Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Rueda enxalza no novo edificio dos equipos comerciais de Zara o liderado internacional do téxtil galego e reafirma o apoio da Xunta a esta industria

  • O presidente galego referiuse a Inditex como “un referente que leva a moda galega por todo o mundo” e lembrou que Galicia xera a terceira parte das exportacións nacionais do sector

  • O novo edificio situado no complexo de Inditex en Arteixo alberga os equipos de deseño, patronaxe e perfís comerciais da marca, nun centro de 170.000 metros cadrados conectado coa sustentabilidade e a eficiencia

No transcurso dunha visita ao novo edificio dos equipos comerciais de Zara no complexo de Inditex en Arteixo, o presidente da Xunta de Galicia salientou o importante papel do sector téxtil na internacionalización da economía galega. Ademais, subliñou o compromiso da Xunta con esta industria e coa creación de emprego e a atracción de investimentos cara á Comunidade.

O titular do executivo autonómico, que neste percorrido polas instalacións de Zara estivo acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, foi recibido polo conselleiro delegado de Inditex, Óscar García Maceiras. Durante a visita puido coñecer o novo edificio no que traballan os equipos de deseño, de patronaxe e outros perfís comerciais de Zara. Trátase dunhas instalacións de máis de 170.000 metros cadrados nas que a compañía aposta pola sustentabilidade e a eficiencia.

Alfonso Rueda lembrou que Inditex é un referente a nivel internacional que leva a moda galega por todo o mundo. Neste sentido, cómpre lembrar que Galicia é a Comunidade líder de España en vendas ao exterior deste sector. Así, no 2025 exportouse desde Galicia preto do 32% do total nacional de exportacións da industria téxtil.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia