Consellería de Economía e Industria
A ampliación do Parque Empresarial de Pereiro de Aguiar avanza coa adxudicación da redacción do proxecto de expropiación dos terreos, cos que aumentará nun 38% a súa superficie

- Na fase de ampliación sumará preto de 231.000 metros cadrados, co que pasará a contar cun total de 832.000 no ano 2028
- O contrato do proxecto de expropiación ten un prazo de execución de 18 meses e inclúe toda a tramitación necesaria para a adquisición das fincas
- A ampliación do Parque de Pereiro conta cun orzamento de 19,8 millóns e está enmarcada na aposta da Xunta por aumentar o solo empresarial da provincia, onde ten en marcha actuacións por 126 millóns de euros para crear máis de 2,8 millóns de metros cadrados de superficie industrial ata 2030
A Xunta de Galicia avanza na ampliación da Fase III do Parque Empresarial de Pereiro de Aguiar, en Ourense, coa adxudicación á empresa TPF Getinsa Euroestudios da redacción do proxecto para a expropiación dos terreos do polígono, que pasará a contar con preto de 832.000 metros cadrados de superficie. O contrato ten un prazo de execución de 18 meses e inclúe a redacción do proxecto e toda a tramitación necesaria para a adquisición das fincas. Con esta adxudicación, o Goberno galego, a través de Xestur -Sociedade de Xestión do Solo de Galicia- cumpre o seu compromiso de axilizar os prazos para que o solo empresarial poida estar dispoñible ao longo do ano 2028. Deste xeito, este polígono ourensán que forma parte do cinturón industrial da cidade, sumará case 231.000 metros cadrados á súa superficie actual, o que supón un incremento do 38% sobre o existente.
A ampliación do Parque Empresarial de Pereiro, que conta cun orzamento de 19,8 millóns de euros, enmárcase na estratexia da Xunta de crear un tecido empresarial forte e competitivo, dotándoo de máis solo empresarial e coa base nun modelo de desenvolvemento industrial ordenado, eficiente e respectuoso co medio ambiente, que atraia investimentos, que favoreza a creación de emprego e que garanta o equilibrio territorial.
Esta actuación enmárcase na aposta da Xunta por aumentar o solo empresarial dispoñible en Galicia. No caso da provincia de Ourense, o Executivo autonómico ten en marcha diversas actuacións que permitirán crear máis de 2,8 millóns de metros cadrados de superficie industrial, cun investimento superior aos 126 millóns de euros ata o ano 2030.
Ademais, xa están rematadas as obras de ampliación do parque empresarial de Xinzo de Limia, mentres que as obras de urbanización da ampliación do parque de San Cibrao das Viñas están a piques de comezar. Por outra banda, tamén se continúa traballando na tramitación dos Peose (Plan Estruturante de Ordenación do Solo Empresarial) dos parques empresariais de O Carballiño-Maside e Paderne de Allariz.

























