Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A Xunta licitará 40 millóns de euros para atraer grandes proxectos industriais de seguridade, defensa e aeroespazo que impliquen a fabricación en Galicia

  • Alfonso Rueda precisa que esta medida “pioneira en España” levarase a cabo mediante a fórmula de Compra Pública Precomercial
  • A conselleira de Economía e Industria resalta que a fabricación en Galicia será un criterio clave no proceso de selección, co reto de consolidar cadeas de valor e xerar emprego cualificado e de calidade
  • Os proxectos seleccionados deberán ser de tecnoloxías duais -para ámbito civil e defensa- e desenvolver solucións innovadoras que den resposta aos retos identificados pola Xunta en diferentes ámbitos de actuación
  • Esta licitación é a primeira das tres grandes actuacións previstas no Programa Ecosistema da Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo (Iesda), que mobilizará 621 millóns de euros de investimento público e privado

O Consello da Xunta aprobou destinar 40 millóns de euros co obxectivo de atraer a Galicia grandes proxectos industriais de seguridade, defensa e aeroespazo. Unha medida na que a Comunidade “será pioneira en España”, en palabras do presidente Alfonso Rueda, e que será realizada a través da fórmula da Compra Pública Precomercial. Está enmarcada na Iniciativa Estratéxica de Seguridade, Defensa e Aeroespazo 2025-2030 (Iesda) aprobada polo Goberno galego o ano pasado.

A través desta actuación, a Xunta busca impulsar novas capacidades industriais e atraer grandes proxectos de innovación e desenvolvemento tecnolóxico que leven asociada a fabricación en Galicia, para xerar valor engadido, investimento produtivo e emprego cualificado. “Queremos aproveitar a oportunidade dun sector estratéxico como o da defensa e a seguridade”, indicou Rueda.

Na comparecencia posterior á celebración do Consello, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, explicou que os proxectos seleccionados deberán desenvolver solucións innovadoras para responder a retos identificados pola Xunta en ámbitos tan diferentes como a seguridade e a defensa; as emerxencias, a protección civil e a busca e rescate; a xestión e vixilancia do litoral e do medio mariño; a ordenación do territorio, o medio ambiente e os recursos naturais; o medio rural e os seus sectores produtivos; a protección das infraestruturas críticas; a ciberseguridade e as comunicacións seguras; a mobilidade; e a loxística pública ou a atención social e sanitaria en contornas dispersas. “Teñen que ser proxectos de tecnoloxías duais, é dicir, tanto para o ámbito civil como para o de defensa”, indicou a conselleira.

A convocatoria avalouse por un pioneiro diálogo estratéxico coa industria, no que participaron 78 empresas que amosaron o seu interese por formar parte desta actuación e desenvolver proxectos en Galicia. O procedemento está dirixido a empresas comunitarias e non comunitarias, así como a agrupacións de operadores económicos cun volume de negocio anual medio igual ou superior aos 5 millóns de euros nos ámbitos da defensa, a seguridade ou o aeroespazo durante os tres últimos exercicios e que acrediten experiencia no desenvolvemento de proxectos de I+D+i ou comerciais de alta tecnoloxía nestes sectores.

FABRICACIÓN EN GALICIA

Entre os criterios de avaliación a Xunta terá en conta a estratexia industrial, o programa de I+D+i proposto, os medios e recursos comprometidos e o impacto económico e social previsto para Galicia porque, ademais, tal e como resaltou a conselleira, a fabricación en Galicia incorpórase nesta ocasión como un criterio relevante para a selección dos novos socios estratéxicos e tecnolóxicos co obxectivo de reforzar a cadea de valor galega e maximizar o retorno industrial.

A selección realizarase mediante un diálogo competitivo estruturado en tres fases, un procedemento que permitirá contrastar e perfeccionar as propostas antes da presentación das ofertas finais vinculantes. O prazo para as solicitudes de participación permanecerá aberto ata o vindeiro 30 de setembro.

Esta licitación constitúe a primeira das tres grandes actuacións previstas no Programa Ecosistema da Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo (Iesda), que, implicará un investimento 621 millóns de euros de investimento público e privado -o do Goberno galego ascenderá a 84 millóns de euros-, e que aspira a mobilizar 900 millóns de euros e a crear máis de 500 empregos directos de alta cualificación ata o ano 2030.

O Programa Ecosistema tamén prevé o desenvolvemento de grandes proxectos de soberanía tecnolóxica e a creación de consorcios galegos para participar en proxectos e programas estratéxicos nacionais e europeos.

En realidade, Galicia xa é pioneira no impulso dos acordos de asociación con socios estratéxicos e tecnolóxicos. Trátase dun instrumento consolidado da política industrial da Xunta. Así, en apenas dez anos -desde 2015- desenvolvéronse dúas licitacións de compra pública precomercial nas que participaron algunhas das principais compañías mundiais do sector aeroespacial, culminando coa sinatura de seis acordos de asociación con empresas como Airbus, Boeing, Indra, Aertec, Tecnobit, Telespazio e Avincis.

A Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo naceu coa ambición de aproveitar as oportunidades que o novo contexto internacional ofrece e de reforzar o posicionamento de Galicia nestes sectores de alto valor engadido. No marco da Iesda, a Xunta xa puxo en marcha distintos instrumentos de apoio ao tecido empresarial como as Axudas Industria Dual 2026, dotadas con 6 millóns de euros, e dirixidas ao desenvolvemento de proxectos de investimento produtivo de bens e servizos tecnolóxicos de uso dual (civil e militar) destinados aos ámbitos da seguridade, a defensa e o aeroespazo.

Tamén se convocaron as axudas ao posicionamento de empresas galegas como subministradoras en materia de seguridade e defensa, cun orzamento de 1,5 millóns de euros, para o período 2026-2027. Estas axudas buscan facilitar a obtención de certificacións específicas para poder ofrecer servizos e produtos nos ámbitos da defensa e a seguridade. Dita convocatoria, pendente de resolución, recibiu un total de 52 propostas de empresas de sectores estratéxicos como o naval, metalmecánico, aeroespacial, industria das TIC, transporte, automoción ou construción. Ademais, a Xunta promove, en colaboración coa Escuela de Organización Industrial (EOI), o programa executivo en industria de defensa en Galicia.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia