Consellería de Economía e Industria
A Xunta destaca as oportunidades comerciais para as empresas galegas en Emiratos Árabes, mercado que aumentou nun 7% a demanda de produtos galegos

- A directora do Igape, Covadonga Toca, puxo en valor a evolución das relacións comerciais de Galicia con este destino de Oriente Medio que xa conta con preto de 300 firmas exportadoras galegas
- No 2025 asinaron exportacións por un valor económico de 79,6 millóns de euros, cun crecemento acumulado do 40% en seis anos
- Salientou o papel da Antena do Igape en Emiratos Árabes Unidos como ferramenta para facilitar a entrada das compañías galegas na rexión, en sectores como a alimentación, o téxtil, a saúde, as TIC, a industria, a enxeñaría ou a defensa
- Covadonga Toca avanzou que a rede de Antenas, establecida xa en seis mercados internacionais, está a piques de ser ampliado con novas aperturas en Brasil e Arxentina
No acto de inauguración da `Xornada País Emiratos Árabes Unidos´, celebrada na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, a directora do Igape destacou as oportunidades que ofrece este mercado de Oriente Medio para avanzar na diversificación das empresas galegas en comercio exterior, nun país que se consolidou como un dos principais centros comerciais, loxísticos e financeiros da zona e como plataforma de acceso ao conxunto da rexión. Covadonga Toca puxo en valor a evolución das relacións comerciais de Galicia con este mercado. Así, en 2025 un total de 279 empresas galegas exportaron a Emiratos, das que 97 o fixeron de maneira regular. As vendas alcanzaron 79,6 millóns de euros de valor económico, un 6,6% máis que no exercicio anterior, e acumulan un crecemento próximo ao 40% nos últimos seis anos.
A directora do Igape detallou na súa intervención que o téxtil e a alimentación concentran máis do 42% das exportacións galegas a este destino, e sinalou que tamén existen posibilidades de crecemento noutros sectores como o metalmecánico, a automoción, a madeira ou a industria química.
Neste contexto, salientou o papel da Antena do Igape en Emiratos Árabes Unidos como ferramenta para facilitar a entrada das compañías galegas neste mercado. Desde a súa posta en marcha, vén prestando servizos de información, asesoramento e apoio comercial a empresas de sectores como a alimentación, o téxtil, a saúde, as TIC, a industria, a enxeñaría ou a defensa, ademais de acompañar compañías en feiras e promover contactos empresariais.
ANTENA DO IGAPE EN ORIENTE MEDIO
Tal e como afondou Covadonga Toca, a cobertura da Antena do Igape esténdese tamén a Arabia Saudita, Irán, Baréin, Kuwait, Omán e Qatar, configurando unha área de preto de 150 millóns de habitantes que recibiu exportacións galegas por valor de 224 millóns de euros en 2025.
Ademais, na inauguración da xornada incidiu no compromiso da Xunta por acompañar ás empresas durante todo o seu proceso de internacionalización, desde a selección dos mercados ata a súa entrada e posterior consolidación, combinando asesoramento, formación e axudas ás accións comerciais. Neste marco, destacou a rede de Antenas, actualmente presente en Estados Unidos, México, Marrocos, China, Xapón e Emiratos Árabes Unidos, que permite cubrir un mercado potencial superior aos 2.000 millóns de consumidores. A esta rede incorporaranse proximamente Brasil e Arxentina.
A directora do Igape lembrou tamén a boa evolución do comercio exterior galego, con máis de 30.000 millóns de euros en exportacións en 2025 por terceiro ano consecutivo e cun novo incremento do 0,9% entre xaneiro e xullo deste ano, a pesar do contexto internacional.

























