Consellería de Economía e Industria
A Xunta conta coa única liña de axudas existente en España para fomentar o emprego da madeira como elemento estrutural na construción

- Os apoios pódense solicitar ata o 31 de agosto e presentan como principal novidade o aumento da contía máxima para edificacións en altura, actuacións de uso residencial e promocións singulares, que sube de de 140.000 a 250.000 euros
- O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, detallou que o Goberno galego destina 5 millóns de euros a este programa que subvenciona a redacción de proxectos e a execución de obra nova
- Salientou a liña Xera-madeira no transcurso dunha visita ao establecemento turístico Cabanas do Avia, en Ribadavia, beneficiario en anteriores edicións
O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, lembrou en Ribadavia que a liña de apoios para impulsar a realización de proxectos e obras que empreguen a madeira como elemento estrutural na construción, a única iniciativa deste tipo existente en España, mantén aberto o seu prazo ata o próximo 31 de agosto. Fixo este recordatorio no transcurso dunha visita ao establecemento turístico Cabanas do Avia, beneficiaria deste programa de apoios en anteriores edicións.
Fernández Ríos recordou que estas axudas, denominadas Xera-madeira, convócanse de xeito bianual e contan cun orzamento de 5 millóns de euros. Están dirixidas a pequenas e medianas empresas, incluídas as persoas autónomas, e as cooperativas, asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro; así como ás persoas físicas, sexa de xeito individual ou en conxunto.
Así, en función do tipo de beneficiario e das accións subvencionables, a convocatoria establece catro liñas de axudas: dúas dirixidas a pemes, persoas autónomas e asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro, públicas ou privadas, que desenvolvan a súa actividade en Galicia; e outras dúas destinadas a persoas físicas. Nos dous casos subvenciónase por unha banda a redacción de proxectos e, pola outra, a execución de obras.
INCREMENTO DAS AXUDAS, CUN MÁXIMO DE 250.000 EUROS
O director da Xera destacou que a edición deste ano inclúe dúas novidades. A principal é que a contía máxima que poderá recibir unha mesma persoa ou entidade beneficiaria increméntase desde os 140.000 euros da anterior edición ata os 250.000 euros no caso de edificacións en altura, actuacións de uso residencial colectivo ou promocións singulares. E ademáis a convocatoria incorpora a definición de promoción singular, referida a actuacións que integren solucións técnicas, construtivas ou funcionais innovadoras ou pouco habituais en Galicia; que teñan a consideración de proxectos piloto; que presenten un impacto territorial, social ou estratéxico relevante a escala supramunicipal; que combinen múltiples usos ou funcionalidades de maneira non convencional; ou que incorporen solucións específicas derivadas de condicionantes ambientais, urbanísticos ou patrimoniais. Deste xeito, as actuacións poderán servir como exemplo para toda a cidadanía.
Respecto das contías dos apoios, Fernández Ríos explicou que no caso das empresas e entidades, a suma das axudas concedidas para a redacción do proxecto e para a execución da obra poderá alcanzar os 90.000 euros con carácter xeral. Este límite elévase ata os 250.000 euros nas edificacións en altura, nas actuacións de uso residencial colectivo e nas promocións singulares que cumpran as condicións establecidas na convocatoria. Para as persoas particulares, a contía máxima conxunta das axudas para proxecto e obra será de 45.000 euros.
MARCA DE GARANTÍA PIÑEIRO DE GALICIA
A intensidade ordinaria da axuda será do 50 % do gasto subvencionable, porcentaxe que poderá incrementarse ata o 70 % cando se utilicen produtos de madeira procedentes de montes galegos certificados e con rastrexabilidade ou produtos amparados pola marca de garantía Piñeiro de Galicia.
Finalmente, o director da Xera subliñou que con estas axudas o Goberno galego busca a modernización do tecido industrial galego, contribuír á loita contra o cambio climático, afondar en políticas de eficiencia enerxética e achegar confort, saúde e benestar ás persoas que vaian habitar edificacións construídas en madeira.

























