa intervención, tamén se referiu á importancia que a chegada de SAIC terá para Ferrol e As Pontes, e para ás súas comarcas. Con todo, precisou que o alcance será para toda Galicia, pois permitirá fortalecer o conxunto das cadeas de valor, abrir novas oportunidades e “consolidar á Comunidade como un dos polos de automoción máis importantes de toda Europa”. En concreto, este proxecto suporá un investimento inicial duns 200 millóns de euros e a creación de ao redor de 2.300 empregos nunha primeira fase.

“Aquí van encontrar institucións comprometidas, empresas preparadas, universidades e centros tecnolóxicos de primeiro nivel e profesionais altamente cualificados”, indicou o presidente da Xunta, ao tempo que afirmou que, tamén atoparán o recibimento dunha “sociedade civil que sabe agradecer a quen chega con vontade de investir, crear emprego e construír futuro”.

A aposta de Galicia por captar iniciativas como esta obedece ao obxectivo marcado pola Xunta de seguir medrando, diversificando as capacidades e incorporando novas tecnoloxías da man de empresas líderes mundiais. Así, Rueda reivindicou tamén todo o traballo feito ata agora e recoñeceu a necesaria implicación do resto de Administracións para seguir traballando de forma conxunta polo interese xeral.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia