Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Rueda afirma que a chegada de SAIC a Galicia “abrirá novas oportunidades de negocio” e consolidará á Comunidade como “territorio atractivo para investir”

  • Asegura que a instalación do grupo chinés “marcha a bo ritmo” e avanza que a próxima semana chegará a Ferrol un buque con vehículos da multinacional asiática para unha primeira proba loxística
  • “Aínda que queda camiño por diante, Galicia está preparada para acoller esta empresa que suporá un antes e un despois para as comarcas nas que se situarán as súas sedes e para Galicia no seu conxunto”, remarca o presidente da Xunta

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, afirma que a chegada da multinacional chinesa SAIC a Galicia abrirá novas oportunidades de negocio e consolidará á Comunidade autónoma como un territorio atractivo para investir. Tal e como resaltou nun vídeo difundido a través das redes sociais, o xigante da automoción elixiu Galicia como sede na Unión Europea “pola súa solvencia técnica e industrial, estabilidade institucional e garantías. A Galicia Calidade”.

Rueda lembrou ademais que a multinacional chinesa xerará riqueza e emprego. En concreto, nunha primeira fase suporá uns 200 millóns de investimento e a creación de 2.300 empregos, entre as sedes de Ferrol e As Pontes. Como proba de que o proceso “marcha a bo ritmo”, a próxima semana chegará a Ferrol un buque con vehículos da empresa, que servirá a modo de proba loxística para, logo, seguir avanzando en toda a tramitación.

Neste sentido, apuntou que “aínda que queda camiño por diante”, Galicia está preparada para acoller esta empresa, que suporá “un antes e un despois” para as comarcas nas que se situarán as súas sedes -onde o obxectivo é constituír un hub industrial e loxístico-, así como para Galicia no seu conxunto.

VIAXE E MÚLTIPLES ENCONTROS DE TRABALLO CON SAIC

Durante o pasado mes de abril o presidente da Xunta realizou unha viaxe institucional a China cunha axenda de traballo centrada en posicionar á Comunidade como un destino atractivo para o investimento industrial. O primeiro día, o mandatario galego visitou o centro de I+D de SAIC Motors e mantivo un encontro co presidente da compañía, Xiaoqiu Wang, e outros membros da directiva. Na xornada seguinte visitou o salón do automóbil Beijing Auto Show e mantivo unha reunión con representantes de Goldwind, un dos principais proveedores mundiais de turbinas para a enerxía eólica. Finalmente, no terceiro día no país pechou axenda visitando a fabrica de baterías de SAIC Motors en Zhengzhou. A esta viaxe súmanse os múltiples encontros de traballo que o Goberno galego mantivo ao longo dos últimos meses coa multinacional chinesa.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia