Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Lorenzana avanza que o 29 de xullo abrirá o prazo para solicitar axudas extraordinarias para o sector da automoción, cun orzamento de 45 millóns

  • O programa terá tres liñas de actuación por importe de 15 millóns: para proxectos de desenvolvemento e innovación en organización e procesos, para protección ambiental e descarbonización, e para a adaptación á mobilidade verde nas pemes
  • A convocatoria está consensuada co clúster sectorial, as axudas poderán acadar ata un máximo de 10 millóns de euros e as empresas terán acceso a varias liñas
  • “Continuamos nesa aposta por un sector clave dentro da industria galega, e con esa estratexia de industrialización coa que pretendemos ir aumentando a achega da industria á economía galega”, afirma María Jesús Lorenzana

Nunha visita ás instalacións de Valver, no polígono industrial de Areas, en Tui, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, avanzou que a partir do vindeiro 29 de xullo abre o prazo para solicitar o terceiro paquete de axudas extraordinarias aprobado pola Xunta para o sector da automoción, e que contan cun orzamento de 45 millóns de euros. A convocatoria está recollida no Diario Oficial de Galicia do 21 de xullo.

“Continuamos nesa aposta por un sector clave dentro da industria galega, e con esa estratexia de industrialización coa que pretendemos ir aumentando, pouco a pouco, a achega que fai a industria á economía galega, que está nun momento moi bo, pero que precisa de acompañamento e da colaboración da Administración coas empresas”, indicou Lorenzana.

O programa estrutúrase en tres liñas de actuación cun importe de 15 millóns de euros cada unha. A primeira, para proxectos de desenvolvemento experimental e de innovación en organización e procesos; a segunda, para actuacións en materia de protección do ambiente e descarbonización; e, a terceira, dirixida ás pemes para facilitar a súa adaptación á mobilidade verde, descarbonizada e conectada.

AXUDAS POR IMPORTE MÁXIMO DE 10 MILLÓNS

As axudas, deseñadas tras un proceso de diálogo co Clúster da Automoción e Mobilidade de Galicia (Ceaga), poderán acadar ata un máximo de 10 millóns de euros e as empresas van poder acceder a varias liñas. Todos os proxectos deberán contar cun investimento subvencionable mínimo de 100.000 euros. Ademais, para facilitar a execución das actuacións, prevese un pagamento anticipado do 80 por cento da subvención, que se tramitará de oficio e sen necesidade de constituír garantías.

Chegarán ata o 50 por cento nos proxectos de desenvolvemento e innovación e ata o 32,5 por cento nos investimentos de protección ambiental e descarbonización, en función do tamaño da empresa. No caso das pemes, subvencionarase ata o 50 por cento dos gastos de consultaría asociados aos proxectos de transformación e modernización produtiva.

Esta nova convocatoria enmárcase na estratexia que a Xunta vén desenvolvendo para consolidar Galicia como un dos principais polos da automoción en Europa e acompañar este sector industrial nun momento decisivo marcado pola electrificación e a descarbonización. Neste contexto, a previsión é chegar a mobilizar máis de 230 millóns de euros a través do Plan director da automoción de Galicia 2025-2027, dotado con 134,1 millóns de euros, e do Programa extraordinario de apoio á descarbonización e á transición ao vehículo eléctrico iniciado en 2024.

Por outra parte, na visita ás instalacións de Valver, a conselleira María Jesús Lorenzana referiuse a esta empresa pontevedresa como “punteira” e referiu que forma parte da “extraordinaria cadea de valor” do sector da automoción en Galicia, con máis de 40 anos de antigüidade e con un alto grado de innovación e internacionalización.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia