América
ANA REVERTER PERDIZ - CHILE
Bióloga e científica ambiental
“En Torres del Paine teño a sorte de ver pumas con frecuencia; en ocasións son eles os que deciden achegarse a nós por mera curiosidade, especialmente os cachorros”
A bióloga e investigadora ourensá Ana Reverter Perdiz converteu a súa especialización e o postgrao que está a cursar na Swedish University of Agricultural Sciences no que sempre soñou desde que descubriu Torres del Paine nun documental de National Geographic.
Acaba de iniciar o seu segundo período de formación na Patagonia chilena, como alumna dun máster en conservación e manexo de fauna para o que elixiu como protagonista ao puma patagónico, o león americano. Con raíces familiares na Baixa Limia, a súa paixón polos ananimais e pola natureza é todo un xeito de vida, desde a súa infancia ao pé do Parque Natural Peneda-Gerês ata as estadías actuais para completar a formación universitaria en plena xanela aberta ás impoñentes torres montañosas do hábitat de pumas, ñandúes, armadillos, tucúqueres, zorros culpeos, cóndores…
Reside na estancia ou rancho de maior dimensión da rexión, en Cerro Guido, con 100.000 hectáreas de superficie, onde co seu dominio da equitación acompaña a cotío aos gauchos nos `arreos´ para mover ás ovellas e vacas na procura do mellor alimento nesta zona austral moi castigada pola sequía. Nesta entrevista concedida a GaliciaExterior, Ana Reverter lembra que pese ao motor que representa o turismo en Torres del Paine, co puma da Patagonia como gran reclamo, as actividades turísticas “tamén conlevan aspectos negativos como a potencial masificación e deterioro dos espazos naturais e interaccións coa fauna que poden acabar sendo negativas para os animais”.
O puma patagónico está catalogado en Chile como especie vulnerable e con frecuencia é vítima da caza ilegal polos ataques ao gando. No futuro, á nosa protagonista gustaríalle aplicar o seu coñecemento en Galicia: “Concretamente traballando co relativo ós conflitos produto da interacción entre o lobo e as actividades humanas como a gandería, protexendo ambos”, puntualiza.
Texto: Javier de Francisco ©
-En qué consiste a túa experiencia actual en Torres del Paine, en plena rexión austral de Chile?
Actualmente atópome na zona de Torres del Paine, levando a cabo a toma de datos en terreo do meu traballo de fin de máster. Estudio un máster na Swedish University of Agricultural Sciences chamado ‘Conservación e Manexo de Fauna’. O meu traballo de fin de máster consistirá en describir a dieta do puma na zona, estudar á comunidade de carroñeiros que se alimentan das presas que caza o puma e, por último, o comportamento dos cans protectores do gando en campo aberto con ovellas.
-Vives nalgunha das zonas de aloxamento do propio Parque Natural ou nunha poboación cercana?
Vivo na Estancia Cerro Guido, a uns escasos 20 kilómetros do Parque Nacional. Cerro Guido é a estancia ou “rancho” más grande da rexión, con 100.000 hectáreas. Nesta Estancia podes atopar todo tipo de hábitats, ademais de ter sempre de fondo ó famoso Macizo Paine cas Torres del Paine e Serra Baguales.
-Pola túa paixón pola Bioloxía e a natureza, sintes que nesta etapa da túa vida habitas no lugar perfecto? Cómo describirías o Parque e a súa contorna, cos glaciares, os lagos, as torres montañosas...?
Sí, totalmente, é o lugar pefecto. Aquí literalmente a fauna chama a túa porta. No día a día, cando recorremos a Estancia tomando datos, atopámonos todo de tipo de animais, como guanacos, ñandúes, raposos, armadillos e cóndores, moitas veces a escasos metros. Esta cercanía ca fauna salvaxe, permíteche observala en detalle no seu estado natural e estudala de forma única. O Parque Nacional e os seus arredores constitúen unha paisaxe realmente única. As bastas estepas, chás e infinitas, teñen o telón de fondo de escarpados cerros e o Macizo Paine. Cando chegas á zona do macizo, deixas atrás a cor amarela da estepa para dar paso ó azul dos glaciares que se diseminan polas montañas, ríos e lagos onde habitan salmóns e troitas e verdes bosques de lengas e outras especies. É un espectáculo de cores. Fóra do parque, na pampa contrastan as numerosas estancias gandeiras, que constitúen un importante legado cultural na rexión.
Foto: Gino Pereira
-Un documental de National Geographic sobre a adaptación do puma a esta rexión austral de Chile inspirou a túa formación e a túa especialización. Tan determinante foi para dar ese gran xiro á túa vida?
Eu tiña asociado o puma como especie a zonas máis tropicais, como Centro América e o norte de Sudamérica. Ver imaxes dun felino destas características nunha paisaxe tan especial como a das Torres del Paine, enseguida captou a miña atención e interés. Tiña claro que quería facer os meus traballos de fin de grao fóra de Europa, para poder traballar con outras especies noutros ecosistemas e tamén para coñecer a visión que teñen outras culturas do mundo natural. Por todo iso, non dudei en viaxar á Patagonia tras conseguir unha beca da Universitat de Girona para proxectos de Cooperación para Desenvolvemento no Sur Global.
Foto: Gino Pereira
-Tes logrado realizar boas observacións e achegamentos ao puma patagónico? É unha especie moi ameazada?
Torres del Paine está considerada como a zona con maior densidade de pumas do mundo. Isto unido á prohibición de caza do puma desde 1980 en Chile, permite que os avistamentos desta especie na zona sexan relativamente frecuentes. Teño a sorte de ver pumas con frecuencia na Estancia, e aínda que intentamos facer avistamentos de forma respectuosa, cunha distancia mínima de 50 metros, en ocasións son os propios pumas os que deciden achegarse a nós por mera curiosidade, especialmente os cachorros. Recordo unha vez que estabamos observando a unha puma con tres cachorros de uns 5 meses e istos achegáronse a escasos 10 metros de nós xogando. Gustaríame recalcar que isto non é o ideal en ningún avistamento de fauna salvaxe. É importante manter unha distancia prudente entre os animais salvaxes e nós, pola seguridade de ambos. Ademais, o puma é un animal conflitivo na zona polos seus ataques ó gando. Nalgunhas estancias cázase ilegalmente, por iso é importante que non se acostumen á nosa presencia. En canto á segunda pregunta, o puma é o animal terrestre máis extendido do continente americano, dende o norte de Yukón en Canadá ata o sur da Patagonia. Por isto, a nivel mundial está clasificado pola IUCN (Unión Internacional para a Conservación da Natureza) como ‘Preocupación Menor’, pero en Chile está clasificado como ‘Vulnerable’. Nalgunhas zonas do país todavía non se conta con suficientes datos como para determinar o seu estado poblacional.
- Compartes que a maioría das visitas internacionais que recibe o Parque Natural Torres del Paine sexan para ver e fotografiar esta especie tan chamativa e buscada?
Aínda que Torres del Paine leva moitas décadas sendo un destino para montañistas e aventureiros, nos últimos 20 anos aproximadamente, a zona empezou a gañar aínda máis notoriedade pola presencia de pumas, e definitivamente, é o motivo polo que moitos turistas e plataformas de documentais como o National Geographic ou a BBC veñen a este lugar. Esto resultou en que moitas estancias estén deixando a un lado a súa actividade gandeira para centrarse nas actividades turísticas. Aínda que o turismo é un motor económico de moita importancia na zona actualmente, tamén conleva aspectos negativos como a potencial masificación e deterioro dos espazos naturais e interaccións ca fauna que poden acabar sendo negativas para os animais. É importante que se desenvolvan guías e protocolos oficiais para facer avistamentos de fauna, en especial de puma, de forma respectuosa.
Ana Reverter en Ourense en agosto 2023
-Tes vinculación familiar coa Baixa Limia e o Xurés. Deberíamos imitar a xestión que fai Chile dos sus recursos naturais para conseguir un maior despegue do Parque Nacional Peneda-Gerês?
A verdade e que é unha pregunta complexa, pero a grandes rasgos diría que non. En Chile, como noutros moitos países de América, existe unha certa privatización dos espazos naturais. Para poder acceder a lugares como as Torres del Paine, tanto se es estranxeiro como local, é preciso pagar unha entrada, e a moitas zonas e sendeiros do Parque só se pode acceder contratando a un guía. As zonas de acampada están todas privatizadas tamén. Por iso, a min gústame máis o modelo europeo, no que a natureza é un espazo de libre acceso para toda a cidadanía. Nos meses de verán, algunhas zonas do Parque están comenzando a sufrir masificacións e como dicía antes, moitas estancias están deixando de lado as súas actividades tradicionais para dedicarse ó turismo porque é máis rendible. O Peneda-Gerês é un Parque único de gran valor natural, cultural e beleza, e penso que se pode dar cun modelo turístico que atraía a máis persoas sen que iso signifique que no longo prazo todos os habitantes da zona acaben sendo dependentes dese turismo. É importante dar valor e potenciar as actividades e usos do terreo tradicionais.
- Permanecerás en Torres del Paine por moito tiempo? Tras esta experiencia, cal será o teu próximo destino? Xa remataches os estudos de postgrao en Suecia?
A miña estadía aquí é de tres meses e medio. Despois, volverei a Galicia a levar a cabo a análise de datos e redactar o traballo de fin de máster, que se exporá en Suecia en xuño. Todavía non teño claro o meu próximo destino a nivel laboral ou académico. As miñas opcións pasan por facer un doutoramento, traballar con algunha ONG ou opositar para traballar no Ministerio de Transición Ecolóxica.
Foto: Gino Pereira
- Nun futuro profesional e laboral, gustaríache contribuír a mellorar a xestión medioambiental en Galicia? Estamos sabendo aproveitar os recursos naturais de Ourense e de Galicia?
Sí, por suposto que me gustaría aplicar a miña formación en Galicia, concretamente traballando co relativo ós conflitos produto da interacción entre o lobo e as actividades humanas como a gandería, protexendo ambos. A segunda pregunta é moi complexa porque os recursos naturais abarcan moitos sectores e disciplinas nas que eu non teño formación. O que si podería dicir é que sempre se pode dar un paso máis para mellorar as políticas e técnicas de conservación dos ecosistemas naturais. Creo que queda un longo camiño por percorrer para mellorar a nosa convivencia con especies como o lobo ibérico e o oso ou especies cinexéticas como o xabarín.
- Máis alá da formación, do traballo de campo e de la investigación, tes oportunidades para o ocio en Torres del Paine? Qué outras zonas da provincia de Última Esperanza aconsellarías nunha visita ao país?
Durante a realización dos meus traballos de fin de grao estiven en Torres del Paine case 6 meses, polo que tiven tempo para moverme por Chile e Arxentina. A maior parte do meu tempo libre pásoa acompañando ós gauchos a percorrer os campos con ovellas e vacas a cabalo ou a mover gando nos denominados ‘arreos’, xa que a equitación sempre foi a miña gran paixón. En Última Esperanza, a parte de visitar estancias e facer a famosa ruta dentro das Torres del Paine chamada a “W” recomendaría visitar Puerto Natales e ir a Cerro Benítez e Laguna Sofía e visitar a cova do Milodón. Ademais, nunha viaxe de varios días recomendaría ir a Tierra del Fuego, concretamente a Bahía Inútil, onde se atopa a única colonia de pingüín rei fóra da Antártida e visitar a aldea de Chaltén e o Glaciar Perito Moreno, no Parque Nacional dos Glaciares, na Arxentina.
- O clima en Torres del Paine é moi extremo? Estase acusando moito o cambio climático?
O clima da Patagonia está caracterizado por fortes ventos, que dominan e modelan a paisaxe. En Torres del Paine, o vento provén do Campo de Xeo Sur, resultando nun clima seco e árido e unha natureza agreste. Os invernos son fríos, con neve e temperaturas de ata -25 grados e os veráns son temperados. Como no resto do planeta, os efectos provocados polo cambio climático son innegables e imparables se non se dan solucións a todos os niveis na política internacional. Na Patagonia en concreto, os problemas coa sequía estanse agravando, o que provoca grandes perdas na industria gandeira e degrada os ecosistemas.
- Por último, Ana, cando cursaches en Xirona o dobre grao en Bioloxía e Ciencias Ambientais había moi pouca oferta deste nivel de especialización en España. Agora xa se imparten máis graos similares ao que cursaches ti? Contamos con algún deles en Galicia?
Cando eu estaba por comenzar o dobre grao, só se impartía na universidade pública de Xirona e en Navarra nunha universidade privada. Seis anos despois, a situación é a mesma e so é posible estudar ambas carreiras á vez na Universitat de Girona ou na Universidad de Navarra, aínda que é verdade que é posible atopar outras combinacións como a dobre titulación de Ciencias Ambientais e Xeografía, Bioloxía e Biotecnoloxía ou o grao de Bioloxía Ambiental en Barcelona. En Galicia, polo momento non contamos coa opción de estudar o mesmo dobre grao que fixen eu, pero si que é posible estudar ambas carreiras por separado en distintas facultades.