Consellería de Economía e Industria
Rueda considera un fito e un orgullo o próximo lanzamento do primeiro vehículo español que moverá satélites no espazo, OSSIE, da viguesa UARX Space

-
O “taxi espacial” galego, a piques de viaxar a California, foi deseñado e fabricado integramente na sede da empresa en Nigrán
-
O presidente da Xunta resalta que OSSIE levará a marca Galicia Calidade ao espazo e posicionará a España entre o selecto grupo de cinco países con capacidade para manobrar fóra da atmosfera
-
Felicita a UARX Space por converter o talento galego “nun referente global que xa conta co recoñecemento de axencias de prestixio mundial como a NASA”
-
Alfonso Rueda subliñou que esta mesma semana o Consello autorizou 40 millóns de euros para atraer a Galicia grandes proxectos industriais de seguridade, defensa e aeroespazo a través da Compra Pública Precomercial, medida pioneira en España
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou as instalacións de UARX Space no parque tecnolóxico de Porto do Molle, coincidindo coa inminente viaxe cara a California e posterior lanzamento do vehículo de transferencia orbital galego, OSSIE, deseñado e fabricado integramente nesta empresa de Nigrán. Un fito que o titular do Executivo galego cualificou como “un orgullo” e que levará a marca Galicia Calidade ao espazo, ao tempo que sitúa a España por primeira vez no selecto grupo de cinco países con capacidade para manobrar fóra da atmosfera.
“Antes parecía que había que irse a países moi afastados para facer as cousas difíciles, cousas que parecían ciencia ficción hai uns anos, e agora resulta que as facemos aquí e as mandamos a todo o mundo e mesmo ao espazo”, salientou Rueda. Neste sentido, o presidente, que estivo acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, felicitou a UARX Space por converter o talento galego nun referente global que xa conta co recoñecemento de axencias de prestixio mundial como a NASA.
Deste xeito, conscientes de que os ámbitos aeroespacial, da seguridade e da defensa son estratéxicos para a internacionalización e a xeración de emprego de alta cualificación, Alfonso Rueda reiterou o apoio da Xunta a estes sectores e lembrou que a Iniciativa Estratéxica de Seguridade, Defensa e Aeroespacio (IESDA) destinará 183 M€ en cinco anos co obxectivo de mobilizar máis de 900 M€ de capital público-privado, priorizando sempre que o desenvolvemento e a fabricación destas solucións queden no territorio galego.

Nesta liña de apoio continuado, o presidente autonómico subliñou que esta mesma semana o Consello autorizou 40 M€ para atraer grandes proxectos industriais de seguridade, defensa e aeroespazo a Galicia a través da Compra Pública Precomercial, unha medida pioneira en todo o país. “O que pretendemos son dous obxectivos: que falemos de produtos que o mercado vai necesitar pero que aínda non ten e polo tanto hai que fabricalos, e que se fabriquen en Galicia”, explicou Rueda. Así, este programa impulsará de xeito directo proxectos de tecnoloxías duais —con aplicacións civís e de defensa— e un dos criterios relevantes á hora de seleccionalos é que aposten por fabricar os produtos na Comunidade, favorecendo que o motor galego da innovación siga en marcha e atraendo novas oportunidades.

























