Consellería de Economía e Industria
A Xunta destinará 160 millóns de euros á nova Estratexia de internacionalización das empresas galegas, con horizonte no ano 2028

- A nova planificación estratéxica pon o foco en China e nos países do Mercosur, que contarán con liñas específicas do programa Galicia Conecta, e en ambos casos con importes superiores aos 28 millóns
- O plan aprobado polo Consello da Xunta supera nun 54% o orzamento da Estratexia 2021-2025, e articúlase en cinco eixes: novos mercados (139,4 millóns), innovación (11,5 millóns), acceso á información e fomento da internacionalización (6,7 millóns), Rede Exterior do Igape (2,9 millóns) e atracción de investimentos (1 millón)
- Alfonso Rueda salientou que nun contexto condicionado polas tensións xeopolíticas e comerciais e pola reconfiguración dos fluxos do comercio mundial, “Galicia parte dunha moi boa posición, porque as exportacións galegas medraron máis dun 60% na última década e en 2025 situouse como a quinta Comunidade en volume exportador, con máis de 30.900 millóns de euros”
- A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, resumiu que a Estratexia de internacionalización fixa como metas alcanzar os 32.000 millóns de euros en exportacións e incrementar nun 20% a base exportadora regular e nun 50% as vendas nos mercados clave de Asia, Mercosur e Norteamérica
- Outros obxectivos son elevar nun 20% as empresas apoiadas en internacionalización dixital e captar 600 millóns de euros de investimento internacional
O Consello da Xunta aprobou a nova Estratexia de internacionalización das empresas galegas con horizonte 2028, para a que a dotación económica sobrepasa os 160 millóns de euros. Este orzamento supera nun 54% o da Estratexia 2021-2025. Na comparecencia posterior á celebración do Consello, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, remarcou que o obxectivo “é que cada vez máis empresas galegas vendan fóra, que o fagan de forma estable e que cheguen a novos mercados”. A nova folla de ruta poñerá especial interese, segundo detallou o presidente Alfonso Rueda, “en dous destinos que ofrecen grandes oportunidades, como son China e os países do Mercosur”.
Nun contexto condicionado polas tensións xeopolíticas e comerciais e pola reconfiguración dos fluxos do comercio mundial, Galicia parte dunha moi boa posición, porque as exportacións galegas medraron máis dun 60% na última década e en 2025 situouse como a quinta comunidade autónoma en volume exportador, con máis de 30.900 millóns de euros. Ademais “hai case 3.000 empresas galegas que exportan de xeito habitual”, resaltou Rueda. Por sectores, a conselleira de Economía e Industria salientou que máis da metade das vendas fóra de España corresponden á automoción e ao téxtil.
Co soporte destes resultados, a nova Estratexia dá continuidade ao traballo desenvolvido no período 2021-2025 e incorpora novas medidas para ampliar a base exportadora, diversificar destinos e facilitar a consolidación das empresas nos mercados internacionais. A planificación aprobada estrutúrase en cinco eixes e en catorce plans de acción, que combinan información, formación, promoción exterior, financiamento e captación de investimentos.
GALICIA CONECTA CHINA E MERCOSUR
O eixe relativo a novos mercados é o que concentra a maior dotación da estratexia, con 139,4 millóns de euros. Integra os principais instrumentos de apoio directo ás empresas para impulsar o seu crecemento e consolidación nos mercados internacionais. Deste xeito recolle subvencións para a promoción exterior, a participación en feiras e misións comerciais e a apertura de novos mercados, así como instrumentos de financiamento que faciliten a implantación empresarial no exterior, tanto mediante financiamento directo como a través de capital risco.
Neste eixe, poranse en marcha novos programas como Galicia Implantación Exterior, con 50,4 millóns de euros, para apoiar o establecemento e consolidación das empresas galegas noutros países. A diversificación de mercados reforzarase con Galicia Conecta Mercosur, dotado con 28,4 millóns, e Galicia Conecta China, con 28,35 millóns, para impulsar novas oportunidades comerciais nestes destinos.
A estas iniciativas súmase Galicia Conecta País-Sector, con 32,3 millóns de euros, para desenvolver actuacións de internacionalización adaptadas aos sectores estratéxicos da economía galega. En definitiva, a nova Estratexia de internacionalización pivotará sobre as principais áreas xeográficas que poden representar unha oportunidade para o tecido empresarial galego, con especial atención a Estados Unidos e México no caso de Norteamérica, e da China e Xapón, no de Asia.

IA PARA IDENTIFICAR OPORTUNIDADES DE NEGOCIO
O segundo eixe irá dedicado á internacionalización da innovación e contará con 11,45 millóns de euros, a través de iniciativas como Internacionalización Dixital, con 8,28 millóns; Galicia Empresa Global, con 2 millóns, para apoiar o crecemento internacional de startups; e a Aceleradora Galicia Internacional, con 1,17 millóns, orientada á expansión de proxectos innovadores.
O eixe sobre acceso á información e fomento da internacionalización estará dotado con 6,67 millóns de euros e inclúe, entre outras, actuacións como Galicia Talento Internacional, con 5,33 millóns, para reforzar a formación e incorporación de profesionais especializados en comercio exterior; ou o Centro de Intelixencia de Mercados, que utilizará ferramentas de análise de datos e intelixencia artificial para identificar oportunidades de negocio.
A Estratexia ata 2028 tamén reforzará a Rede Exterior do Igape, con 2,86 millóns de euros, para apoiar ás empresas galegas en destino, identificar oportunidades de negocio e captar investimentos para Galicia, conectando as antenas internacionais coas asociacións de empresarios galegos no exterior, antigos bolseiros e directivos con experiencia internacional. Neste marco, ás seis antenas actuais nos Estados Unidos, México, Marrocos, China, Xapón e Emiratos Árabes Unidos sumaranse dúas novas no Brasil e Arxentina, reforzando a presenza de Galicia nos mercados do Mercosur.
Pola súa banda, o quinto eixe incorpora un Plan de atracción de investimentos, dotado cun millón de euros, para “seguir captando novos proxectos empresariais de fóra á Galicia”, indicou o presidente da Xunta.
Mentres, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, resumiu que a Estratexia de internacionalización fixa como metas alcanzar os 32.000 millóns de euros en exportacións, incrementar nun 20% a base exportadora regular e aumentar un 50% as exportacións aos mercados estratéxicos de Asia, Mercosur e Norteamérica. Tamén busca incrementar un 20% as empresas apoiadas en internacionalización dixital e captar 600 millóns de euros de investimento internacional. Con esta nova folla de ruta, a Xunta reforza o acompañamento ás empresas galegas, desde os primeiros pasos na exportación ata a súa consolidación e implantación no exterior, impulsando a súa competitividade e proxección internacional.

























