Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Lorenzana define ao sector TIC como esencial para o crecemento e a competitividade da empresa en Galicia e para a modernización dos servizos públicos

  • Na presentación do Plan director 2026-2028 fixou como obxectivos “facer crecer e conseguir empresas de maiores dimensións para que a industria TIC mellore a empresa non tecnolóxica en Galicia”
  • A conselleira de Economía e Industria tamén citou como retos incentivar proxectos de colaboración de I+D+i en tecnoloxías cuánticas e en intelixencia artificial, e elaborar unha estratexia do dato no sector público autonómico
  • A nova planificación sectorial da Xunta destina 62 millóns de euros en axudas ata o ano 2028 e contén 77 medidas de impulso
  • O ecosistema TIC galego creceu un 21% desde 2020 e as 3.100 empresas con actividade en Galicia xeran preto de 23.500 empregos

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, cualificou de esencial o papel que desenvolve a industria das TIC para o crecemento e a competitividade da empresa en Galicia e para a modernización dos servizos que prestan as Administracións públicas. Acompañada polo secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, a titular de Economía e Industria participou na presentación do Plan director da industria das TIC 2026-2028, que destina 62 millóns de euros en axudas ata 2028 e recolle 77 medidas de impulso ao sector.

Lorenzana resaltou a tendencia ascendente que vén marcando o ecosistema TIC galego en todos os seus indicadores nos últimos anos, cun crecemento do 21 por cento desde 2020. Actualmente hai 23.467 persoas afiliadas traballando nas máis de 3.100 empresas que se dedican a este sector en Galicia, cifra de emprego que representa 4.000 ocupados máis (un 20 por cento máis) que hai seis anos.

Tal e como manifestou a conselleira, o obxectivo é facer crecer e conseguir empresas de maiores dimensións para que a industria TIC mellore a empresa non tecnolóxica en Galicia. Outros retos son incentivar proxectos de colaboración de I+D+i en tecnoloxías cuánticas e intelixencia artificial, e elaborar unha estratexia do dato no sector público autonómico para seguir optimizando a xestión dos recursos e mellorando a atención e os servizos ao cidadán.

GUÍAS PARA A COLABORACIÓN PÚBLICO-PRIVADA

“Non pretendemos facer estratexias a longos anos nin documentos especialmente complexos que caian nun caixón -dixo-, o que pretendemos é facer guías para a colaboración público-privada e o acompañamento que a Administración vai ter de cada sector, a dous ou tres anos”, abondou. Nesta liña, quixo agradecer a colaboración do Clúster TIC na elaboración deste plan director, o que considerou clave para que estes documentos sexan verdadeiramente instrumentos efectivos.

María Jesús Lorenzana concluíu asegurando que as redes TIC, que sosteñen a conectividade dixital, son actualmente unha infraestrutura crítica e que investir en tecnoloxías da información e da comunicación debe ser considerado como investir en soberanía industrial.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia