Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

María Jesús Lorenzana: “As empresas necesitan marcos normativos claros, estables e previsibles para investir, innovar e crecer”

  • A conselleira de Economía e Industria participou xunto co titular de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, na inauguración do VII Congreso Nacional Empresa 360°
  • Lorenzana enxalzou que, ademais da industria, da sustentabilidade e do coñecemento, “hai un elemento transversal imprescindible: a seguridade xurídica”
  • Precisou que o sector industrial representa en Galicia en torno ao 17% do PIB, dous puntos por encima da media estatal, e que xera máis de 200.000 empregos na Comunidade
  • Na inauguración do Congreso afirmou que o liderado galego en enerxías renovables, con máis do 60% da electricidade producida a partir destas fontes, supón “unha vantaxe estratéxica para atraer proxectos industriais intensivos en consumo enerxético”
  • O Conselleiro de Facenda e Administración Pública puxo en valor que Galicia sexa a primeira rexión europea en aprobar unha Lei que regula o uso da IA na Administración, promovendo a súa implantación en todos os ámbitos
  • Miguel Corgos salienta que a Estratexia Galicia Dixital 2030 constitúe “a folla de ruta para poñer as tecnoloxías dixitais ao servizo do benestar das persoas e da creación de riqueza”

 

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, considera que o diálogo entre o ámbito xurídico, o empresarial e o institucional resulta esencial para o desenvolvemento industrial de Galicia. “Xunto á industria, a sustentabilidade e o coñecemento, hai un elemento transversal imprescindible: a seguridade xurídica. As empresas necesitan marcos normativos claros, estables e previsibles para investir, innovar e crecer”, asegurou durante a súa intervención na inauguración do VII Congreso Nacional Empresa 360°, celebrado na cidade de A Coruña.

Neste acto, a titular de Economía e Industria da Xunta destacou que “Galicia quere ser parte activa de esa Europa que avanza, que innova e que non renuncia á súa base industrial”. Con todo, subliñou que “a regulación europea ten que acompañar ao tecido produtivo, especialmente ás pemes, ofrecendo seguridade xurídica, prazos razoables e mecanismos eficaces de apoio. Do contrario -engadiu-, corremos o risco de perder competitividade fronte a outras rexións do mundo”.

Lorenzana apuntou que a industria en Galicia representa en torno ao 17 por cento do PIB, fronte a unha media nacional próxima ao 15 por cento, e xera máis de 200.000 empregos directos e indirectos. Tamén destacou que é unha Comunidade líder en enerxías renovables, con máis do 60 por cento da electricidade producida a partir deste tipo de fontes, o que supón unha vantaxe estratéxica para atraer proxectos industriais intensivos en consumo enerxético.

Para pechar a súa intervención no Congreso, remarcou a importancia de contar cunha universidade que forme talento adaptado ás novas demandas do mercado laboral porque, abondou, “vivimos unha profunda transformación tecnolóxica, coa intelixencia artificial e a dixitalización redefinindo procesos produtivos, modelos de negocio e relacións laborais”. Ao respecto, considerou que Europa debe liderar esta transformación “desde os seus valores, combinando competitividade con cohesión social e protección de dereitos”, enxalzou.

POSICIÓN DE PRIVILEXIO

Pola súa banda, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, explicou no propio Congreso Nacional Empresa 360º que Galicia sitúase nunha posición de privilexio ante a cuarta revolución industrial, que vai máis alá do período de dixitalización e implantación das TIC nos sectores públicos e nos sectores produtivos, grazas ao desenvolvemento das novas tecnoloxías intelixentes. Miguel Corgos explicou que a situación periférica e a particular orografía e dispersión condicionaron o desempeño de Galicia durante a “terceira revolución”, xa que o esforzo tivo que centrarse en “vertebrar e conectar o territorio, achegar a Administración e os servizos públicos a toda a poboación e reducir os efectos das distancias”. Porén, nesta nova etapa “fomos capaces de anticiparnos” e a Comunidade galega conta “cun sector tecnolóxico en constante crecemento e con capacidade competitiva”.

A Estratexia Galicia Dixital 2030 é a folla de ruta para poñer estas tecnoloxías ao servizo do benestar das persoas e da creación de riqueza. Trátase da terceira axenda que Galicia desenvolve, “empezando polos desafíos de conectividade do territorio ou a capacitación dixital das persoas”, afirmou o conselleiro de Facenda e Administración Pública, e seguindo coa “dixitalización da Administración e dos servizos públicos”. Miguel Corgos puxo tamén en valor o feito de que Galicia sexa a primeira rexión europea en aprobar unha Lei que regula o uso da IA na Administración, promovendo a súa implantación en todos os ámbitos.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia