Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Os dous programas de axudas dirixidos a impulsar a reindustrialización e o emprego nas zonas afectadas polo peche das centrais térmicas de As Pontes e Meirama superan os 100 millóns de euros

  • A directora do Igape, Covadonga Toca, detallou nunha xornada informativa na comarca do Eume todas as liñas do “paquete histórico” de apoios da Xunta que xa están activas, e que suman máis de 280 millóns de euros
  • Salientou que as axudas do Igape forman parte dunha estratexia pensada para ofrecer certeza e planificación ás empresas nun contexto económico esixente, reforzando a competitividade, a innovación, a internacionalización e o acceso a financiamento
  • Toca Carús remarcou a nova convocatoria do Fondo de Transición Xusta, dotada con máis de 100 millóns, para atraer grandes proxectos industriais na contorna das térmicas pechadas e para achegar préstamos parcialmente reembolsables ás pemes da provincia

Durante a inauguración da xornada informativa `Axudas e instrumentos de apoio para as empresas´, que tivo lugar nas instalacións da Asociación de Empresarios SEARA, no Polígono Industrial de Penapurreira, en As Pontes, a directora do Instituto Galego de Promoción Económica, Covadonga Toca, presentou ás empresas da comarca o conxunto de apoios que a Xunta de Galicia ten en marcha para este ano. Este acto contou ademais coa participación do alcalde de As Pontes e presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso.

Na súa intervención, Covadonga Toca explicou que o Igape xa ten activadas a maior parte das súas liñas de apoio para 2026, cun “paquete histórico” de máis de 280 millóns de euros, orientado a reforzar a competitividade do tecido empresarial galego a través da innovación, a internacionalización e o acceso a financiamento. Subliñou que se trata dunha estratexia pensada para ofrecer certeza e planificación ás empresas nun contexto económico esixente, marcado pola transformación dixital, a transición tecnolóxica e a competencia global.

No eido da innovación, a directora do Igape destacou a posta en marcha de novos instrumentos específicos para impulsar a transformación tecnolóxica da industria, así como a continuidade de programas consolidados de apoio á aplicación da intelixencia artificial, á mellora de procesos e á incorporación da innovación nas pemes. En paralelo, lembrou que a internacionalización segue a ser un piar clave da acción do organismo, con liñas que apoian a saída ao exterior, a promoción internacional e a participación en feiras e misións comerciais.

Toca Carús puxo tamén o foco no papel do financiamento público como ferramenta para acompañar o crecemento empresarial, a través de préstamos, liñas de crédito e instrumentos financeiros adaptados ás distintas fases do ciclo de vida das empresas, desde a creación ata a expansión.

REINDUSTRIALIZACIÓN COMARCAL

No marco da xornada, salientou de maneira específica as dúas novas liñas de axuda vinculadas ao Fondo de Transición Xusta, recentemente publicadas e que se suman a este amplo paquete de apoios. Neste sentido, indicou, destínanse máis de 100 millóns de euros a dous programas dirixidos a impulsar a reindustrialización e o emprego nas zonas afectadas polo peche das centrais térmicas de As Pontes e Meirama.

Así, por unha banda, destacou a apertura da liña de 80 millóns de euros destinada a apoiar grandes proxectos industriais de descarbonización e renovación produtiva, con capacidade tractora para transformar o tecido económico, modernizar procesos e xerar actividade sostible a medio e longo prazo. E por outra parte informou da nova convocatoria de préstamos parcialmente reembolsables para pemes, dotada con 22 millóns de euros, e dirixida ás empresas da provincia da Coruña.

Ambas convocatorias, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa do Fondo de Transición Xusta 2021-2027, contan cun prazo de solicitude de tres meses, co obxectivo de facilitar o acceso das empresas aos apoios e ao financiamento previsto.

A directora do Igape concluíu sinalando que estas xornadas informativas permiten achegar as políticas públicas ás empresas, resolver dúbidas e orientar os proxectos empresariais cara aos instrumentos máis axeitados, “especialmente en comarcas como As Pontes, chamadas a xogar un papel protagonista na nova etapa industrial de Galicia”.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia