Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

O POLO AEROESPACIAL DE GALICIA INCORPORA A COMPRA PRIVADA DE INNOVACIÓN, NA QUE PEMES E CENTROS TECNOLÓXICOS GALEGOS DARÁN RESPOSTA AOS RETOS E NECESIDADES DAS EMPRESAS TRACTORAS DO SECTOR

— Francisco Conde, vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, participou en Madrid na presentación dos programas de I+D dos novos socios estratéxicos Airbus, Avincis e Telespazio

— Avanzou que a Xunta impulsará dúas convocatorias (en 2023 e 2024) de Compra Privada de Innovación, dotadas con 11,7 millóns de euros

— Conde puxo en valor a colaboración público-privada e enxalzou que a Administración galega pon a disposición do sector “o maior marco de incentivos a través da compra pública de innovación, da compra pública precomercial e agora da compra privada de innovación”

— Desde o ano 2015 xa se mobilizaron preto de 500 millóns de euros de investimento público-privado, 330 millóns nesta segunda fase

— O Polo Aeroespacial de Galicia está a traballar con Airbus, Avincis e Telespazio en estender o uso de vehículos aéreos non tripulados a novos servizos como a prevención de incendios, a vixilancia pesqueira e a atención sanitaria

— Ademais, no ámbito dotacional Avincis e Telespazio desenvolverán infraestruturas avanzadas na observación e vixilancia da biodiversidade, e Airbus instalará en Galicia novos equipamentos, entre eles dous hangares e un centro de excelencia en I+D+i

— Na actualidade, 70 pemes e centros de coñecemento están creando tecnoloxía propia no segmento aeroespacial en Galicia.

— O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación considera fundamental contar co apoio do Goberno a través dos fondos europeos “para que as empresas poidan desenvolver máis programas” que xeren impacto na transformación do tecido industrial

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, avanzou un novo paso para o Polo Aeroespacial de Galicia. A Xunta impulsará dúas convocatorias -2023 e 2024- de Compra Privada de Innovación, na que as pemes e centros tecnolóxicos galegos formarán consorcios para dar resposta aos retos e necesidades tecnolóxicos das empresas tractoras do sector.

Dotadas con 11,7 M€ -existirá cofinanciamento por parte do sector privado- permitirán “estender o ámbito de actuación do Polo colaborando no desenvolvemento tecnolóxico do sector”. Esta nova figura seguirá permitindo que o Polo Aeroespacial continúe xerando pegada industrial. Así, xunto co talento, coñecemento e capacidades que existen na Comunidade neste eido, trabállase no deseño de solucións que se poidan fabricar, ofrecer e comercializar desde Galicia.

Conde participou nun encontro en Madrid no que se presentaron os programas de I+D dos novos socios estratéxicos do Polo Aeroespacial de Galicia: Airbus, Avincis e Telespazio. Con estas empresas estase traballando para poder levar o uso de vehículos áereos non tripulados a novos servizos como a prevención de incendios, a vixilancia pesqueira ou a atención sanitaria.

O vicepresidente económico puxo en valor a colaboración público-privada, xa que é un dos puntos fortes no impulso do Polo Aeroespacial de Galicia. Tamén se referiu ao compromiso da Administración galega con este sector poñendo á súa disposición o maior marco de incentivos a través da compra pública de innovación, a compra pública precomercial e agora a compra privada de innovación.

O obxectivo dos instrumentos postos en marcha é o desenvolvemento de tecnoloxías no eido aeroespacial que permitan resolver retos tanto do sector como da Administración pública á hora de prestar os seus servizos á cidadanía. Así, desde a posta en marcha en 2015 desta estratexia, xa se mobilizaron preto de 500 M€ de investimento público-privado (330 nesta segunda fase). Neste sentido, Conde considerou fundamental contar co apoio do Goberno a través dos fondos europeos para que as empresas “poidan desenvolver máis programas co reto de que estes fondos teñan un impacto na transformación do tecido industrial”.

ECOSISTEMA CON 70 PEMES E CENTROS

Na súa intervención, Francisco Conde puxo en valor a importancia que este Polo está tendo na xeración dun verdadeiro ecosistema empresarial no que as compañías tractoras están tendo, tamén, un papel fundamental. Así, 70 pemes e centros de coñecemento están creando tecnoloxía propia no segmento aeroespacial actualmente en Galicia.

A Comunidade estase a situar como referente neste ámbito e avanza tamén nas infraestruturas. O Centro de Investigación Aeroportada (CIAR) do Polo é un centro de ensaios que acolle un parque industrial con dous hangares, pero conta tamén coa torre de control dotada da última tecnoloxía, e tamén co equipamento máis avanzado de Europa para simulación de voos en colaboración co CDTI. A Xunta vén de adxudicar, ademais, o sistema de telecomunicacións 5G e de ciberseguridade a Telefónica e GMV.

Estas tecnoloxías seguiranse complementando cos proxectos de Avincis e Telespazio para desenvolver infraestruturas avanzadas na observación e vixilancia da biodiversidade; e de Airbus, coa instalación de novos equipamentos en Galicia como dous hangares e un centro de excelencia en I+D+i. Galicia conta tamén coa colaboración de máis empresas de referencia no eido aeroespacial como é o caso de Indra e Boeing.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia