Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

As liñas da Xunta para potenciar a innovación, a dixitalización e a internacionalización captan o interese do Serviço Brasileiro de Apoio ás Micro e Pequenas Empresas (Sebrae)

 

  • A directora do Igape encabezou unha reunión de traballo coa delegación brasileira para afondar no investimento e nos mecanismos de apoio a pemes e autónomos

  • Covadonga Toca agradeceu a mostra de interese de Sebrae no modelo galego e puxo en valor a importancia da cooperación público-privada para o desenvolvemento de proxectos

  • Na xuntanza acordouse seguir estudiando vías de colaboración e estreitando as relacións bilaterais para fomentar a expansión internacional das empresas de ambos territorios

  • O encontro contribúe a reforzar a xa destacada relación comercial entre Galicia e Brasil, materializada nos dous últimos anos en exportacións galegas por valor de preto de 170 millóns de euros

A directora do Igape, Covadonga Toca, participou nun encontro de traballo con representantes do Sebrae -Serviço Brasileiro de Apoio às Micro e Pequenas Empresas- na procura de explorar vías de negocio e oportunidades de colaboración co país suramericano. A reunión permitiu afondar tanto nas posibilidades de investimento como nos mecanismos de apoio a pemes e autónomos que cada ano promove o Igape, amosando a delegación brasileira un especial interese na aposta pola innovación, a dixitalización e a internacionalización de Galicia.

Covadonga Toca agradeceu a Sebrae este mostra de interese e puxo en valor a importancia da cooperación público-privada para o desenvolvemento de proxectos, tal e como está a facer Galicia nos mencionados ámbitos.

Así, a directora detallou que o Igape conta con diferentes programas para pemes e autónomos entre os que destacou, no ámbito da internacionalización, as liñas Galicia Exporta, tanto para empresas como para organismos intermedios, para promover a diversificación de mercados e a internacionalización de pemes e autónomos galegos; ou a liña de xestores de internacionalización, para facilitar a contratación de profesionais con formación ou experiencia en comercio exterior.

Ademais salientou o papel das antenas do Igape en México, EEUU (Miami), Marrocos, China e Emiratos Árabes, cuxo obxectivo, explicou, é “potenciar as relacións comerciais e incrementar as exportacións das empresas galegas a estes mercados, de cara a identificar oportunidades de negocio, atender a demanda de información e ofrecer servizos de apoio á internacionalización”.

Así mesmo, a directora do Igape lembrou outras liñas de actuación, como a nova edición do programa ReAcciona, que permitirá apoiar a posta en marcha de proxectos centrados na mellora da competitividade das pemes galegas, facilitándolles o acceso a servizos de alto valor engadido co apoio de expertos, ou no eido do emprendemento innovador, a primeira liña específica de apoio ás startups galegas e a rede de business factories, nos ámbitos da automoción, a alimentación ou o aeroespacial.

PRÓXIMOS ACORDOS DE COOPERACIÓN

O encontro permitiu afondar neste tipo de ferramentas e reforzar a xa importante relación comercial entre ambas rexións, que se materializa, nos dous últimos anos, en preto de 170 millóns exportados ao Brasil por parte das empresas galegas, facendo deste un dos principais mercados de América no que ás vendas ao exterior da comunidade se refire.

Ao remate da xuntanza, acordouse continuar analizando os temas intercambiados de cara a poder establecer no curto prazo algún acordo de cooperación en asuntos de interese recíproco, que permita estreitar as relacións bilaterais e incrementar as oportunidades das empresas dos dous territorios na súa expansión internacional.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia