Busca en nuestra página

Consellería de Economía, Empresa e Innovación

Consellería de Economía, Empresa e Innovación (2)

- Representa un 157% máis que os fondos mobilizados pola RIS 3 no anterior período (2014-2020), no que acadaron 1.900 millóns.

- Os eixos das políticas de Xunta en I+D+i serán a sustentabilidade, a dixitalización e as persoas.

- O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, resalta que esta nova estratexia “crece tanto en obxectivos como en recursos por esixencias do contexto de transformación enerxética e dixital que apremia a facer unha aposta aínda maior pola I+D+i”.

- A RIS3 de Galicia ata 2027 introduce o concepto de misión para identificar e priorizar un máximo de 6 proxectos tractores que concentrarán o maior número de recursos e de capacidades.

- Ademais de fortalecer o ecosistema galego de I+D+i, os grandes obxectivos son incrementar o número de pemes innovadoras galegas e conectar a innovación dos grandes retos da sociedade galega, como o envellecemento activo, a alimentación saudable, o despoboamento, a saúde ou a cohesión territorial.

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, eloxia a nova Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia ata 2027, que sitúa a sustentabilidade, a innovación e as persoas como os eixes das políticas de I+D+i da Xunta cunha mobilización extraordinaria de fondos de case 5.000 millóns de euros de investimento público-privado.

Con respecto á anterior RIS3 (2014-2020), esta nova estratexia crece tanto en obxectivos como en recursos por exixencias do contexto de transformación enerxética e dixital que apremia a facer unha aposta aínda maior pola I+D+i. A Consellería de Economía detalla que para este período se destinarán un 157% máis de fondos que no anterior marco orzamentario 2014-2020, no que se acadou un investimento superior aos 1.900 millóns de euros. De cara ao 2027, dos 5.000 millóns de euros de investimento previsto, 3.000 millóns proveñen de fondos públicos.

Departamento I+D de Marine Instruments

Prioridades

As tres prioridades da nova RIS3 van estar, por un lado, na sustentabilidade, como eixe diferenciador respecto ás políticas de I+D+i de etapas anteriores; na dixitalización, como elemento facilitador para a transformación económica e social de Galicia; e nas persoas, a través dunha investigación e innovación orientadas a abordar os retos da sociedade galega: o envellecemento activo, a alimentación, o despoboamento, a saúde ou a cohesión territorial. Por outro lado, outra das prioridades será o fortalecemento do ecosistema galego de I+D+i para que funcione de xeito máis integrado, achegando os centros de coñecemento ás empresas e prestando especial atención á perspectiva de xénero no campo da investigación e a innovación.

Froito dun proceso de diálogo co sector

Francisco Conde remarcou na presentación da nova RIS3 que se trata dunha estratexia, como a anterior, froito dun proceso de diálogo con todo o ecosistema galego de I+D+i (universidades, centros tecnolóxicos,...), co tecido empresarial galego, e, tamén, coa propia cidadanía, a través de diferentes encontros divulgativos que a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), convocou a pé de rúa ao longo dos últimos meses e nos que se recolleron 300 achegas. En total, máis de 800 participantes entre as 500 empresas galegas que colaboraron, os centros de coñecemento e todas as persoas que, en xeral formaron parte das 27 mesas de traballo convocadas e que responderon ás 175 entrevistas realizadas.

É unha estratexia que reafirma a visión integradora da I+D+i en toda a cadea de valor e para a que se creou no seo do Goberno galego unha Comisión Interdepartamental de I+D+i porque, por primeira vez, a política de innovación e investigación tamén ten carácter transversal para a totalidade da Xunta de Galicia.

Outra das novidades da nova RIS3 está en que introduce o concepto de misión, a mesma fórmula da Comisión Europea para priorizar obxectivos e concentrar o máximo posible de recursos e capacidades ao redor dun gran proxecto. En concreto, está previsto que sexan entre catro e seis misións as que se desenvolvan en Galicia, que se irán perfilando cos axentes do ecosistema e que se financiarán con fondos Feder a través de dúas convocatorias. Un dos proxectos previstos será para prolongar a estadía de persoas maiores dependentes nos seus domicilios, que requirirá aliñar solucións tecnolóxicas, asistenciais, TIC, médicas ou construtivas e de domótica.

 

Máis pemes innovadoras

Conde destaca que todos os esforzos deben ir dirixidos, sobre todo, a romper o teito de cristal para as pemes e en sectores tradicionais afastados aínda da I+D+i, polo que o tecido económico e o sistema de I+D+i deben traballar perfectamente conectados facendo efectiva a transferencia de coñecemento. Ademais, defende a necesidade de seguir fomentando a colaboración público-privada e apunta que nesta etapa a Xunta vai traballar por retornar a Galicia máis fondos estatais e europeos.

Benteler, no Parque Empresarial de Mos

Balance do anterior período No balance 2014-2020 o investimento en Galicia en I+D creceu un 34,4%, máis de 10 puntos por riba da media nacional (23%), conseguindo o nivel más alto: 641,7 millóns de euros. A Xunta outorgou 6.700 axudas (6 de cada 10 para pemes) que mobilizaron 1.900 millóns de investimento público-privado, o 76% en proxectos encamiñados a crear un modelo industrial sustentado na competitividade e o coñecemento. Triplicouse o orzamento da Axencia Galega de Innovación (Gain) que, desde 2014, pasou de 56,3 millóns a 152,7 millóns neste exercicio. E, neste contexto, a innovación creceu en Galicia case ao dobre do ritmo da media española desde 2014.

No que respecta ao período 2022-2027, a nova RIS3 dispón dous períodos de planificación. O primeiro, 2022-2024, contempla preto de 1.600 millóns de orzamento para desenvolver cinco programas cos seguintes obxectivos: impulsar a posta en marcha de proxectos transformadores e de impacto a través da colaboración e transferencia público-privada; consolidar unha oferta de I+D+i avanzada capaz de dar resposta aos retos da dixitalización e a sustentabilidade; converter Galicia nunha contorna favorable para a atracción e retención de talento; incrementar o número de empresas innovadoras e impulsar a Marca Galicia desde o ámbito da I+D+i para captar novos investimentos e posicionar a Gallicia como un referente en España e no conxunto de Europa.

Francisco Conde sostén que estamos nun momento decisivo para apostar pola I+D+i e asegurar, así, unha recuperación sustentable e un futuro de progreso para as vindeiras xeracións. E engade que precisamos a I+D+i para completar a dobre transición enerxética e dixital que xa iniciamos porque é a garantía para saír máis fortalecidos do actual contexto de crise que vive España. A nova RIS3 é, nese sentido, o mapa da innovación en Galicia de cara á vindeira década.

 

 

 

— O programa Galicia Exporta Empresas destina 5 millóns para impulsar plans de internacionalización que inclúen, entre outras accións, a participación en actividades de promoción internacional ou a planificación de axendas de contactos e seguimento de clientes no exterior

— A liña Galicia Exporta Organismos Intermedios suma 2,5 millóns para atender proxectos colectivos coordinados por agrupacións empresariais

— O prazo de presentación de solicitudes está aberto desde hoxe ata o vindeiro 24 de maio, e as subvencións son de ata un 70% dun gasto máximo subvencionable de 130.000 euros

— A Xunta busca así reforzar a colaboración co tecido empresarial galego, que vén de acadar, no 2021, rexistros históricos no que ás vendas ao exterior se refire, superando por primeira vez a barreira dos 25.000 millóns

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través do Igape, activa unha nova convocatoria dos programas Galicia Exporta Empresas e Galicia Exporta Organismos Intermedios, liñas de apoio que suman, de modo conxunto, 7,5 millóns de euros na procura de impulsar a internacionalización do tecido produtivo galego. Estes apoios permiten a realización de accións de promoción exterior xeradoras de vantaxes competitivas que incidan na proxección e posicionamento das empresas galegas nos mercados internacionais.

Neste sentido, o Galicia Exporta Empresas conta cun orzamento de 5 millóns destinado a proxectos individuais, mentres que o Galicia Exporta Organismos Intermedios suma 2,5 millóns para apoiar iniciativas colectivas coordinadas por agrupacións empresariais. O obxectivo é impulsar tanto actividades de difusión como a participación en eventos expositivos no exterior e accións de prospección internacional.

Planta de envasado de Aceites Abril

Ambas as dúas convocatorias teñen desde hoxe aberto o prazo de presentación de solicitudes, que permanecerá aberto ata o vindeiro 24 de maio. Os apoios cobren o 70% dun gasto máximo subvencionable de ata 130.000 euros, facilitando e promovendo plans de internacionalización que inclúen, entre outras accións, a participación en iniciativas de promoción internacional ou a planificación de axendas de contactos e seguimento de clientes no exterior.

Cómpre destacar que, na convocatoria do 2020, as dúas liñas beneficiaron a un total de 509 empresas, mobilizando máis de 10 millóns de euros. Así, o Galicia Exporta Empresas promoveu 244 plans de internacionalización, estando o 71% das accións dirixidas ao mercado europeo, encabezado por Alemaña. Fóra de Europa destacou Estados Unidos, co 9% das accións aprobadas.

Pizarras Cupa

Pola súa banda, o Galicia Exporta Organismos Intermedios promoveu 185 proxectos correspondentes a misións directas ou visitas a feiras no estranxeiro (46,7%), a participacións como expositores en feiras internacionais (24,5%) ou a misións inversas desde o estranxeiro de importadores, distribuidores, medios de comunicación e outros prescriptores (13,6%). Por mercados, as empresas amosaron a súa preferencia por países da UE -Alemaña sumou o 17% do total-, mentres que fóra de Europa destacaron os Estados Unidos, cun 10% das accións de promoción aprobadas, e México (4%).

Estratexia de internacionalización 2025 As dúas liñas compleméntanse co Galicia Exporta Dixital, que xa tivo aberta este ano unha nova convocatoria cun importe de 4,4M€, adaptada ás necesidades provocadas pola covid-19 para facilitar a reactivación do tecido empresarial e a mellora da competitividade no actual contexto económico. O seu obxectivo foi permitir ás empresas apoiarse en ferramentas innovadoras para acceder aos mercados exteriores a través de novas canles de comercialización.

Instalaciones de Delta Vigo

Todos estes programas se enmarcan na nova Estratexia de Internacionalización de Galicia 2021-2025, que ten como principais claves a aposta pola dixitalización e a diversificación dos mercados exportadores. Unha estratexia que busca que as compañías galegas multipliquen por tres as exportacións a América do Norte, e dupliquen as súas vendas a América do Sur e Asia, ademais de incrementar en máis dun 25% as exportacións ao Reino Unido.

Neste sentido, as vendas ao exterior da Comunidade superaron os 25.000 millóns de euros o pasado exercicio, o que se supón, un novo récord histórico e un incremento do 21,1% con respecto ao 2020. Cifras ás que cabe sumarlle outras como a suba do número de empresas exportadoras galegas, que logran tamén neste período o seu mellor rexistro, chegando ás 9.360, un 31,5% máis que no 2020.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

CEG - Confederación de empresarios de Galicia

 

 

 

 

 

 

 

 

Asociación de Empresarios Gallegos en Madrid