Consellería de Economía e Industria
A Xunta incide na necesidade de impulsar a descarbonización dos principais sectores da industria galega, como o conserveiro, naval e automoción

- O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, defende que a electrificación da economía exixe unha decidida aposta polas renovables e polo modelo de autoconsumo para reducir as emisións e o custo da factura eléctrica
- Nunha xornada sobre descarbonización industrial, plantexou que “o almacenamento é o que vai permitir facer fronte á falta de investimento na rede de transporte e distribución”, déficit que identifica como un dos maiores problemas actuais
- Segundo os últimos datos oficiais do Balance Enerxético de Galicia 2024, a produción renovable representa máis do 85% do mix rexional
Na Xornada de Descarbonización industrial e tecnoloxías de captura, transporte, almacenamento e uso do CO², organizada na Coruña pola Fundación Ingeniería Civil de Galicia, o director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, reafirmou que un dos grandes obxectivos da Axenda Enerxética de Galicia de cara ao 2030 é impulsar a descarbonización dos principais sectores da industria galega. No encontro salientou que a electrificación da economía exixe unha decidida aposta polas enerxías renovables e polo modelo do autoconsumo para reducir tanto as emisións como o custo da factura eléctrica.
“No escenario enerxético actual, marcado pola necesidade de descarbonización e a flutuación de custos, a competitividade da nosa industria non depende só do que producimos, senón de como o producimos. A eficiencia enerxética é determinante para garantir a produtividade e a competitividade das nosas empresas”, abondou Fernández Vila.
Na súa intervención fixo fincapé en que é preciso reducir a dependencia enerxética do exterior e iso fai tamén necesario ampliar as infraestruturas e tecnoloxías de almacenamento. “O reto para os próximos anos non é unicamente xerar enerxía limpa, senón aprender a xestionala”, matizou, para apuntar que o almacenamento é o que vai permitir facer fronte á falta de investimento na rede de transporte e distribución, “un dos maiores problemas que temos”, asegurou.
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas destacou que Galicia ten un potencial renovable “extraordinario”. “Somos unha Comunidade referente en produción renovable, que representa máis do 80 por cento do mix rexional (en concreto, segundo os últimos datos oficiais do Balance Enerxético de Galicia 2024, esa porcentaxe é do 85,2 por cento)”, apuntou. O reto, engadiu, é “trasladar esa enerxía verde ao corazón das nosas fábricas. A industria galega, desde o sector conserveiro ata a automoción e o naval, debe dar un paso á fronte cara á automatización intelixente, a xestión avanzada da demanda e a substitución de combustibles fósiles por alternativas renovables”, concluíu.

























