Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A Xunta asegura que Galicia ostenta unha posición de fortaleza na nova economía, xa que a estabilidade xerada favorece a atracción de investimentos

  • A directora do Igape, Covadonga Toca, e a directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, foron protagonistas en `O Encontro da Toxa 2026´
  • Covadonga Toca avanzou que o Goberno galego traballa na Estratexia de Innovación Empresarial de Galicia 2026-2028 co reto de estender a innovación a un maior número de empresas
  • Margarita Ardao resaltou que máis de 50 compañías optan á certificación para acreditarse como subministradoras no sector da defensa

No transcurso da súa participación na mesa `Galicia na nova economía: industria, innovación e atracción de investimentos´, celebrada no marco de ‘O Encontro da Toxa 2026’, a directora do Igape, Covadonga Toca, destacou que Galicia afronta a nova economía "desde unha posición de fortaleza", ao apoiarse nunha base industrial sólida, nun ecosistema empresarial cada vez máis innovador e internacionalizado e nunha contorna estable que favorece a atracción de investimentos.

A continuación subliñou que o actual contexto internacional, marcado pola reindustrialización de Europa, a transformación tecnolóxica e a transición enerxética, representa tamén unha oportunidade para Galicia. Neste sentido, puxo en valor a evolución da economía galega, cunha industria máis competitiva, unhas exportacións en máximos históricos e un ecosistema innovador en continuo crecemento, factores que reforzan o atractivo da Comunidade para captar novos proxectos empresariais.

A directora do Igape remarcou tamén que a confianza das empresas depende cada vez máis da estabilidade institucional, da seguridade xurídica e dun acompañamento eficaz por parte da Administración. Neste ámbito, salientou o papel da Oficina Económica de Galicia como ferramenta para facilitar a implantación e o desenvolvemento de investimentos estratéxicos.

Durante o coloquio, Toca Carús avanzou que o Goberno galego traballa na Estratexia de Innovación Empresarial de Galicia 2026-2028 para estender a innovación a un maior número de empresas, ao tempo que seguirá impulsando a apertura a novos mercados, facilitando instrumentos financeiros adaptados ás distintas necesidades empresariais e ofrecendo unha Administración próxima, áxil e coordinada durante todas as fases dos proxectos empresariais. Así, sinalou as oportunidades que se abren para Galicia en ámbitos como a industria da defensa, a descarbonización, a fabricación avanzada ou a intelixencia artificial, e lembrou os instrumentos impulsados pola Xunta para favorecer o crecemento empresarial e facilitar os procesos de relevo xeracional e concentración empresarial.

OPORTUNIDADES NO ÁMBITO DA DEFENSA

Na xornada tamén interveu a directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, na mesa redonda sobre `Oportunidades no ámbito da defensa´, onde lembrou que esta mesma semana se presentaron no Consello da Xunta os acordos de asociación, unha das principais medidas da Iniciativa Estratéxica de Seguridade, Defensa e Aerospazo (Iesda).

Cun investimento por parte da Administración autonómica de 40 millóns de euros, e mediante a Compra Pública Precomercial, o que se busca é atraer grandes proxectos industriais para desenvolver e fabricar en Galicia novas solucións tecnolóxicas e incorporar, así, máis empresas a estes sectores.

Margarita Ardao lembrou, tamén, que esta estratexia recolle outras medidas de apoio como as axudas para tecnoloxías duais (de uso civil e militar), con 6 millóns de euros de orzamento; e para a certificación de empresas que queiran acreditarse como subministradoras para o sector da defensa (1,5 millóns de euros), convocatoria que recibiu máis de medio cento de solicitudes de compañías do naval, metalmecánico, aeroespacial, industria das TIC, transporte, automoción ou construción.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia